‘Bacurau’, o western rural brasileiro en tempos de Bolsonaro

Nestes últimos anos vimos como a hibridación dos diferentes xéneros cinematográficos aséntanse como unha característica fundamental do cine deste século. Xa non se fala da clásica suma de cine de aventuras e humor; que caracteriza a películas coma O mundo esta tolo, tolo, tolo, tolo; ou da ciencia ficción na que se ven presentes elementos sociais, como sucede en 12 Monos.

Parasitos, é o exemplo claro: cando remata non estamos seguros se acabamos de ver unha película de terror, un thriller ou un drama social. Esta mestura transcende moito máis alá: a clásica división entre cine de ficción e documental pouco a pouco comeza a desdebuxar as súas fronteiras. Xorde o que moitos dan en chamar documental ficcionado, sendo un exemplo claro do mesmo filmes coma The Infiltrators ou a galega Castelao: de chumbo a verba.

Á hora de tratar o filme brasileiro Bacurau, tampouco se pode enmarcar nun xénero claro: estamos diante dunha película que vai dende o western ata o gore e que en moitas ocasións as accións son dominadas polo realismo máxico. Porén, o ritmo da película fai que non nos despeguemos da pantalla dende o seu comezo e que en todo momento a acción das personaxes teña un sentido claro.

Durante as súas dúas horas de duración, Kleber Mendonça Filho, quen en 2016 dirixiu a aclamada Doña Clara, e Juliano Dornelles lévannos á aldea brasileira de Bacurau, e coa galla da morte da súa matriarca adéntranos en sucesos estraños. Paralelamente, desenvólvense dous planos: por unha banda os acontecementos máxicos, aos que non se lle acabará de dar moita explicación pero tampouco será necesaria. En certos momentos até pode recordar a Mad Max.

Pero por outra atopámonos cunha acción perfectamente narrada, na que se mostra a resistencia da aldea fronte o dominio estranxeiro, dotando ao filme dun carácter marcadamente político fronte o goberno de Bolsonaro.

Bacurau supera as formas tradicionais do que se entende como cine político. Tamén a distopía, xa que non se trata dunha sociedade ficticia en si mesma, senón que trata unha acción concreta e plenamente política en relación co poder vixente e cunhas causas que o espectador ten claras nunha sociedade caracterizada polo apoio mutuo.

Outro resgo fundamental do filme coido que é o seu carácter antropolóxico, xa que a través da mesma refléxase a realidade do rural brasileiro sen caer no estereotipo e moito menos sen achegarse as lóxicas do cine de acción estadounidense, como sucede con moitos filmes xa non só latinoamericanos, senón arredor de todo o mundo.

No técnico pódese sinalar que a película se dota dunha boa fotografía aproveitando as características da paisaxe rural brasileira, chegando a usar drons. O seu guión tamén é reseñable por unha característica xa sinalada: as lóxicas dos diálogos non son foráneas, senón que axudan a entender a sociedade brasileira. As actuacións, sen destacar ningunha por enriba doutra, axudan a entrar na historia facéndoa plenamente crible pese a tódolos sucesos máxicos.

Máis alá disto, considero de interese sinalar que Bacurau tivo unha gran recepción no circuíto dos diferentes festivais, chegando a facerse en Cannes co Gran Premio do Xurado no 2019, compartido con Los Miserables. Porén, nunca se chegou a estrear na carteleira española. Nin tan sequera pasou por ningún dos múltiples festivais do estado máis ala de Sitges.

Ante isto, o que nos podemos preguntar é que sucede coa distribución cinematográfica en España: The beach bum, último filme de Harmony Korine, ou de The last black man in San Francisco, a gran gañadora do Festival de Sundace do 2019 nunca se chegaron a proxectar nas salas de cine do Estado.

Dirección: Kleber Mendonça Filho, Juliano Dornellesd
Guión: Kleber Mendonça Filho, Juliano Dornelles
Fotografía: Pedro Sotero
Ano: 2019
País: Brasil
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.