Ataque aos Titáns 4×01: Todo un novo mundo que descubrir

Se ben poderiamos facer unha análise en profundidade, sen entrar agora nos pormenores que a converteron no que é, si é innegable que, a día de hoxe, Ataque aos Titáns é unha das series de animación máis exitosas da historia. Combinando o illamento que provoca unha illa deserta con ese perigo ineludible que son os humanoides titáns, as ansias de saír máis alá das nosas fronteiras na procura de liberdade é un sentimento encantador co que é sinxelo empatizar, así como tamén o é a dor que nos pode producir perder un ser querido. Non foi necesario máis para introducirnos nunha historia que crecerá a medida que entramos nela, e tampouco para que as nosas camisolas levasen a insignia do Corpo de Exploración.

Ao rematar a terceira tempada de Ataque aos Titáns, viamos ao noso protagonista, Eren, sinalando aos seus inimigos máis alá do océano, incapaz de compartir as palabras de ilusión que desbordaban ao seu mellor amigo Armin. Durante tres tempadas, vimos como aquela ameaza dos titáns que habitaban máis alá do muro se convertían nunha trama complicada e que, contra todo prognóstico, e aínda que eles non o soubesen, condicionaba aos nosos protagonistas dende o seu nacemento. A cuarta tempada, e última, comezaba baixo a premisa de que, se as cousas xa non eran como as coñeciamos, aínda ían cambiar máis.

E o primeiro que sentiremos ao comezala é, sen dúbida, un chisquiño de confusión. Non aparecerán agora en escena Eren, Mikasa, Armin, Sasha ou Levi, senón que rapaces eldianos, vestidos de gris e levando un brazalete amarelo no seu brazo esquerdo, e a ninguén se lle poderá escapar ao que isto fai referencia, serán presentados coma os nosos protagonistas. A diferencia radica en que, se naquela tempada un se nos presentaba unha vida paradisíaca que se ve destruída polo ataque dos titáns, agora a paz é algo que se busca para escapar do inferno en vida que se está a vivir.

A realidade detrás dos muros é moi diferente a como Eren, Mikasa e Armin a soñaban, mais as motivacións que moven a estas novas personaxes é complexa, e tanto nós coma os personaxes que xa coñeciamos precisamos coñecela para entender como funciona este mundo que, de súpeto, é moito máis inmenso do que calquera podería pensar. Neste episodio inicial descubriremos máis sobre canto e como importa a vida dos eldianos máis alá dos muros, chegando a puntos de deshumanización impensables. Estamos ante un mundo terrorífico e xenófobo onde o medo e as guerras moven o mundo. As nosas personaxes, aínda descoñecidas para nós, mostrarán motivacións que non entendemos en medio de confrontacións con civilizacións que non nos importan, axudando a encher esa idea de que todo o que sabiamos ata o de agora non é máis que unha minúscula parte do mundo que nos rodea.

Con todo, a medida que avanzamos no episodio, si atoparemos un par de caras que nos resultan coñecidas: volveremos a ver a Reiner Braun, portador do Titán Acorazado, convertido de novo nun soldado de Marley cunha clara aversión cara os muros, consecuencia do vivido vai catro anos na vida da personaxe. A realidade desta afirmación aínda a teremos que ver a medida que avance a tempada, tendo en conta que nas súas últimas aparicións mostraba que a súa personalidade era cambiante e que el mesmo non se coñecía a si mesmo en medio das contradicións que lle provocou a súa vida na Illa cos nosos anteriores protagonistas. Tamén volveremos a ver a Zeke Jaeger, quen a falta de máis información segue a ser un eterno emisario do mal sen ningún tipo de empatía cara os eldianos que el mesmo converte en titáns.

No momento no que parecen estes, ademais, veremos verdadeiramente os cambios que Mappa introduce na animación tras poñerse a cargo da serie tralo paso desta por Wit Studio durante as tres tempadas anteriores. O estudo encargarase en dez minutos de despexar calquera dúbida que puidera existir sobre a fluidez e o dinamismo que presentarán as escenas de acción, permitíndose un pequeno trunfo ao amosar esta primeira batalla cun ritmo trepidante no que se poñe fin a todo o conflito que se nos amosou ao comezo do episodio. Así mesmo, destaca un trazado máis fino á hora de perfilar ás personaxes, que lonxe de restar enerxía á animación perfila suavemente o cambio de ton da tempada.

As consecuencias de todo o acontecido son aínda incógnitas que se tentarán resolver nas vindeiras semanas. Con todo, o que está claro é que este primeiro episodio de Ataque aos Titáns, sen caras coñecidas, amosa que o mundo é moito máis grande do que cabía pensar. E o máis probable é que, despois de catro anos, a confusión que nós podemos sentir ante esta nova realidade sexa compartida polos nosos protagonistas.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.