Ataque aos Titáns 4×16: A caída de Shiganshina

Cando unha serie chega ao seu fin, aínda que sexa temporal, chega o momento de recapitular. O caso de Ataque aos Titáns, en parte por culpa do noso seguimento semanal, pode chegar a resultar reiterativo para aqueles que semana a semana estiveron por aquí connosco. Con todo, é necesario.

Ataque aos Titáns xurdíu da nada, e non fai tanto. Cun manga cun debuxo que, a pesar de ir a mellor co tempo, sempre foi moi mellorable, pronto atopou unha horda de fanáticos que querían saber máis, e máis, e máis das historias que Hajime Isayama. E así, este vindeiro mes, todo ese manga chegará ao seu apoteósico final. E o anime? Pois aínda nos quedará outra tanda de episodios que comentar.

E mentres esperamos que se achegue o inverno, volvemos a vista atrás a unha tempada na que a serie sufriu moitos cambios. Tanto en temática, onde abandonamos por completo esa idea dun inimigo da humanidade, como en animación, onde Wit Studio foi substituído por MAPPA como estudo ao cargo do anime.

Agora, os inimigos serían reais. Terían historias persoais detrás deles tan comprensibles como as dos nosos protagonistas clásicos. Deixarían, nalgún caso, de semellarnos inimigos. Algúns, de feito, como é o caso de Reiner, incluso gañarán capas e unha estima que pensaramos perdida. E incluso casos que semellaban extremos, coma o de Zeke, encheranse de empatía. Sen esquecernos de Gabi, ou de Falco, esas novas caras que nos abrirán todo un novo mundo dende unha ollada tan inocente como coa que comezamos en 2013.

E estas historias non poderían ser tan importantes sen a man de MAPPA, estudo encargado desta última aventura. Alén dos Titáns, MAPPA está ao cargo neste intre de outras series como Zombie Land Saga, Heion Sedai no Idaten-tachi e RE-MAIN. E, pronto, sairá á luz o seu traballo baixo Chainsaw Man, un dos últimos fenómenos saídos das páxinas da Weekly Shōnen Jump, e a piques de chegar aos 10 millóns de copias. Máis que nada por se, despois dos Ataques, podería interesarvos algo feito polo estudo. Con todo, non esperedes algo similar a isto. Non vai por aí a cousa.

MAPPA, e a pesar de ter nas súas mans tantas cousas ao mesmo tempo, conseguiu darlle a emoción precisa á maioría de episodios da tempada. O seu éxito radica nunha dirección artística máis que digna. Excelente. Facendo fincapé non tanto nunha acción desmedida como o que caracterizou ás tempadas de Wit Studio, senón nas emocións que esas personaxes construídas anteriormente tiñan nese futuro caótico que presentaba esta tempada.

O uso de tons máis escuros, así como tamén o achegamento a primeirisimos planos, fan que nos importe máis, si ou si, o que están pensando e sentindo os personaxes, e non tanto que Titáns se están a pegar. Porque, de feito, non hai tantos golpes como antes. Se buscásemos algunha comparativa dentro da serie, atopariámola nesa primeira parte da terceira tempada. E alí, e sen tanta acción, o resultado era… estraño.

Neste último episodio hai emoción e acción. E se ben as ganas de máis son inevitables, hai pequenos detalles que iluminaron tamén este episodio. Afastando as dúbidas que non se nos resolveron do que pasou no episodio anterior e as dúbidas que se erguen ao redor de Zeke, o episodio centrouse en Eren, Pieck e Gabi. E un chisquiño en Yelena.

Por unha banda, o encontro entre Eren e Pieck leva o peso da trama hoxe. Un intento por parte de ambos de recadar información, sen fiarse ningún no outro, e que con Gabi de testemuña remata por estalar ao final do episodio. É un encontro que chamaba a que algo ía pasar, pero que ao mesmo tempo se pasa voando grazas á tensión que é capaz de crear. E, ao mesmo tempo, é a causa de que nos vaiamos morder as unllas ata inverno.

A parte de Yelena, e sen moito alarde, serve para conseguir afondar na personaxe de maneira retorcida. Fanática de Zeke, a quen ve coma un Deus, as posibilidades que tivemos para coñecer algo da personaxe foron escasas. E, con todo, lévasenos falando dela coma unha das partes importantes da trama desta tempada dende a primeira vez que aparece. E hoxe, nun pequeno brillo nos seus ollos baleiros, entendemos un pouco mellor que a move a actuar. É pouco. Un detalle ínfimo. Pero tamén un deses detalles tan coidados dos que MAPPA está a facer gala.

E, así, só queda esperar. A acción volveu de novo ao interior das murallas. A Shiganshina, o lugar onde todo comezou hai oito anos. E, entre murallas, despedímonos durante un tempo. Haberá quen, para cando todo isto volva, xa saberá como todo remata. Moita sorte evitando os spoilers ata entón, e esperámosvos á volta.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.