Cineuropa 33 | “Monos”, unha ollada non condescendente da violencia e dos nenos soldado

Lobo, Perro, Pitufo, Patagrande, Boom Boom, Sueca, Lady, Rambo. Estas palabras sen aparente sentido entre si son os alcumes duns adolescentes. Uns rapaces que teñen preocupacións de rapaces pero cunha gran peculiaridade: son nenos soldado nunha organización guerrilleira, ou iso se deixa caer, non hai unha confirmación explícita de que tipo de exército son no filme. Sobre isto é sobre o que se constrúe Monos. Este filme dirixido por Alejandro Landes toma como base a estes rapaces. Non a súa condición, senón como a vivirían un grupo de adolescentes adestrados militarmente sen tela en conta.

Se hai algo verdadeiramente novidoso deste filme é precisamente iso, o enfoque. Lonxe de ter unha mirada condescendente coa situación, trátala de fronte e sen contemplacións. Aínda que medren como unha familia dun xeito propio dun corpo militarizado, son humanos. Teñen preocupacións sexuais, saír de festa, tensións internas e personalidades propias de rapaces sen madurar. É o realista, o que normalmente se opaca.

Nesa pampa colombiana moi lonxe de practicamente calquera lugar, os protagonistas soamente teñen unha responsabilidade: coidar dunha refén e dunha vaca. Estas circunstancias, moi sinxelas nun principio golpe de vista, pronto se descontrolan. Os personaxes comezan a desenvolverse nunha loita de poder salvaxe e sen contemplacións. Mestúranse as súas marcadas e diferentes personalidades coa súa mirada reducionista e alienada desprovista de moralismos produto de vivir illados e cuns valores moi diferentes, que non ten por que implicar a ausencia dos mesmos.

TENSIÓN CRECENTE

Outro dos puntos fortes de Monos é a crecente sensación de tensión amparada pola fotografía. Cada plano está medido ata o milímetro con este fin. Todo unido a unha banda sonora repleta de efectos que en absoluto se conforma con ser convencional e unhas localizacións elixidas cun gusto maxistral que provocan no espectador unha violencia dentro de si mesmo. Especialmente relevantes son os primeirísimos primeiros planos á cara dos personaxes que case parecen querer saír da pantalla para explotar os seus sentimentos, xa sexa rabia, ira ou redención nun deses planos finais para a lembranza.

Estruturalmente contén dúas partes moi claras que coinciden practicamente co cambio da montaña a unha poboada selva. Entre as árbores pódese ser testemuña de como todo o fraguado na primeira hora de metraxe explota ata o punto de que os “monos” -entendendo así ao grupo protagonista. realmente parecen estar no seu entorno natural. Onde se mostra o lado máis animal do ser humano. Neste punto lembra por momentos a Apocalypse Now, aínda que sexa un filme ben diferente noutros intres.

AS SÚAS IMAXES NON ESCONDEN AS INCOHERENCIAS

Solapado en parte polas súas grandes virtudes atópase a maior eiva da película. O seu guión dista moito de estar á altura. A gran impresión que provocan as imaxes non remata de esconder unha incoherencia nos actos dos seus personaxes bastante preocupante. Os seus xiros queren ampararse na terrible situación de estrés e violencia á que están sometidos os adolescentes, pero realmente non están xustificados, polo menos non o suficiente. Non fai que o filme sexa infame nin moito menos pero quítalle a guinda que o transformaría nunha película clave no seu eido.

Monos representa unha actualización do xénero tanto dende o punto de vista do enfoque como da gran aposta estética. Landes firma unha película que é puro cine, unha obra que soamente usa os diálogos cando son necesarios. Representa a máxima de que unha imaxe vale máis que mil palabras, entende o seu propio medio e non menospreza ao espectador sen ser déspota co mesmo. Ademais trata a violencia dun xeito explícito sen chegar a puntos morbosos nin a recrearse por egocentrismo en ningún momento. Monos é unha experiencia que merece ser vivida e un sopro aire fresco a demasiados filmes iguais no seu xénero.

Dirección: Alejandro Landes
Guión: Alexis Dos Santos, Alejandro Landes
Fotografía: Jasper Wolf
Música: Mica Levi
Ano: 2019
País: Colombia
4
Pódeche interesar...
O proxecto editorial autoxestionado Saurobuks anuncia un novo libro