Ataque aos Titáns 4×13: Atopando a paz entre demoños

Unha vez máis, MAPPA decidiu lucirse. Se nalgún dos episodios anteriores a animación do estudo resultaba un chisquiño robótico de máis, volven demostrar que aquelo do que namoramos en episodios pasados volve estar por aquí. Se cadra é por unha cuestión de presuposto. Non o sei! Pero, se a decisión de onde poñer máis cartos e menos estivera nas miñas mans, este tamén sería un dos meus escollidos.

E tampouco é que falemos, con todo, dun episodio con gran acción. É, simplemente, unha sensación de que as personaxes que estamos a ver están vivas. E hoxe, estano. E moito. Imos directos ao corazón de moitos deles. Non en tanto para tentar entendelos, senón para que diferentes maneiras de pensar choquen unhas contra as outras e provoquen cambios.

A protagonista indiscutible destes cambios é Gabi. Esa Gabi que tantos rexeitaron. Que se gañou o odio de tantos e tantos. Gabi Braun. Unha nena de doce anos. Unha soldado en adestramento. Unha das armas con máis talento e proxección do exército de Marley.

E é normal este rexeitamento. É normal, porque estamos acostumados a poñernos do lado dos que coñecemos ata agora. Dos que nós pensamos que son os bos. Porque é comprensible, como pouco, que nos doia a morte desa rapaza que nos sacou os nosos primeiros sorrisos polo simple feito de comer unha pataca. Pero tamén é comprensible como esa moldeada mentalidade de Gabi funciona.

Ou, se acaso, funcionaba. Gabi, por primeira vez dende que a coñecimos fai xa trece episodios, comeza a facer preguntas a eses demoños que tanto odia. Nos vinte minutos de episodio vémola clamar vinganza, pero tamén a vemos confusa. E varios personaxes colaboran neste cambio.

Por unha banda, Nicolo pasa de salvación a perigo. Para Gabi e Falco, por un segundo, o cociñeiro era a súa chamada a vingar a masacre de Liberio. Con todo, o que atopan é diferente. Ante eles teñen agora a un marleiano que conviviu con demoños. E non só iso, senón que namorou dun deles. Gabi tenta buscar artimañas propias de contos de fadas para non afrontar a realidade, pero esta remata chegando.

E é que Sasha, para Nicolo, era paz nun mundo en guerra. Unha escapada a un universo paralelo no que as pequenas cousas da vida, como aquel festival no que Gabi era feliz episodios antes. Sasha era a heroína de Nicolo, que viña a salvalo dese mundo de odio no que tiña que vivir.

E ante os insultos, Nicolo reacciona de maneira agresiva. Déixase levar, ata o punto de perder a cabeza. Ataca, prepárase para asasinar e ofrece asasinar a quen, ao final, é unha nena de doce anos. E, por suposto, arrepíntese. Porque, por outra banda, o pai de Sasha nin sequera pensa en que actos coma os que Nicolo propón.

Pola contra, o señor Blouse preséntase dende, por suposto, a dor, pero tamén dende a comprensión e o perdón. Tenta ver todas as capas que levaron ao que pasou para que ese odio e remordemento, nun futuro, non teña consecuencias. Pero xa as ten no presente. Porque a comprensión de Kaya sobre todo isto é nula.

E Gabi non será capaz de asimilar toda esta información. E menos cando, rematada a tensión, Mikasa e Armin corren a comprobar se está ferida. Como, a pesar de todo o odio, poden preocuparse por ela?

Noutro punto da historia, e ligando a trama de Zeke a toda a historia, aparecen tamén personaxes que, sen máis, non semellan capaces de asimilar información. Custa pensar que Eren, o que ata pouco fora o noso Eren, se estea a rodear de persoas tan imbéciles.

E é que, Levi di nas súas poucas liñas en todo o episodio algo que define moi ben aos jaegeristas e a Zeke (salvando as distancias entre eles), e que permite imaxinar que, a pesares de todo, existe unha diferencia entre eles e Eren: Nas súas miradas non existe arrepentimento. Na de Eren, hai dor.

No caso dos jaegeristas non é que non exista arrepentimento, senón que o seu afán é horripilante. Aos gritos de xúbilo pola suposta creación dun novo imperio eldiano no que amosar o seu poder ante o resto da humanidade únenselle agora os sádicos sorrisos de Floch ante a idea de levar tantas e tantas vidas ao abismo para defender esta idea. Non é que haxa inquietude, é que celébrase o asasinato! Eren, de verdade estes son os mellores aliados que atopaches? Ou son unha ferramenta máis nese plan segredo de Zeke? Porque o mundo que se está a pintar, agora mesmo, é terrorífico.

Tal vez, no seguinte episodio poidamos despexar algunhas dúbidas ao redor disto. O encontro entre Armin, Mikasa e Eren chegou de maneira inesperada ao final dun episodio enorme. Un capítulo tenso, no que se sementou confusión en máis dunha personaxe. E todo apunta a que, a semana que ven, alborotarase todo aínda máis.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.