As 20 películas de 2019

2019 foi un ano no que puidemos ver películas dalgúns dos directores máis relevantes a nivel internacional, estatal e nacional. Figuras que xa forman parte da historia do cine como Martin Scorsese, Quentin Tarantino ou Pedro Almodóvar lanzaron algúns dos filmes máis persoais das súas carreiras. Por outra banda en Galicia directoras como Diana Toucedo ou Óliver Laxe foron capaces de filmar as serras dos Ancares e o Courel como nunca antes as tiñamos visto na grande pantalla en filmes que deron a volta ao mundo.

Foron moitas as películas que nos chamaron a atención este ano e unha vez máis recompilamos nunha lista aquelas obras que máis nos namoraron ao longo do 2019. Fáltavos algunha? Como xa sabedes esta é a nosa opinión e animámosvos a que nos deixedes nos comentarios cales foron as vosas películas favoritas do ano.

O Vicio do Poder

Adam McKay

Estados Unidos

Se por algo destaca O vicio do poder, dirixida impecablemente por Adam McKay, é por afastarse do biopic clásico. A película introduce a sátira como elemento central da historia, mais a enunciación de datos é propia dunha reportaxe xornalística. Por suposto, é ficción, pero o proceso de documentación é moi destacable, máis tratándose dun home tan discreto como o ex-vicepresidente estadounidense Dick Cheney.

Longa Noite

Eloy Enciso

Galicia

Longa Noite foxe da literalidade de filmes sobre a Guerra Civil e a posguerra que se viron tantas veces. Con todo, é igualmente certo que a película ten unha barreira de entrada bastante alta. É un filme que vai máis aló da denuncia e invoca un cinema sobre a memoria, pero non soamente sobre a necesaria memoria sobre o franquismo, senón que tenta ir máis aló.

O Blues de Beale Street

Barry Jenkins

Estados Unidos

O blues de Beale Street é unha desas películas que dende o pequeno son capaces de artellar un discurso que transcende a súa propia existencia. Cada vez que Jenkins colle a cámara, Beale Street ten un megáfono, sexa onde sexa.

Mula

Clint Eastwood

Estados Unidos

Nesta historia, Clint Eastwood, ademáis de dirixir, retoma a actuación para interpretar a un ancián con problemas de cartos que, sen ser consciente nun primeiro momento do que estaba a facer, comezará a transportar droga no seu vehículo tras unha proposta de traballo. Non se trata da mellor película de Eastwood, pero si ocupa un oco entre os filmes máis destacables do estadounidense.

Os Dous Papas

Fernando Meirelles

Reino Unido

O primeiro acerto de Fernando Meirelles á hora de realizar Os Dous Papas foi o casting. Anthony Hopkins e Jonathan Pryce logran coas súas interpretacións e caracterizacións facer realistas as longas conversas que conforman este filme, nas que se contrapoñen dúas ideas do papel da relixión na actualidade, aínda que sen atrever a abordar con contundencia os asuntos máis escabrosos.

Trinta Lumes

Diana Toucedo

Galicia

Este ano, a grande protagonista do cinema galego foi O que arde. Porén, houbo outra película que soubo poñer o ollo sobre o rural galego dende unha perspectiva novidosa e moi cinematográfica, e que tamén logrou recoñecementos en festivais ao longo do mundo. Trinta lumes atópase tan preto do documental como da ficción, filmada nunha serra do Courel tan natural e realista como chea de misticismo.

A Virxe de Agosto

Jonás Trueba

España

Case de casualidade, Jonás Trueba rematou sendo n’A Virxe de Agosto o altofalante dunha xeración sen expectativas. Persoas que non saben cal é o seu fogar, que sendo pais aínda teñen que vivir en pisos compartidos, aos que lles venderon unha mentira chamada Universidade e que se sinten turistas na súa propia cidade porque non saben cal pode ser en cinco anos.

Ata Sempre, Meu Fillo

Wang Xiaoshuai

China

A película china do 2019. Nas súas máis de tres horas de metraxe, conta a historia dunha familia ao longo das décadas intercalando diferentes flashbacks de maneira moi intelixente. Contén dos mellores xiros de guión do ano e uns niveis de drama estratosféricos notablemente dirixidos. Estaría máis alta se non fora porque a pretendida crítica social transfórmase en propaganda impostada, entorpecendo a narración

Under the Silver Lake

David Robert Mitchell

Estados Unidos

Na primeira semana do ano, polo que moitas persoas quizais non se lembren, estreábase este grande filme. Despois de facer un dos mellores filmes de terror da década, It Follows, David Robert Mitchell abandona o xénero para facer unha película tan singular como destacada. Andrew Garfield interpreta un papel tan louco e profundo como poucas veces fixera nunha longametraxe.

A Favorita

Yorgos Lanthimos

Reino Unido

En A favorita Yorgos Lanthimos abandonou a depravación explícita de traballos anteriores para contar unha historia de aires moito máis sutís, aproveitando un presuposto moito maior que o das súas obras previas para contar unha historia diferente e apaixonada sobre amor, envexas e vinganza. A Favorita é unha obra marabillosa e de gran desfrute que non poderíamos esquecer nesta lista.

High Life

Claire Denis

Reino Unido

A última película de Claire Denis trata dunha sociedade onde os reclusos son utilizados para experimentos no espazo exterior. Ambientado no interior dunha nave espacial navegando cara o buraco negro máis próximo ao planeta Terra, este filme transcende as fronteiras do xénero da ciencia ficción, pasando a explorar ideas existencialistas moi similares ás que se atopaban no seu anterior traballo, Un Sol Interior.

Ad Astra

James Gray

Estados Unidos

Con Ad Astra James Gray puxo sobre a mesa toda unha carta de resposta ao que plantexou Stanley Kubrick en 2001: Unha Odisea no Espazo. En Ad Astra, o astronauta Roy McBride, interpretado por Brad Pitt, viaxa ata os límites do sistema solar para comprender que as cousas verdadeiramente importantes non están na outra punta do universo, senón moito máis cerca.

Os Miserables

Ladj Ly

Francia

Ópera prima de ficción do realizador Ladj Ly, Os Miserables é un filme no que o carácter case documental enche cada unha das escenas da longametraxe. Nesta historia que transcorre en pouco máis dun día, un policía chega a París para unirse á brigrada criminal que actúa no municipio de Montfermeil. Trátase dun cine comprometido con aquelo que conta, de forte carga sociopolítica e crítica coa actuación policial nas zonas máis desfavorecidas, sen deixar de lado as chaves para a creación dun thriller policíaco que aumenta o seu ritmo ata levarnos a un dos finais máis tensos e impactantes do cinema destes últimos anos.

Midsommar

Ari Aster

Estados Unidos

Ari Aster deixaba en 2018 un filme chamado a renovar o cinema de terror, Hereditary, que por suposto incluímos no mellor do ano. Midsommar vai máis alá na ambición de Aster nunha obra de terror diurno que mestura o mellor de O Bosque cunha homenaxe a filmes como O home de mimbre. Unha angustiosa experiencia de fermosa fotografía e estupenda banda sonora. Recomendada para todos os amantes do cinema, que non para todos os estómagos.

Once Upon A Time in Hollywood

Quentin Tarantino

Estados Unidos

Once Upon a Time in Hollywood é unha carta de amor ao cinema por parte de Quentin Tarantino, que desta vez deixa un pouco de lado a violencia para facer un oco a todavía máis referencias cinematográficas. A pesares de que en numerosas ocasións se acusou a esta obra de non ter a esencia do director, resulta ser todo o contrario, xa que probablemente se trate do filme que máis vivencias e lembranzas do autor contén.

Historia dun Matrimonio

Noah Baumbach

Estados Unidos

Outro filme de Netflix para a lista. Neste caso, trátase do novo filme de Noam Baumbach estreado fai menos dun mes. Máis que historia dun matrimonio trátase da historia dun divorcio, tratado dun xeito totalmente realista indo moito máis alá do melodrama. Adam Driver e Scarlet Johansson fan probablemente o papel das súas vidas, e Barboach, o seu mellor filme. Unha película filla de Bergman cunha ollada un pouco menos lesiva sobre os seus personaxes.

Parasitos

Bong Joon-ho

Corea do Sur

Este filme é o remate da consagración a nivel internacional do director coreano Bong Joon Ho. Gañadora da Palma de Ouro no Festival de Cannnes, esta longametraxe, que engancha dende o minuto un, desenvolve unha reivindicación social loable a partir da comedia mentres o coreano dá unha demostración maxistral de dirección e de tratamento de interiores.

Dor e Gloria

Pedro Almodóvar

España

Dor e gloria é unha das obras máis persoais de Almodóvar. Alabado tanto polos fans do director como polos que non o son tanto, este filme é un dos máis emocionais que se puideron ver neste 2019 que remata. Unha fotografía magnífica, a mellor interpretación da carreira de Antonio Banderas e un fotograma final dos que se lembran por sempre e a sitúan como unha das imprescindibles do ano.

O Que Arde

Óliver Laxe

Galicia

O que conseguiu Óliver Laxe neste 2019 con O que arde merece especial mención. Que un filme en galego, rodado nos Ancares e con actores non profesionais saíse premiado do prestixioso festival de Cannes supón todo un orgullo para o cinema galego. A expectación por poder ver este filme era enorme despois das boas palabras que chegaban de cada festival no que se proxectaba a película e, unha vez alcanzou os nosos cines, non decepcionou.

O que arde é unha mostra máis de que Óliver Laxe é unha director cunha ollada xenuinamente cinematográfica coa que é capaz de narrar historias sinxelas para facelas absolutamente poderosas, tal e como sucede neste filme, no que destaca a man de Mauro Herce na fotografía.

O Irlandés

Martin Scorsese

Estados Unidos

O primeiro posto é nada máis e nada menos que para O Irlandés. Scorsese firma a súa mellor película en décadas no que tamén é un golpe na mesa de Netflix na súa persoal carreira do cinema. O filme conta a historia de Frank Sheeran, interpretado magníficamente por Robert de Niro nunha historia de mafia que reflexiona sobre o propio papel do mafioso.

Unha obra xenialmente rodada onde De Niro constrúe a tríada xunto cun Joe Pesci voltado do retiro para grabala e un Al Pacino tamén moi destacado. O Irlandés é cinema, e do bo, do de contar aos teus fillos como viviches a súa estrea. Como dixemos na crítica, Martin, non morras nunca! Longa vida ao cinema! Brindemos por un 2020 por filmes tan bos ou mellores ca estes.

Pódeche interesar...
Dúas semanas tomando un café coas Tanxugueiras