Ataque aos Titáns 4×07: Miradas que matan

Rematadas series como The Boys ou 30 Moedas, o peso semanal desa serie que seguir semanalmente recae, para moitos, en Ataque aos Titáns. Despois de que o domingo pasado a serie de MAPPA deixara tras si un dos mellores episodios da súa historia, as expectativas estaban agora máis altas que nunca e, aínda que as comparacións poden ser odiosas, conseguiron que un domingo máis remataramos embobados ante a pantalla.

Este é un episodio no que, igual que fixemos co terceiro episodio, toca destacar os ollos dos personaxes. Unha chea de primeiros planos tratarán de que os ollos nos expliquen incluso máis que calquera imaxe explícita que vaia entre elas.

O que comezou fai dous episodios cunha declaración de guerra continúa agora a mostrar as súas consecuencias. As pezas do crebacabezas que nos mostraron na semana pasada comezan a encaixar, e atopamos detrás do rescate a Erén un elaborado plan. E, incluso cando todo parecía perdido, pronto Marley volverá a sentirse atrapada por eses endemoñados da Illa de Paradis.

Pieck, o Titán Cargueiro, Zeke, o Titán Besta, e Galliard, o Titán Mandíbulas, verán pronto que os seus esforzos por salvar a situación son en vano. En tan só vinte minutos, de feito, presentarásenos en batalla aos dous primeiros para que, igual que lle pasaba a Galliard ao final do episodio anterior, sexan esmagados polas capacidades tácticas dos nosos protagonistas.

A primeira caída que chama a atención é a de Zeke, pois tras lanzar un ataque que debería ser capaz de acabar con todo opoñente que se lle poña por diante, é inmobilizado de maneira veloz por Levi Ackerman. E Zeke explotará, e unha das mellores armas do exército marleiano será lanzado fóra da trama. Con todo, podemos falar de morte? Sería estraño. Non podemos esquecer que o Titán Bestia foi o causante da morte de Erwin, única persoa en gañarse de verdade o respecto de Levi, e unha morte así —e incluso fora de pantalla!— resultaría anticlimática.

Pouco despois, veremos a Pieck caer derrotada ante un ataque combinado entre dous dos nosos antes protagonistas principais. Sasha e Jean destrúen xuntos o equipamento do Titán de Carga, e así nos permiten coñecer incluso mellor a Pieck: se xa no episodio anterior a confianza que esta depositou nos seus compañeiros encargados de acompañala no Titán mostraba un cariño inmenso, a morte destes mostrará a unha Pieck triste, ida, deixándose levar a un estado de shock debido ás súas feridas.

Este sentimento de tristeza ante o perdido é parte do que mostra tamén o noso xa máis que coñecido Reiner, quen hoxe mostra unha das súas caras máis tristes. A salvación de Falco déixao aparentemente inconsciente, e alí, simplemente, quere morrer. Unha morte que xa lle pediu a Eren a semana pasada. Unha salvación ante a o imposible que lle resulta ao xa veterano de guerra vivir co seu pasado, cheo de desgracias estando tanto nun bando coma no outro. E tamén, unha morte que se lle volve negar. E coa súa mirada perdida, rematamos o capítulo.

E, con todo, a mirada dese Reiner canso de vivir non é nin por asomo a máis chocante do episodio. Sen saber aínda moi ben que é o que levou ao resto de protagonistas a seguir un plan que choca contra todo o que criamos saber deles, volverá outro ao que botabamos de menos: Armin baixará a súa capucha, e a súa mirada chea de dor e un arrepentimento previo ao que está a piques de facer será o último que dous soldados vexan antes de que este se transforme en Titán Colosal e remate coa armada de Marley.

En contraposición, unha mirada baleira de Eren lidera os seus actos. Dende sempre, incluso dende aquel rescate por parte de Eren a Mikasa, sabemos que é un rapaz que nunca dubidou en utilizar a violencia cando foi necesaria. Con todo, o que daquelas fora un ataque torpe propio dun cativo, é agora un exercicio de sadismo no que unha tras outra mostraranse miradas incrédulas ante o que estamos a ver. Eren completa o seu círculo de violencia cunha morte moito máis directa e cavilada, para así cumprir o seu obxectivo de comer ao Titán Martillo de Guerra. Sen dor. Sen remordementos.

Que levou a Eren ao seu estado actual? Queda algo do noso protagonista? Será tan épica a batalla entre Reiner e Eren como as anteriores? Se se volvesen a atopar, faría máis caso Eren a Armin do que lle está a facer a Mikasa? A semana que vén chegaremos á metade da última tempada de Ataque aos Titáns e, esta semana, o fin aínda semella moi afastado. Sangue, lágrimas, dor e remordemento iluminan os feitos dunha acción na que Eren se mostra ao mesmo tempo alleo e protagonista.  

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.