‘Army of the Dead’: Razóns para non saír de festa con Zack Snyder

Despois de ver Army of the Dead, creo que se pode haber unha conclusión clara. Saír de festa con Zack Snyder non parece unha boa idea. Se non estaba claro antes, quero dicir. Vendo a súa filmografía imaxino a unha persoa destas que parecen molar moito, parecer o mellor en todo e o máis divertido, pero en canto as horas avanzas conta todos os seus problemas sen coñecer de nada a ninguén. Se é a excepción, é algo totalmente comprensible. Se é a norma, un completo turras.

É o que demostra nesta última película. Estamos afeitos a ver a Zack Snyder nun contexto moi serio, moi sentido e incluso demasiado transcendente para o que conta. A min persoalmente non me agrada demasiado, pero hai que recoñecer que é a súa marca persoal e iso per se non é algo negativo. Aínda que partindo diso se poidan facer filmes de baixa calidade, iso é outro asunto.

Todo ten unha excepción, e a película diferente de Snyder é Amencer dos mortos. Foi a primeira longametraxe da súa carreira, un remake do mítico filme de George A. Romero e unha película realmente interesante que sen ser perfecta semellaba que este era un director prometedor. Unha película de zombies correcta e onde Snyder deixaba fluír a festa que ten dentro. Entre outras cousas, por iso se agardaba con tanta expectación Army of the Dead, había ganas de volver ver a este director fronte unha película destas características.

Nótase que a película ten mimo, que está coidada e que Snyder deu todo para que o proxecto saíra adiante, exactamente igual que coa Liga da Xustiza. Pero en ningún dos dous casos, iso non implica que sexa un bo filme. Iso si, a capacidade que ten Snyder de levar adiante proxectos co seu selo é algo bastante pouco habitual nun contexto onde parece que prima ser homoxéneo. E iso é positivo sexa cal sexa o resultado.

Falando xa da película, o seu principal problema é que en ningún momento deixa fluír como debería os momentos de máis acción. Hai un contraste torpe entre escena de celebración mesturada con sangue propias do xénero cun transfundo dramático dos personaxes tópica e moi mal narrada. En vez de dar información útil, corta completamente o ritmo do filme volvéndoa bastante tediosa por momentos. E facer unha película de zombies aburrida ten o seu mérito.

Sobre todo cando neste caso os zombies si están moi ben coidados. A nivel visual e de deseño teñen moito carisma, e as escenas de acción están rodadas dun xeito correcto. Estas son o mellor momento do filme e teñen un ton correcto. O problema, coma sempre neste director, é esa manía de dotar a todo dun revestimento sentido moitas veces absurdo. E, en ocasións, como é neste caso, rompe totalmente o filme.

E, insisto, nótase que hai un certo esforzo en facer unha película de zombies algo diferente. Sobre todo dende o punto de vista destas critarutas. Non é a primeira vez que se fai, pero si é pouco habitual que a sociedade destes seres sexa tan intelixente e estea tan ben organizada. E se estivera mellor narrada, sería o aspecto máis relevante do filme.

Ao final o que prometía ser unha festa remata cun sabor agridoce. Con momentos divertidos, pero que no seu conxunto é algo pesado e demasiado longo. A celebración queda pola metade e métense polo medio asuntos moi pouco interesantes. Zack sintoo moito, pero non estás convidado ao meu aniversario.

Dirección: Zack Snyder
Guión: Zack Snyder, Shay Hatten, Joby Harold
Fotografía: Zack Snyder
Música: Junkie XL
Ano: 2021
País: Estados Unidos
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.