Cineuropa 33: 10 películas imprescindibles

Seleccionamos as dez películas que este ano prometen cambiar algo dentro de nós

Un ano máis, e por trixésimo terceira vez consecutiva, as rúas de Compostela volverán estar cheas de colas, caras de ilusión e debates de cine durante todo un mes. Nesta ocasión, case 200 películas serán proxectadas nos lugares xa típicos do festival coma o Teatro Principal ou o Salón Teatro, contando con 17 títulos galegos.

E, se algo é típico tamén do festival, é pasar horas e horas procurando no catálogo, buscando que filmes poderán acabar cos nosos ávidos desexos de cine que nos encha e nos faga parar unhas horas das nosas vidas ante unha historia, unha sensación ou un espectáculo inesquecible.

Como xa fixemos o ano pasado, deixámosvos a continuación a nosa selección na procura desas emocións que só o cine pode dar e que este festival consegue darnos tódolos anos. Estas son as dez películas que non podes perderte.

Arima

Jaione Camborda

VEN 15 – 22:15 (Teatro Principal) | XOV 21 – 20:15 (Salón Teatro)

O pasado ano foi un dos máis interesantes para o audiovisual galego. Este 2019, con todo, parece que O Que Arde está sendo a única cousa da que sabemos falar. E con razón ou sen ela, debemos ter en conta de que non só esa obra galega é a única que traballa sen descanso en mostrar o mellor do noso cine. Arima é outra desas obras que non debemos nin queremos esquecer.

Dirixida por Jaione Camborda, conta a vida de catro mulleres e unha nena, a cal se verá alterada ante a chegada de dous forasteiros. Arima é unha historia na que falar da fronteira do real e o imaxinario, na que enfrontar presente, pasado, Historia e xeracións.

Jeanne (Joan of Arc)

Bruno Dumont

LUN 11 – 22:15 (Teatro Principal) | LUN 18 – 22:15 (Multicines Compostela)

Cantas veces se levou xa ao cine a vida de Xoana de Arco? Que, a día de hoxe, podería aportar unha película (máis) sobre unha das figuras históricas máis coñecidas da historia? Bruno Dumont, un coñecido xa do Cineuropa, tentará dar respostas a estas preguntas e a moitas máis.

Jeanne (Joan of Arc) vén de recibir a mención especial do xurado de Cannes, e promete aportar un espectáculo visual digno da mán dun dos directores con máis personalidade do momento. Relixión e humanidade nunha película que promete non deixar indiferentes aos espectadores, aínda que podería resultar difícil de dixerir para moitos.

Vitalina Varela

Pedro Costa

DOM 24 – 22:00 (Teatro Principal) – LUN 25 – 18:15 (Teatro Principal)

Tras a notable Cabalo Dinheiro, o portugués Pedro Costa volve cinco anos despois con Vitalina Varela. O filme pon o foco nunha muller de 55 anos procedente de Cabo Verde que chega a Lisboa tras celebrar o funeral do seu home tras vinte e cinco anos de ausencia.

A longametraxe do que foi director de obras tan influentes no cinema contemporáneo como Juventude em Marcha presenta esta novo filme que ven de colleitar os premios a mellor película e mellor actriz no prestixioso festival de Locarno. Non sabemos que nos parecerá a obra, pero estamos seguros de que será puro estilo Pedro Costa.

Zombi Child

Bertrand Bonello

MÉR 20 – 22:15 (Teatro Principal) | VEN 22 – 21:00 (Salón Teatro)

Ás veces, aínda é normal sorprenderse a un mesmo pensando naquela loucura de empatía que en 2016 se proxectou neste festival chamada Nocturama, onde a imposición escénica de Bertrand Bonello o puña enriba da mesa coma un dos directores franceses máis interesantes do momento.

Zombi Child é o seu novo proxecto, e promete, igual que naquela ocasión, deixarnos coa boca aberta, como mínimo! O propio nome indica por onde irán os tiros: cine xeracional, millenial, e esta vez rodeado de zombis, meigallos e vudú. Sen dúbida, unha das películas que prometen ser interesantes deste Cineuropa.

Grass

Hong Sang-soo

SÁB 9 – 18:15 (Teatro Principal) | DOM 10 – 21:30 (Numax)

Hong Sang-Soo é un dos directores máis prolíficos do mundo. O coreano, grazas a súa reducida posta en escena, é quen de crear a un ritmo de produción moi difícil de igualar. Esta vez presenta un filme de pouco máis dunha hora que mantén o branco e negro do seu anterior traballo: Hotel á Beira do Río.

Sobre o papel, Grass continúa as convencións artísticas de Hong Sang-Soo: un protagonista vencellado dalgún xeito co mundo artístico, escasas localizacións e unha aparente gran sensibilidade á hora de tratar a súa historia. Logrará sorprender ou quedará como unha máis das súas xa vinte e dúas películas?

Ema

Pablo Larraín

XOV 7 – 20:00 (Teatro Principal) | MÉR 13 – 20:15 (Teatro Principal)

Pablo Larraín é un dos directores latinoamericanos máis recoñecidos dos últimos anos. Con películas como O Clube ou Non gañouse un respecto unánime pola forma de abordar as súas temáticas e por un estilo moi arriscado que sempre remataba funcionando. Cos seus seguintes traballos, a tendencia parecía indicar un xiro cara o mundo hollywoodiense.

Con Ema, parece que o chileno volve ao punto polo que foi recoñecido. É un salto -aínda non sabemos se ao baleiro- que causa unha gran expectación. A película ten como elemento central o tratamento da vida dunha muller vertebrada por un reguetón que ten intencións empoderantes. Unha temática de estrita actualidade que casa perfectamente con esta edición do Cineuropa.

Ghost Town Anthology

Denis Côté

XOV 21 – 18:00 (Teatro Principal) | VEN 22 – 16:15 (Teatro Principal)

O falecemento de Simon Dubé nun accidente de coche afectará a toda a poboación dun pequeno pobo de Quebec. No medio da traxedia, comezará a chegar xente ao pobo á que acompañará unha néboa espesa e perturbadora. Así é, en poucas liñas, a sinopse de Ghost Town Anthology, o novo traballo de Denis Côte.

A película canadense promete unha narrativa diferente, onde as preguntas que se fan os protagonistas non precisan, ou atopan, reposta. Entre o mundano, o social e o sobrenatural, Côté ofrece unha filme diferente, que revolverá máis dun estómago ante os feitos narrados (ou non).

Adam

Maryam Touzani

SÁB 23 – 18:00 (Teatro Principal) | DOM 24 – 20:45 (Salón Teatro)

O debut de Maryam Touzani na dirección non se pode cualificar doutro xeito que ilusionante. Alá por onde foi, todo o mundo está a falar marabillas deste filme que parece prometer costumismo sen grandes pretensións do mesmo xeito que unha emoción cara a cara co espectador.

Adam retrata a vida de dúas mulleres no Marrocos actual e na súa temática non parece innovar demasiado. Iso si, vendo o que se coñece ata o de agora pode aventurarse que a sensibilidade coa que se trata a historia, o absoluto respecto polos seus personaxes e madurez que atesora esta directora son razóns suficientes polas que agardar todo deste filme.

Xuntos no mar

Masaaki Yuasa

LUN 18 – 19:00 (Multicines Compostela) | LUN 25 – 16:15 (Teatro Principal)

Xa que este ano Cineuropa estrea sección oficial de Animación parécenos de recibo incorporar nesta lista un filme deste tipo. E que mellor opción que incorporar a Masaaki Yuasa, un dos mellores autores nesta disciplina. O xaponés ven de ser recoñecido mundialmente coa serie de Netflix Devilman Crybaby, pero leva moitos anos sendo uns dos grandes no seu xénero con obras como Tatami Galaxy ou Ping Pong: The Animation.

Kimi to, Nami ni Noretara (Xuntos no Mar) é unha das obras sobre o papel máis inocentes dun director que destaca polas seus enfoques diferentes tanto no guión como no seu característico estilo de animación. O filme parece fuxir dalgunhas das convencións do seu cinema e incluso se diría que ten un acercamento a outros directores xaponeses como Mamoru Hosoda ou Makoto Shinkai. Veremos que nos depara finalmente!

Dronningen

May el-Toukhy

LUN 18 – 20:30 (Teatro Principal) | MAR 19 – 20:30 (Salón Teatro)

En Sundance, Dronningen conseguiu que o seu ton, a súa emotividade e a súa elegancia capturasen á súa audiencia ata o punto de conseguir levarse o Premio do Público, destacando sobre todo a actuación de Trine Dyrholm, protagonista da película.

O Cineuropa traeranos a oportunidade de xulgar por nós mesmos esta obra danesa na que se promete que o noso interese estará posto totalmente na narrativa, e que será capaz de revolvernos por dentro ata puntos inimaxinables. Imos aló.

Pódeche interesar...
Ilegales presentarán “Rebelión” este sábado na Sala Capitol