Ataque aos Titáns 4×14 e 4×15: Non poderíamos estar máis tensos

Hai veces que MAPPA o fai mal. Ou non mal, pero si regular. O cambio de animación de Wit Studio a eles é notorio. En cada trazo, en cada maneira na que os personaxes se moven polos escenarios, sabemos que algo drástico cambiou.

Por momentos, é normal pararse a pensar que o cambio foi para mal. Existen preguntas sobre se o presuposto foi ben repartido de episodio a episodio. Os movementos robóticos nalgunhas escenas desta nova tempada de Ataque aos Titáns son comúns. Sobre todo, se imos aos episodios máis transitivos. E destaca, sobre todo, se nos paramos a pensar en que estes elementos que poden sacarnos da trama foron feitos polos que, á súa vez, fixeron ese marabilloso episodio catro no que era difícil incluso respirar. Ou, tamén, se o comparamos con estes dous últimos capítulos.

A semana pasada non houbo episodio. Quedamos sen domingo de shingeki. Tocou esperar. E a serie que sempre deixa con ganas de máis, volveunos deixar con ganas de premer un botón de seguinte. Porque nin 20 nin 40 minutos son capaces de resolver as dúbidas que saltan cada domingo.

O primeiro episodio serviunos para rematar ese encontro que se nos anunciou fai xa dúas semanas. Eren, Armin e Mikasa sentaban nunha mesa. A tensión cortábase no aire. As preguntas erguíanse unha tras outra. Conversas de liberdade, cambios de parecer e violencia física e psicolóxica continúan lanzando a Eren fóra de todos os estándares que tiñamos del.

Porque o Eren que temos diante agora non responde a ningún das características da súa personalidade. E incluso as súas palabras chocan con aquelo que puña as meixelas de todos os nosos protagonistas vermellas unha semana antes. E, como se di, as mentiras teñen as patas moi curtas. Mentiras que se trasladan ao seguinte episodio, cando Eren chama irmán a Zeke para gañar a súa confianza plena ante un plan que choca contra todo o que sabiamos do protagonista. E é que, de verdade Eren sería capaz de coartar así cos plans de futuro das persoas que quere? É esta a liberdade que merece?

A ilusión de Zeke porque Eren lle chame irmán, como vimos nese mesmo episodio, ten unha explicación. Un segundo episodio dedicado ao Titán Besta encargarase de afondar por fin nun personaxe que leva sendo misterioso dende un comezo. Por fin, catro tempadas despois, entendemos a Zeke.

O pasado de Zeke racha a nosa visión sobre Grisha. Aquel que parecía un pai amoroso, empático e preocupado aparece agora coma un monstro sen necesidade de Titán. Un home que puxo todas as súas esperanzas no seu fillo, e que nunca se parou a entendelo. Zeke é un Shinji cun Eva con forma de mono. Un rapaz que tivo a mala sorte de que o seu pai quixera vivir a través del, e que buscou fóra esa figura paterna que envexaba e desexaba.

Hai moita tensión nestes episodios. Tanto nestas escenas escritas, como nesa malleira que os cadetes propician a Keith Shadis. No manga, o propio debuxo de Isayama ten un ton lúgubre que axuda a que a tensión apareza soa. No anime, ao ser un medio totalmente diferente, requírense métodos diferentes. E MAPPA, onte, superou os límites establecidos pola obra orixinal.

Se xa en episodios anteriores comentaramos o bo facer do estudo en canto a crear tensión, é aquí, sobre todo no segundo episodio, cando concentran todo ese sentimento que o seu trazo e os seus planos son capaces de crear. Así, empatizaremos con Zeke. Porque, con todo orquestrado dunha maneira tan concreta para facelo, o contrario é imposible.

E, ao mesmo tempo, os últimos segundos de episodio, dependendo de canto fan de Levi sexas, poden botar todo ese entendemento pola borda. Ou non, pero case si. Porque si, é un final precioso para a historia que nos acaban de contar. Pero, merda, non é sinxelo de tragar ver a Levi voar así polos aires.

Todo isto, a unha semana do final dos episodios anunciados. Para a posteridade quedan xa as miradas de Armin, Mikasa, Eren ou Zeke nestes episodios. Como se fosen lágrimas e coma se o tempo se parase, as gotas de choiva que rodeaban a Levi antes da explosión tamén serán xa imposibles de borrar das noras memorias. E, se a cousa segue así, o último capítulo tamén será difícil de esquecer.

O que é seguro é que, unha vez máis, estamos esperando á semana que ven. Que algunha das dúbidas históricas que tiñamos foron solucionadas, pero que ao mesmo tempo outras e máis urxentes ocuparon o seu lugar. E que MAPPA, cando quere, faino todo ben.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.