Ataque aos Titáns 4×06: Unha batalla diferente

A semana pasada, Teruyuki Omine, director de animación para MAPPA, deixou Twitter. A razón? Un acoso constante debido a que, para o episodio 64 da temporada, deixou de lado unha canción que se filtrara semanas antes da saída da serie. O tema, ata a emisión do episodio 65, era chamada Declaración de Guerra coma o episodio que se emitiu a semana pasada. Agora, sabemos que ese tema si ía existir, que ía ser o tema do Titán Martelo de Guerra e que, por se cabía algunha dubida, o fandom de Ataque aos Titáns lanzouse ao pescozo do director sen ningún motivo que non roce o absurdo.

Chegamos ao episodio 65, sexto da última tempada e onde, por fin, todo aquelo ao que nos estaban a preparar dá comezo. Eren responde á declaración de guerra dos Tybur e Marley e a acción toma o peso completo do episodio. Hai reencontros, caras coñecidas volven por fin e, unha vez máis, volven os paralelismos con aquelo onde comezamos: un Titán sementa caos, os mortos acumúlanse no medio da confusión e uns ollos xoves, esta vez os de Gabi, énchense dun escuro baleiro que clama vinganza.

Fora do que pasa no episodio, existen certos motivos que fan máis especial este episodio que o resto que levamos na tempada, e todos eles xiran ao redor do bo facer de MAPPA na dirección artística. As escenas de accións entre titáns, baixo a escuridade da noite, están cheas dunha tensión que non podería existir se non fose polas cores que existen no episodio. O branco pálido e óseo do Titán Martelo de Guerra, reflexado polas luces do teatro improvisado, serán un dos motivos máis impresionantes para quedar parvos vendo o episodio.

Os golpes que este e Eren comparten, rodeados dos disparos do exército marleiano, non serían o mesmo tampouco se non xirasen moitas veces ao redor dese tema que tanto gustou na súa filtración. MAPPA consegue que a batalla semelle unha pequena coreografía, pero co tino suficiente como para que non sexa unha constante. En pequenas doses, música e acción coinciden en ritmo, axudando a que os nosos sentidos conecten na súa totalidade de maneira inconsciente.

É imposible obviar tamén que, por fin, chegaron personaxes que coñeciamos de antes. Lideradas por Mikasa, volveremos ver as caras de Jean, Connie, Floch, Sasha e Levy. En todos eles notaremos a simple vista o paso do tempo por razóns obvias, como cambios de peiteado ou fisionomía, mais dunha maneira máis artística MAPPA traballa para que isto se note incluso máis.

Tras Wit Studio deixar Ataque aos Titáns, as dubidas xurdiron ao redor de MAPPA. Faríano igual de ben? A resposta é… Igual de ben, si. Igual, igual? Non. En absoluto. MAPPA encargouse de manter o espírito da serie, pero a tempada busca ter outro ton: as liñas, cores e maneiras de moverse das personaxes son diferentes. E por isto, MAPPA traen consigo algo distinto. A animación deste estudo ten un ton lúgubre, escuro e triste. As caras das personaxes son as que coñecemos, pero as súas miradas evocan un pasado que nos é unha incógnita e onde moitas cousas cambiaron. Sasha e Jean míranse entre eles, pero non hai a alegría de cando eran máis nenos. Agora, están nunha guerra diferente.

Volven tamén os equipos de maniobras tridimensionais, pero estes tampouco son coma os lembrabamos. Se ben continúan sendo efectivos contra os titáns, están preparados para asasinar outros humanos. E aquí radica a máis importante diferencia entre esta tempada e as anteriores, e que explica as miradas dos nosos queridos personaxes: os inimigos son outros, miden o mesmo ca eles, e incluso poderían compartir ilusións. Ata como espectador, a sensación de ver a un membro do corpo de exploración disparar unha pistola non esperta, nin por asomo, os mesmos sentimentos que véndoo matar unha criatura humanoide coa que era imposible empatizar.

Tamén nesa conversa entre Eren e Mikasa, chea de incógnitas dun pasado que descoñecemos, o son é esencial para entender o novo paradigma. Mentres falan, e de maneira incluso independente á conversa, disparos e bombas retumban ao redor da cidade. Un son cru, real e do que é incapaz escapar.

Por todo isto, o verdadeiro protagonista deste episodio foi MAPPA. Son e imaxe colaboran como nunca para que a acción, en maiúsculas, chegue por fin a un novo episodio de Ataque aos Titáns que, ademais, ten un final de infarto. Esperar unha semana máis é, en principio, difícil.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.