‘Bojack Horseman’ (T6): A redención do home cabalo

Quizais Bojack e compañía non merezan acabar tan ben“, escribín hai ano e medio sobre a quinta tempada dunha das series máis sorprendentes de Netflix. E esa é a reflexión central da sexta e última entrega de Bojack Horseman. Merece o protagonista a redención? A serie creada por Raphael Bob-Waksberg afonda unha vez máis en temas sensibles como a depresión, a morte ou as adiccións con tal profundidade e delicadeza que poucos produtos culturais igualan.

Semellaba difícil que esta tanda de capítulos superase á anterior, a mellor da serie ata o momento, pero, fiel á súa progresión, a calidade nesta última tempada non fai máis que mellorar. Dividida en dúas partes de oito capítulos cada unha que se estrearon en setembro e decembro, trátase da entrega máis longa da serie, a última que encargou Netflix para pechar a andadura do señor Horseman na súa plataforma.

Os primeiros oito capítulos foxen da experimentación para deixar todas as pezas no seu lugar de cara ao final. O tema central pivota sobre Bojack, quen por primeira vez acepta que precisa axuda e vemos como trata de superar o seu alcoholismo para poder sentirse feliz dunha vez. Ao mesmo tempo, Princess Carolyn a súa valía como nai e vese obrigada a conciliar a súa vida familiar coa laboral; Mr. Peanutbutter intenta tapar a súa infidelidade con Diane pedindo matrimonio a Pickle; Diane múdase a Chicago co seu novo mozo e Todd trata de enmendar o seu pasado unha vez se acepta a si mesmo. Todo isto cunha historia recurrente de fondo: a folga de axudantes de Hollywoo, un curioso exercicio de cinismo de Netflix –obviamente tivo que dar luz verde–, que cancelou a serie para evitar problemas cos animadores que esixían unha unión sindical.

Un dos temas máis interesantes desta primeira tanda é a mercantilización da depresión con Mr. Peanutbutter de protagonista. Cando o da súa infidelidade sae á luz, Princess Carolyn trata de salvar a súa reputación cun meme que o pinta coma un can triste e, ao viralizarse, convértese na ‘cara visible’ da loita contra a depresión xunto a unha estrela pop que claramente parodia a Justin Bieber. Mentres os demais personaxes experimentan as verdadeiras consecuencias da depresión, Peanutbutter pasea o seu sorriso por todo o país dando charlas banais e xenéricas coma se de un coach motivacional se tratase. Fai lembrar os típicos tuits de famosos dicindo “pois sorrí, que a vida son dous días”.

Esta primeira parte remata con Bojack sendo golpeado, unha vez máis, polo seu propio pasado. Cando, a pesar de arruinar a vida do terapeuta que conseguiu que se abrise e comezase a superar os seus problemas, atopa un pequeno recuncho de felicidade facéndose profesor de actuación –disculpa previa con todos os seus coñecidos por todo o que lles fixo–, unha testaruda –e intensa– xornalista achégase perigosamente a destapar todo o que ocorreu antes da morte de Sarah Lynn, incluído o incidente que tivo coa filla menor de idade da súa antiga amiga Charlotte en Novo México. Semellaba que Bojack non merecía ter un final feliz.

BoJack Horseman

A segunda metade da tempada, estreada o pasado día 31, puxo fin á serie cunha tanda de episodios magnífica, cunha maior carga emocional e unha narrativa menos convencional por momentos. Sen présa pero sen pausa, as tramas van pechando e vivimos en primeira persoa as consecuencias do descubrimento da única cousa na que Bojack conseguira saírse coa súa: a morte de Sarah Lynn.

Este asunto, que serve ao protagonista para amosar por primeira vez que é unha nova persoa admitíndoo en televisión, é o catalizador dunha pequena reflexión sobre a cultura da cancelación e o xornalismo sensacionalista. Paralelamente, Diane atópase entre a depresión e o bloqueo creativo. O décimo episodio adéntranos na súa mente e amósanos, a través da animación e da narración, o seu descenso en espiral cara aos pensamentos negativos mentres trata de adaptarse á súa nova vida en Chicago e coidar a súa nova relación.

O ton da última parte da temporada é, como non, satírico e cruel. A serie non dá un respiro aos seus personaxes e incluso é cruel cos seus principais alivios cómicos, Todd e Mr. Peanutbutter. Este último aprende á forza a vivir en soidade, o seu gran temor, ao manexar de maneira desastrosa a súa relación con Pickle. Ninguén se libra da infelicidade en Hollywoo, pero ao mesmo tempo, ningún personaxe parece completo ata que a experimenta. Un dos grandes temas subxacentes de Bojack Horseman ao longo das súas seis entregas é precisamente este, que aínda que un teña a vida resolta e se force a ser feliz como Mr. Peanutbutter, a felicidade pasa por aceptar os defectos propios e traballar para superalos.

Volvendo a Bojack, a súa historia péchase ao grande cun penúltimo episodio –o último, ao igual que na anterior tempada, funciona a modo de epílogo– soberbio. Despois de tocar fondo unha última vez, ser ‘cancelado’ por todo o mundo e recaer na bebida, o noso home cabalo esperta rodeado de todos os seus achegados falecidos: Sarah Lynn, a súa nai, Herb… Con eles comparte unha última cea e os seus últimos momentos en forma dun macabro espectáculo circense –como ao longo de toda serie, Bojack non pode fuxir da ficción– cuxo final é a morte, representada por un baleiro do que non se pode escapar. Pero, cando xa é consciente disto e se resigna, nin sequera a parca é clemente con el e vive para contalo.

A simple vista semella un final feliz. Pero feliz, para quen? Bojack seguirá vivindo co peso de todo o malo que fixo e a ameaza do alcoholismo sempre nas súas costas, lonxe da súa familia e amigos, aos que ve moi de vez en cando e cos que non é capaz de manter máis que conversacións incómodas como a que pecha a serie con Diane –unha escea tan simple como marabillosa–. Ao final, Bojack remata a serie como a comezaba: perdido na vida e cargando coa lousa do seu pasado, a redención non serviu de nada. A súa historia é unha oda ao nihilismo, e é que, en palabras súas: “you never get a happy ending because there’s always more show… until there isn’t”.

BOJACK HORSEMAN
Tempada: 6
Creador: Raphael Bob-Waksberg
Música: Grouplove, Jesse Novak
Fotografía: Animación
Ano: 2014 - 2020
País: Estados Unidos
5
Pódeche interesar...
Grimes pon banda sonora á fin do mundo con ‘Miss Anthropocene’