Ataque aos titans 04×11: Danos colaterais

Despois da acción e da xeopolítica a grande escala, toca volver á tranquilidade (por dicilo dalgún xeito) primeiros capítulos da tempada. En concreto, a algúns dos novos personaxes presentados nesta: Gabi e Falco. Iso si, agora as circunstancias son ben diferentes. Xa nada queda deses nenos nunha situación complicada, pero felices dentro da súa situación. O primerísimo primeiro plano dunha Gabi completamente asustada e fóra de si, parece un cartel de benvida para “a illa do demo”.

Todos os espectadores sabemos as intencións dos habitantes de Páradis, pero tras os acontecementos en Marley, Gabi está realmente traumatizada. Se ben Falco se mostra dentro do que cabe razoable (claramente influído pola conversación entre Reiner e Eren que dinamitou o desastre no seu fogar), Gabi non. A súa evolución coma personaxe vese completada cara unha persoa desencaixada que paga a súa tristura e incomprensión con violencia ata todo o relacionado cos eldianos.

Aquí traspásase o límite entre ser unha eldiana en Marley educada para odiar á súa propia sangue e ser un suxeito absolutamente irracional e ata perigoso. O primeiro que fai, é escapar da cela matando a un gardiá sen miramentos (que debía de ser o único que estaba vixiando porque saen cunha facilidade insultante) mentres Falco non para de dicir que é mala idea.

Pero as contradicións avívanse cando os rapaces son recollidos por uns eldianos humildes que nada teñen que ver coa política, persoas salpicadas pola guerra e reas de decisións tomadas polos seus antepasados hai cen anos. Sexa ou non sexa verdade os actos dos antigos eldianos, ningunha culpa teñen do acontecido.

Gabi é xa unha absoluta fundamentalista. Incluso cando se descubre a identidade de quen os acolleu, esa nena que hai uns anos salvou Shasha con valentía. Shasha. Cada referencia que meten na serie síntese como sal nunha ferida non pechada. Gabi segue na súa teima malia a completa honestidade da rapaza. Di que a morte da súa nai son “danos colaterais”. Xa non lle importa as persoas, soamente o seu obxectivo, sexa cal sexa.

É interesante o paralelismo desta conversa coa de Reiner e Eren. Por suposto, é Falco quen remata a cuestión engadindo un mínimo de cordura ante a actuación totalmente descontrolada de Gabi. Porque Falco ve o mundo gris, comprende que nese contexto todo o mundo sofre con independencia da súa procedencia. Creo que xa é inevitable, pero o de Gabi rematará dun xeito tráxico. Aínda máis que coa morte de Shasha, e seguramente nin tan sequera Reiner poda salvala do seu destino.

Paralelamente, nas filas de Eldia, o radicalismo tamén está presente. Os guerreiros novos que non viviron os vellos tempos, como xa se ía vindo, son moitísimo máis extremistas e non queren salvar Eldia, senón destrozar Marley. Incluso falan dun “novo imperio eldiano”. É unha actitude comprensible, igual de comprensible que pode ser a de Gabi. Pero non por iso adecuadas.

Aínda queda moito por desvelar e penso que é unánime a dúbida por cal é realmente o plan de Zeke e por que Eren actúa así. Probablemente esa sexa a seguinte gran revelación. Ou non. O que é seguro é que Marley quere vinganza, Gabi en persoa quere vinganza, Floch quere vinganza… pero os “danos colaterais” só queren paz dunha vez por todas.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.