As distintas caras de Blade Runner

O clásico de Ridley Scott ambientado nun novembro de 2019 alternativo conta con ata sete versións diferentes

É probable que moitas das persoas que viron nalgún momento das súas vidas o icónico filme de Ridley Scott, Blade Runner, viran películas distintas. E é que existen ata sete versións diferentes desta película, onde a narración de Rick Deckard aparece e desaparece ao igual que os seus soños, e mesmo o final da película é distinto. Neste mes de novembro de 2019 no que a historia de Blade Runner deixa de estar ambientada no pasado, a estalo nun presente alternativo, repasamos as distintas versións deste clásico de 1982, como guía para facer as cousas máis fáciles á hora de decidir cal pode ser a mellor opción de cara a revisitar o filme de Scott.

Workprint (1982)

Antes de estrear as películas nos cines, os grandes estudos acostuman a realizar pases de proba dos filmes para coñecer a reacción do público e realizar modificacións sobre o produto a partir dela. A versión Workprint de Blade Runner, de 113 minutos, presentouse en Denver e Dallas en marzo de 1982. Tamén en Los Ángeles e San Francisco, en 1990 e 1991, como unha versión do director, que con todo non contaba coa aprobación do mesmo.

A recepción negativa en 1982 levou ás modificacións que derivaron na versión estreada en cines, mentres que a resposta positiva ás proxeccións de 1990 e 1991 convenceu ao estudo para aprobar a realización dunha versión do director. Posteriormente, a Workprint foi incluída na edición especial de cinco discos de 2007.

Entre as principais diferenzas da Workprint e as outras versións atópase a secuencia de apertura dos títulos de crédito que explica a historia e o pasado recente dos replicantes non está presente nesta versión. No seu lugar, aparece a definición de «replicante» dunha edición ficticia de 2016 do Novo Dicionario Americano. Cando Deckard toca o piano nun arranque depresivo, tampouco está a secuencia do soño do unicornio ou a música de fondo.

A parte final da película non vai acompañada da música de Vangelis debido a que aínda non foran compostos os temas correspondentes, usándose no seu lugar bandas sonoras como a do planeta dos simios de Jerry Goldsmith ou Humanoids from the Deep e The Hand de James Horner. Tamén se mostran tomas diferentes da morte de Roy, acompañadas da voz over de Deckard, empregada soamente nesta escea. Tampouco hai un final feliz nesta versión, que remata co peche das portas do ascensor do apartamento de Deckard, con el e Rachael no seu interior.

San Diego Sneak Preview (1982)

A San Diego Sneak Preview só se proxectou unha vez en maio de 1982. Esta versión é case idéntica á estreada o mes seguinte en Estados Unidos, excepto polo feito de que inclúe tres escenas adicionais non vistas anteriormente nin despois, incluíndo a versión final de 2007: Roy Batty facendo unha chamada desde a cabina para ver se está Chew, Deckard recargando a súa Blaster tras disparar a Roy Batty, e tomas aéreas de Deckard e Rachael conducindo cara a unha posta de sol.

Ao igual que a Workprint, esta montaxe é tamén unha versión inacabada da película polo que en moitos sentidos pode resultar un produto todavía sen pulir, pero que permite poder botar unha ollada á visión orixinal do director antes da intervención dos estudos, e neste caso sorprende a ausencia do soño do unicornio que Scott introduciría máis tarde. Con todo, a montaxe da San Diego Sneak Preview resulta moi complexa de atopar estes días, quizáis polas súas grandes similitudes coa Workprint.

Domestic Cut (1982)

A versión estreada nos cines de Estados Unidos (116 minutos) incluía o final feliz imposto por Bud Yorkin e Jerry Perenchio de Tandem Productions usando unha escena rodada a finais de marzo de 1982 en Big Bear Lake (California) e imaxes aéreas filmadas no parque nacional dos Glaciares (Montana) para a película O resplandor de Stanley Kubrick, e a adición da voz en off de Harrison Ford.

International Cut (1982)

A montaxe internacional (117 minutos) foi a versión estreada fóra de Estados Unidos e inclúe planos máis violentos cando Batty mata a Tyrell, durante a loita de Deckard con Pris e na persecución final que non están na versión estadounidense.

Versión para televisión (1986)

A versión para televisión en Estados Unidos (114 minutos) foi editada pola compañía de televisión CBS co fin de rebaixar o nivel de violencia, palabrotas e os espidos femininos. Emitiuse por primeira vez en febreiro de 1986.

Director’s Cut (1992)

A montaxe do director (116 minutos) autorizada por Ridley Scott e estreada nos cinemas o 11 de setembro de 1992 foi motivada pola boa recepción das proxeccións non autorizadas do Workprint en 1990-1991. O Director’s Cut estivo dispoñible en VHS e Laserdisc en 1993, e en DVD en 1997. Houbo cambios significativos respecto da versión estreada en 1982. Scott proporcionou numerosas notas e orientación a Warner Bros, aínda que a película foi editada polo restaurador de películas Michael Arick.

As principais diferencias atópanse na eliminación da narración de Rick Deckard, a inserción da secuencia do soño cun unicornio correndo por un bosque que da a entender que o personaxe interpretado por Harrison Ford podería ser un replicante e a eliminación do final feliz imposto por Tandem Productions. O filme termina ambiguamente cando se pechan as portas do ascensor.

Final Cut (2007)

O Final Cut (117 minutos), estreado en cinemas o 5 de outubro de 2007, e posteriormente en DVD e Blu-ray en decembro de 2007, é a única versión sobre a que Ridley Scott tivo o control artístico completo, xa que na produción do Director’s Cut el non estaba directamente a cargo.

O Final Cut ofrece unha versión completamente restaurada da película que inclúe unha versión expandida do soño do unicornio máis unha chea de pequenos axustes de imaxe e son que fan desta montaxe a versión máis abraiante a nivel audiovisual. A fotografía é menos escura, permitindo descubrir novos detalles dese Los Angeles 2019 alternativo. Ademais, a actriz Joanna Cassidy rodou unha nova versión da morte de Zhora para reemplazar un plano onde se podía ver o rostro da súa dobre. Ridley Scott asegura que esta é a versión definitiva da película.

Á hora de falar de produtos completamente rematados, poderíase dicir que existen dúas versións de Blade Runner que sobresaen sobre as demáis. A primeira delas sería o International Cut, a montaxe que lembrarán aqueles que viviron a estrea desta película nos cines. Están máis que documentadas as intromisións dende a produción nesta montaxe, coa presenza da voz en off ou o final feliz, porén moitas persoas seguen prefirindo esta versión da película, que segue unha forma máis próxima ao cine negro clásico.

A outra versión definitiva da película de Ridley Scott é este Final Cut, onde se plasma a versión persoal do director, cun tono moito máis meditativo. A pesares de que esta versión de Blade Runner non foi lanzada ata o ano 2007, durante a pasada década foi consolidándose como a montaxe definitiva da película e aquela que fai máis xustiza ao seu status como obra de culto. Non sorprende que Denis Villeneuve, director da secuela Blade Runner 2049, tamén se decanta por esta versión do clásico de Ridley Scott, a pesares de ter tamén boas palabras para a montaxe orixinal:

Crieime co corte orixinal, a versión orixinal que a Ridley non lle gusta. Ese é o Blade Runner ao que me introduciron nun principio e o que me encantou durante anos, pero debo dicir que son alguén que aprecia moito a última montaxe, a versión Final Cut. Así que entre todos os diferentes cortes, para min son a primeira e a última as que máis me inspiran.

Denis Villeneuve
Pódeche interesar...
Esmorga Fest 2020: Los Punsetes, Cariño e Yawners, primeiras confirmacións