As 10 películas que máis agardamos de 2020

Tras comer as uvas e deixar uns días para a dixestión das comidas e para ver aqueles filmes do 2019 que quedaron polo camiño, en Balea Cultural gústanos aventurarnos no descoñecido como a meirande parte da xente e seleccionamos dez películas que agardamos con moitas ganas deste 2020 que xa comezou. Algunha nuns días estarán en cines e para outras haberá que agardas practicamente un ano, pero o importante é comezar a falar do que ven, que é moito.

Dune

Denis Villeneuve

Estados Unidos

Ciencia ficción e Denis Vileneuve é un cóctel que xa estamos afeitos a ver despois de filmes tan destacados como A Chegada e Blade Runner 2049. Mais se lle engadimos a adaptación dunha das novelas máis destacadas e complicadas de adaptar (nin tan sequera David Lynch cumpriu de todos as expectativas) e a interpretación protagonista por parte de Thimotee Chalamet estamos probablemente ante o filme máis agardado de todo 2020. Toca agardar ata decembro!

O faro

Robert Eggers

Estados Unidos

Fai dous anos, Robert Eggers marabillou ao mundo con The Witch, un filme que comanda xunto con outras obras como Hereditary a nova ola no xénero de terror. Agora sorpréndenos cunha obra ben distinta. A branco e negro e protagonizada por Robert Pattinson e William Defoe, promete angustia, viscedaridade e ata dentro de poucos días moitas dúbidas

Vida oculta

Terrence Malick

Estados Unidos

Os últimos traballos de Terrence Malick non destacan pola súa excelencia precisamente, mais si que por grandes aspiracións no conceptual que na praxe non se viron de todo reflexadas. Mais do director de filmes como A delgada liña vermella sempre se agarda o mellor. Neste caso narra a historia dun obxector de conciencia austríaco que se negou a prestar xuramento a Hitler tras a adhesión do seu país a Alemaña.

Matthias & Maxine

Xavier Dolan

Canadá

Xavier Dolan é probablemente a maior promesa da última década no cinema independente. Tras a estrea de Mommy no 2014, estivo en boca de todos. Agora, seis anos despois e tras algún tropezo no camiño ten a oportunidade de consagrarse definitivamente con esta historia protagonizada por el mesmo de como afecta a un grupo de mozos que dous amigos comecen a sentirse atraídos mutuamente.

Tenet

Christopher Nolan

Estados Unidos

Christopher Nolan é sinónimo de polaridade e polémica. Película que dirixe, película que consegue converterse en debate a nivel mundial. Estamos seguros de que Tenet non vai ser menos. Polo visto no seu tráiler, parece que o director estadounidense volve a utilizar a temática dos viaxes no tempo para o argumento. De momento non se sabe moito máis, pero é de seguro que o filme dará para falar, tanto para ben como para mal.

Mank

David Fincher

Estados Unidos

Se o ano pasado o gran nome para o cinema de Netflix foi The Irishman con espectacular resultado, parece que o 2020 terá a firma de David Fincher. Este filme en branco e negro conta a historia de Herman J. Mankiewicz (Gary Oldman), coguionista de Cidadán Kane, a considerada por moitos o filme máis influínte de toda a historia do cinema. Aínda non ten data de estrea, pero contamos os días!

Soul

Pete Docter, Kemp Powers

Estados Unidos

Este ano Pixar presentará dous longametraxes, pero nós quedámonos con Soul. Dos creadores de Inside Out chega está secuela podería dicirse emocional. Nesta aventura, das máis complicadas de crear de toda a historia da compañía, que esta vez mostrará de onde ven as motivacións e soños que ten un na vida. Se é a metade de boa que Inside Out, valerá a pena.

Last Night in Soho

Edgar Wright

Reino Unido

Do novo de Edward Wright pouco se sabe ademais de que será un filme de terror psicolóxico. É unha das grandes apostas do filme, xa que non se sabe moito, mais despois de fantástica Baby Driver queremos ver que é capaz de facer este director nun terreo tan diferente.

Uncut Gems

Ben Safdie, Joshua Safdie

Estados Unidos

Quen nos ía dicir a estas alturas que Adam Sandler era un bo actor. Non, non peches a páxina aínda. Iso é o que din todos os que ven este filme que chegará a Netflix a finais de xaneiro e xa só por iso é imposible non agardar a poder vela. Podo demais, un thriller de suspenso que promete facer as delicias dos amantes do xénero

1917

Sam Mendes

Reino Unido

1917 é unha película bélica ambientada na Primeira Guerra Mundial. Ata aquí nada novo, pero que comezamos a ver que ten a apariencia de estar rodada nun único plano secuencia e que lle ganou o Globo de Ouro a filmes como The Irishman, pois as ganas de vela comezan a ser tremendas. Polo menos, poucos días quedan para poder ver esta película dirixida por Sam Mendes.

Pódeche interesar...
‘O que arde’ consegue o seu segundo Goya