Ata sempre meu fillo, unha película tan brillante como deshonesta

Un neno non quere ir a un embalse a xogar porque non sabe nadar. Inmediatamente despois, nun gran plano xeral móstrase uns adultos na distancia correndo e levantando un corpo. Así comeza Ata Sempre Meu Fillo, cun par de planos que son unha declaración de intencións do que é a película: unha bella e complexa historia chea de dramatismo -as veces contido, ás veces non- e cunha crítica a China, o país de orixe do seu director Wang Xiaoshuai, se ben lícita, non todo o honesta que cabería agardar.

O guión é impecable. Fuxe da lóxica acción-reacción e crea primeiro desconcerto para máis tarde dar ferramentas ao espectador para entendelo todo. Ou polo menos para intentalo, porque se introducen pistas pastas que non molestan, senón que dotan dunha gran profundidade a esta historia construída a través de flashbacks e flashforwards. Ademais, este filme posúe dos xiros de guión máis impecables que vin en moito tempo e que fan valorar as máis de tres horas que dura a película como ouro en pano.

A dirección tamén é fantástica, cunha elección de planos espectaculares. A cámara afastada cando ten que estar e preto cando é adecuado. Créase así unha intimidade nos interiores, onde hai un predominio da cámara fixa e panorámicas pausadas. A composición xoga un papel clave para conseguir os sentimentos que quere acadar, normalmente o contrarios aos que se sentiría nun fogar máis acolledor.

Por outra banda, nos exteriores normalmente se opta por unha mirada máis afastada. Grandes planos xerais ou composicións onde non se ven aos personaxes con claridade debido aos elementos que a rodean. O obxectivo é crear unha sensación de baleiro de deshumanización. Esta tónica rómpese cando a nivel dramático é preciso. Úsanse planos secuencia e travellings que serven de contraste co anterior. Onde había contención e inmobilismo, de repente hai movemento, tensión e incluso ira.

GRANDES INTERPRETACIÓNS

Outro elemento destacado é a interpretación do reparto, non por nada os actores principais acadaron dous Osos de Plata da Berlinale. Especialmente Wang Jingchun fai un traballo fantástico como un protagonista con máis capas que unha cebola e que borda á perfección. Esta película, ademais de polos seus inmensos matices é complicada de levala adiante a nivel actoral porque o punto vitais das personaxes cambian tremendamente ao longo dos corenta anos que abrangue o filme.

Tendo en conta que o tempo non é lineal, que non resulte estraño e cadre case todo á perfección soamente é posible grazas a unha interpretación a unha dirección de actores fascinante e unha montaxe magnífica.

A CRÍTICA A CHINA

Entón cal é o problema? O xeito no que se introduce a crítica ao goberno chino. O filme atravesa catro décadas dunha China que fai poucas semanas cumpriu setenta anos. Pretende dar unha panorámica histórica do contexto sociopolítico ao longo dese tempo, dende a implantación da lei de fillo único ata hoxe. E a eiva non é que se faga denuncia social, senón a forma de incorporala na película.

En primeiro lugar, non existe ningún tipo de contexto. Non é un reportaxe xornalístico, non se está na obriga de incorporalo, pero introducir os feitos como os introduce (a través de penurias individuais coas que se poden empatizar a nivel humano, pero que parten de medidas que a nivel colectivo teñen sentido) é interesado tendo en conta que aínda que esta película se exhiba ou non no seu país de orixe, ten unha clara vocación de moverse internacionalmente case en exclusiva.

Por outra banda, algúnss destes elementos son metidos a calzador e quebran o guión totalmente. Momentos anticlimáticos que destrúen escenas e provocan en certo punto ata risas en instantes onde non deberían ocorrer. Cae case na parodia, especialmente nos momentos nos que elementos do Partido Comunista saen en pantalla. A crítica é lícita, obviamente o señor Wang Xiaoshuai ten o dereito de pensar como queira e facer a película que el prefira pero dende logo, non é unha crítica honesta e contribúe á desinformación sobre China.

É unha mágoa que Ata Sempre Meu Fillo se perda nisto, parece que é necesario que cada media hora nos demos conta do mala que é China dun xeito tan literal e torpe que sorprende nunha película tan coidada, profunda e brillante na meirande parte dos seus aspectos. Parece case coma se nunha revisión do guión consideraran que o público non pillaría a crítica se fose puramente contextual e naturalizada. Para min, esta película é o maior “non puido ser” que vin en moito tempo. A xeopolítica apremia.

Dirección: Wang Xiaoshuai
Guión: Mei Ah, Wang Xiaoshuai
Fotografía: Kim Hyun-seok
Música: Dong Yingda
Ano: 2019
País: China
4
Pódeche interesar...
O Irlandés: Por Favor Scorsese, non morras nunca!