‘Black Mirror’ (T5): Un reflexo distante dunha gran serie

Cando Black Mirror deu o salto a Netflix tras dúas tempadas estradas na británica Channel 4 todo o mundo recibiu con bos ollos a noticia. Duplicando o número de episodios, a terceira edición de Black Mirror deixou momentos que seguían a dinámica propia da serie como Nosedive ou Shut Up And Dance e outros que aportaban novas perspectivas pero que funcionaban como San Junipero.

Pero foi tras a estrea da cuarta tempada cando comezaron a saltar as alarmas. A decisión de lanzar tandas de seis capítulos por primeira voz comezou a parecer unha das razóns polas que se percibía un descenso de calidade nas historias e un desgaste no formato. Non sorprendeu moito que, tras a estrea do experimento interactivo de Bandersnatch, Black Mirror voltara as tempadas de tres episodios.

O primeiro capítulo co que nos atopamos desta volta, Striking Vipers, por desgraza non foi a mellor elección para gañar a atención do público. Trátase quizáis do episodio máis lento lanzado por Black Mirror, o cal non ten por que ser algo malo, e mesmo se tratan ideas interesantes relativas a realidade virtual, e as estranas consecuencias que podería traer a realidade virtual á nosa percepción do mundo, e en particular no terreo da sexualidade. Con todo, o episodio falla no protagonista, que carece dun arco narrativo propio, algo que fai que cheguemos ao final do capítulo tendo a impresión de que non se produciu ningún cambio dende que se plantexou a premisa da historia.

Anacos pola contra deixa unha sensación diferente. Trátase dun capítulo que conserva a esencia tradicional de Black Mirror, e non estaría fóra de lugar en calquera das dúas primeiras tempadas da serie. Cun tono máis oscuro, desta volta cóntase unha historia protagonizada por un condutor dunha VTC que secuestra a un traballador dunha empresa do ámbito das redes sociais. Cargado de suspense transmítese a suficiente tensión para que o episodio deixe un impacto moito maior ao primeiro episodio, a pesares de que as reflexións finais non sexan especialmente interesantes ou as motivacións do protagonista de todo sorprendentes.

A tempada pecha con Rachel, Jack e Ashley Too. Este capítulo está a resultar sen lugar a dúbidas o máis divisivo desta tempada, e ao mesmo tempo pode ser quizáis o máis sorprendente. Coa aparición estelar da cantante pop Miley Cyrus, este capítulo non se pode entender doutra maneira que non sexa un comentario sobre a industria musical, xirando a redor da figura da propia Cyrus, que interpreta a un alter ego chamado Ashley O.

O episodio alónxase do estilo tradicional de Black Mirror e funciona como unha breve película de adolescentes de Disney Channel, iso si, cunha mensaxe explícitamente anti Disney. Non se pode negar que a trama do capítulo resulta entretida e a inclusión de elementos sarcásticos como a música de Nine Inch Nails escondida como cancións pop (ata o final do capítulo) ou a presenza dun personaxe que se adica a matar ratos, algo que non se pode evitar poñer en relación coa figura de Mickey Mouse, confiren a toda a historia dun certo sentido de humor negro que funciona á perfección.

A moita xente a simple idea dun episodio de Black Mirror protagonizado por Miley Cyrus que ademáis conclúe cun happy ending escoceralles profundamente. Con todo, e a pesares dun comentario sobre a industria musical que non aporta ningunha idea que non se tivese dito antes, o contido deste episodio e o público ao que está dirixido fan del un dos lanzamentos máis subersivos de Black Mirror en bastantes anos.

Que esta serie xa non é o que era parece un feito máis que evidente, xa que a día de hoxe semella máis ben un refrexo distante do que nos ofreceu cos seus primeiros capítulos. Pero son episodios como este Rachel, Jack e Ashley Too os que fan que siga merecendo a pena ver as novas tempadas desta proposta televisiva creada por Charlie Brooker, a pesares de que cada vez caia máis en historias fallidas ou en fórmulas recicladas.

Tempada: 5
Dirección: Owen Harris, James Hawes, Anne Sewitsky
Guión: Charlie Brooker
Fotografía: Jennifer Cox
Música: Ryuichi Sakamoto, Isobel Waller-Bridge, Trent Reznor
Ano: 2019
País: Reino Unido
3
Pódeche interesar...
‘El Camino’, un epílogo que non sabiamos que precisabamos