‘Ataque aos titáns’ 4×05: Mundo gris, sangue vermello

Por fin chegou o momento. Todo o que levamos de tempada de Ataque aos titáns foi para asentar as bases para o que comezou neste episodio. Presentásenos personaxes novos, pouco a pouco foron dando pistas dos planes de Eren e compañía respecto a Marley para culminar nos actos deste capítulo. E miña nai. 

Por fin Willy Tybur fixo a obra de teatro para “contar a verdade” dos seus recordos como titán martelo. Contoulles aos habitantes de Marley e outros países que toda a guerra contra os eldianos de Paradis non tiña sentido, mais usou esa información para declararlle a guerra a Eren en persoa aproveitando a súa figura aglutinadora para convencer a propios e estraños de que era necesario rematar coa ameaza. Un movemento intelixente que non puido rematar peor para el.

O capítulo enteiro é unha montaxe paralela entre a obra de teatro, pequenos sucesos que ocorren entre o público e a conversa de Reiner e Eren que nos deixou o cliffhanger do pasado episodio. Este encontro, igual o máis agardado da serie, é todo menos feliz. Móstrase a un Reiner preso das contradicións e rompéndose respecto aos seus actos do pasado. Toda a culpa que sinte queda plasmada nun momento onde remata chorando axeonllado fronte un Eren que tamén cambiou.

Eren entende totalmente como se sinte Reiner. Cóntalle que el tamén viviu algo semellante ao estar infiltrado en Marley. Que non todo o mundo é o demo, que o entende. Dende logo, esta xa non é o Eren que lembramos. É frío, calculador. Aínda non sabemos que pasou nesta elipse de catro anos, pero xa non queda nada do Eren anterior, ou polo menos eso parece. Iso si, sabe perfectamente o que ten que facer.

Porque a lóxica que seguiu o protagonista da serie é que é semellante a Reiner para xustificarse. Frases pasadas se resignifican e feitos novos que volven unha e outra vez. Ao principio da conversa ameaza con voar o edificio con inocentes dentro, cousa que remata facendo tras darlle a man a Reiner porque parece que a paz nunca foi unha opción. Se el rompeu o muro de Paradis por ordes, el non terá dúbida en matar inocentes para cumprir a súa misión.

Pero aínda que Eren queira presentar como iguais aos dous personaxes, non é verdade. Cando Reiner rompeu o muro de Paradis era un neno. As súas intencións eran ser un heroe para a súa patria dun xeito idealista e ata inocente. Para el, os habitantes de Paradis eran o demo e non é ata máis tarde que el o descobre que son humanos completamente normais. É máis, estas lembranzas atorméntalle ata o punto de tentar o suicidio na actualidade.

Pero o caso de Eren é realmente máis escuro. Non son iguais porque Eren previamente se infiltrou en Marley por un tempo que non coñecemos. Coñeceu a xente mala e xente boa, manipulou a Falco en pos de cumprir a misión e agora elixe a maneira máis destrutiva de entrar en escena cun ataque premeditado que dende o punto de Marley pode considerarse terrorismo. As razóns de Eren son comprensibles, pero non é igual que Reiner. E dende logo parece estar movido pola vinganza dun xeito que fai incluso máis gris as súas accións.

Este capítulo é a confirmación de que Ataque aos titáns non vai escatimar en crueldade para plasmar o que queda de historia. Nun contexto onde os eldianos de Paradis posúen tamén ao titán martelo tras a morte de Tybur abre un campo de posibilidades. Por que Eren tiña un coñecemento omnisciente todo o que ía pasar? Cal é o papel das nacións de oriente na xeopolítica? Onde está Mikasa? Saberemos un pouco máis na próxima semana. Ou non, pero dende logo nada vai ser como ata o de agora na serie.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.