‘Auga seca’ é o camiño que non deben seguir as series galegas

Nada ambiciosa e mal executada, así é a primeira serie galega de HBO

Todos os galegos alegrámonos da nova de que Auga seca, a serie emitida simultaneamente pola Televisión de Galicia e a RTP portuguesa estaría en HBO. Esta é a segunda incursión dunha serie galega nas plataformas baixo demanda tras O sabor das margaridas. Mais este drama policial ten algo de diferentes respecto ás numerosas series, tanto galegas como de fóra, da súa temática? De novo, pártese dun caso por resolver onde a Policía deberá investigar un crime relacionado con traficantes e empresas de poder.

En primeiro lugar, algo positivo que chama a atención de Auga seca é a localización, que por fin é real. Aínda que pareza mentira, é bastante complicado atopar series galegas inspiradas en localizacións concretas cando non hai ningún impedimento para que así sexa. Isto é un primeiro paso importante para reivindicar o país, mostrar que existe. Neste caso, a serie transcorre maioritariamente en Vigo, aínda que tamén se transcorre parcialmente en terras portuguesas.

Iso si, esta decisión non está aproveitada todo o que podería estar. Se ben se utilizan diferentes lugares do Concello de Vigo dun xeito intelixente, como a existencia dun gran tecido empresarial nun porto, un concello de grande tamaño con lugares remotos e un centro da cidade frecuentado por moitas persoas, pouco hai da esencia da cidade olívica do filme. Os personaxes están na cidade, mais non parece que vivan nela, salvo por chiscadelas puntuais metidas ao bruto.

Outro elemento positivo é unha consecuencia directa da coprodución. O galego e o portugués utilízanse indistintamente na súa versión orixinal con actores de ambos países, non como en tantas series galegas onde personaxes portugueses non falan na súa lingua. Estas obras audiovisuais con varios idiomas sempre dan riqueza, matices e puntos de vista diferenciais novos.

MOITAS EIVAS

Máis aló destes elementos contextuais, pouco máis positivo hai que dicir de Auga seca, xa que representa todos e cada un dos elementos polo que as series en galego levan anos estancadas. Ademais da incisión da temática policial, esta trátase dun xeito errado tanto no narrativo coma no visual.

A serie consta de seis capítulos, nos que os tres primeiros funcionan e nos tres últimos se enterra baixo terro. A historia non é máis que o xa clásico “descobre quen foi o asasino”. Nun primeiro intre preséntanse personaxes que parecen certamente ambivalentes e onde pode haber unha confrontación interna entre os feitos e os desexos, entre as intencións e as accións. A intriga pode chegar a funcionar.

Pero rapidamente descóbrese a responsabilidade de todos os personaxes e cal é o seu rol dentro desta simple historia. Non pola simplicidade ten que ser mala, pero se o misterio que presenta como premisa para o espectador soluciónase na metade da serie, simplemente deixa de ter interese ao non existir aliciente ningún. As posibles pistas falsas rematan aos cinco minutos de poñelas enriba da mesa, non hai xiros, non hai atractivo de ningún tipo nin nada que contar.

Ademais, a relación entre os personaxes é todo o contrario a orgánico. O noventa por cento dos diálogos que non teñen que ver coa estrita resolución do caso están terriblemente escritos e peor executados, cunha sobreactuación constante. Ningunha das personaxes é crible, e cando algo é tan xeneralizado e a serie ten actores con experiencia dabondo, a culpa ten que recaer nunha dirección de actores que se torna inexistente.

Por outra banda, para precipitar os feitos finais, créanse das subtramas amorosas (por dicir algo) peor construídas que vin no miña vida. Nótase dende Cuntis que é unha escusa para precipitar unha resolución á que o guión te empuxa dun xeito tosco, sen unha xustificación suficiente. Por se non for a pouco, a tempada remata cun cliffhanger que despois de ter resolta a historia dende fai horas de metraxe é totalmente inxusto con quen rematou a serie.

NADA AMBICIOSA

A nivel técnico, igual que no aspecto narrativo, é todo o contrario a ambiciosa. E igual que no outro ámbito, isto non ten por que ser malo sempre e cando a execución fora correcta, mais non o é. Existe un gran predominio de planos fixos e o que se mostra case nunca vai máis aló de conversacións entre personaxes que se solucionan cun simple plano e contraplano.

Excédese cos planos xerais que marcan a localización, xa que non fai falta que se faga un percorrido pola cidade e para sinalar que estamos aí. Por outra banda, tampouco vale que apareza a modo de subliñado visual cada cambio entre Vigo e Portugal porque a lingua e as personaxes xa son marcadores dabondo.

Isto ten como consecuencia caer no tedio máis absoluto. Unha serie que debería ter como obxectivo facer cavilar ao espectador sobre o misterio resolto dun xeito anticlimático e rodada con moi pouco dinamismo. Entendo que para ter unha linguaxe audiovisual máis dinámico igual cómpre un máis orzamento do que dispón Auga seca, máis aí está precisamente o tema en cuestión.

O FALSO DEBATE DO ORZAMENTO

Para que insistir en facer series de temáticas policiais sen o orzamento suficiente para que luzan ben e sen valentía en ningún dos seus aspectos? Non pode ser que as series galegas sexan as mesmas con mellor ou peor calidade segundo o talento dos seus creadores ou o orzamento do que dispoñan. Existen máis xéneros, e poden facerse cousas marabillosas cun orzamento moi curto. Todo o cinema galego sabeo perfectamente. Existen profesionais perfectamente capacitados para levalo a cabo neste país, mais non parece que haxa moita intención en avanzar.

A decepción que deixa Auga seca non debe servir para lamentarse senón para comezar a traballar en facelo mellor. Máis investimento en audiovisual sempre é benvido, mais o que se detecta aquí é unha falta de creatividade alarmante e un deixamento que preocupa máis que enfada. Os profesionais que están detrás desta obra todos son capaces de moito máis, pero o problema non é Auga seca, é a traxectoria que representa. A serie galega necesita unha renovación urxente e profunda, senón seguiremos perdendo o tempo.

Director: Toño Lópex
Guión: Alfonso Blanco, Pepe Coira, Carlota Dans, Lidia Fraga, Araceli Gonda, Carlos Portela, Eligio R. Montero, José Rubio, Pedro Lopes
Fotografía: Ricky Morgade
Música: Elba Fernandez, Xavier Font
Ano: 2020
País: Galicia
1.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.