Ataque aos Titáns 4×08: Unha última cea

Hai pequenas cousas que, por moito que creas que si, non estás preparado para vivir. Pode ser o final desa canción que te chega ao corazón, que cada vez ves máis preto. Spoilers que ti mesmo non puideches evitar ver da túa serie favorita. Feitos que van pasar nesa película adaptada dese libro que devoraches cando eras cativo. Ou, no caso de hoxe, esa escena que che rompeu en mil anacos no manga e o volve facer hoxe no anime de Ataque aos Titáns.

Antes de nada, lembrarvos que nos contidos que facemos semanalmente nesta sección, se ben non vos imos soltar o que está a pasar no manga, si que comentaremos sen ningún tipo de pudor o que se viu neste episodio. Se aínda non choraches co oitavo episodio, pola túa seguridade, deixa de ler agora mesmo.

A bala do asasino choca cos últimos episodios que levamos. Aquela pelexa que nos quedaba pendente ao pechar a semana pasada remata antes de que aparezan os créditos. Reiner, cuxas ganas de vivir continúan ausentes incluso tras as voces de socorro, a duras penas consegue salvar a Galliard de ser comido por Eren. Só serve para alimentar a rabia dunha Gabi que, sen pensalo dúas veces, colle un arma e lánzase a asasinar a quen causou tanta dor no mundo que ela coñecía.

E antes de odiala, hai que comprendela. E buscando similitudes, Gabi Braun é máis aquel Eren Yaeger que coñeciamos nos primeiros episodios que Eren Yaeger é Reiner Braun. A principal diferencia é que Gabi non ten ningún Titán segredo agochándose no seu interior e, a diferencia de Eren, ela si sabe dende un principio a onde dirixir a súa ira. Ambos buscaban a liberdade. Un, abandonar os muros que non lle deixaban ser libre. A outra, procura esta mediante os medios que están ao seu alcance e baixo unha mentalidade de nena soldado cuxo lavado de cerebro é visible en todo momento. Gabi centra a súa ira nos demos de Paradise porque non consegue ver os que ten preto dela. E así, chegamos a onde estamos.

É duro despedirse dunha personaxe que leva connosco dende o terceiro episodio dunha serie. Non só iso, senón que se trataba de alguén que tiña a dura tarefa de relaxar todo o drama que iría crecendo máis e máis a medida que avanzabamos. Sasha Blouse era digna de admiración. Era amable, valente, talentosa, intelixente, divertida. E a súa perda, máis que calquera outra, doe. Doe porque igual que os nosos protagonistas, perdemos unha das luces que iluminaban a escuridade reinante. E máis agora, estando neses escuros ceos de Marley. E máis agora, onde un sorriso leva sempre a morriña de tempos mellores, pero pasados.

Sen ánimo de ser pesado con isto, unha vez máis MAPPA demostra un talento incrible para expresar o que está a pasar. É imposible non emocionarse cando, nunha morea de primeiros planos, veremos como as bágoas dos personaxes non poden evitar derramarse por toda a pantalla. O importante hoxe era ver de preto as reaccións ante o acontecido, e non queda ningunha no aire.

Entra aí tamén a enigmática situación na que se atopa Eren. Non hai bágoas pola súa parte, pero si… Risa. Unha risa nerviosa, que se apodera del ao saber que as últimas palabras de Sasha foron falando de comida. E, despois, unha cara desencaixada entre a dor e a impotencia, tal vez. Todo isto aumenta as dúbidas ao redor do que pasou ao redor da súa persoa nestes anos, pero tamén nos fai preguntarnos que pasará agora.

Falando de xeopolítica, a situación tamén se atopa nun punto estraño. Tralo ataque de Eren, cabe pensar que Marley se preparará para un contraataque. Con todo, neste ataque tamén morreron dirixentes doutras nacións do mundo, polo que, tal e como adiantaba Willy Tybur fai unhas semanas, a escalada pode ser maior do que parecía.

E, aínda así, os nosos protagonistas están nunha situación na que atopan certas vantaxes a nivel militar. Se no episodio anterior a morte de Zeke fóra de cámara semellaba algo anticlimática, hoxe sabemos, por fin, algo incluso máis chocante: O Titán Bestia cambiou de bando. E agora, Titán Fundador e un titán de sangue nobre están xuntos e no poder da Illa de Paradise.

Liderados por Floch, soldados celebran que esta foi a primeira de moitas victorias dun restaurado Imperio Eldiano. Isto contraponse coa visión que os nosos personaxes máis coñecidos mostran, vendo como Sasha, Jean e Connie se preguntan se a violencia e a morte poderán acabar pronto.

Con todo, a batalla rematou e o peor chegou no seu último momento. Ataque aos Titáns non precisa de bestas humanoides para emocionar. Só necesita o incumprido desexo de cear cos teus amigos unha vez máis.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.