CINEUROPA 34 | ‘Nova orde’: Un baño de sangue anestésico

Outro dos grandes títulos que nos trae este Cineuropa é Nova orde, que gozou dun bo recoñecemento no circuíto de festivais de cine europeos, obtendo o Gran Premio do Xurado en Venecia. A produción mexicana -en colaboración con Francia- causou gran controversia no seu país de orixe, onde foi acusada polo público de clasista. Estas críticas foron precipitadas, xa que o incendio en redes sociais, previo á estrea, foi impulsado polo limitado punto de vista que ofrece un tráiler. Porén, con matices, apuntaban ben.

Nova orde dá inicio á acción nun acaudalado fogar de familia nos suburbios da Cidade de México, onde se está a celebrar a voda da filla Marian (Naian González Norvind). Noticias de disturbios no centro da capital e unha billa da que agroma auga verde alertan un devir accidentado da celebración. Pero o ostentoso desfile de traxes de alta costura, drogas e sobres continxentes de agasallos de voda continúa sen sobresaltos, mais aló da inoportuna aparición dun antigo servinte (Eligio Meléndez) ao que soamente Marian pretende axudar.

Ata que de súpeto, os manifestantes interrompen a reunión e comeza un baño de sangue. Unha “voda vermella” ao estilo de Xogo de Tronos deriva no caos nacional absoluto, imaxinando un presente distópico para México, onde militares e insurxentes destrúen todo ao seu paso coa única finalidade de obter poder e diñeiro. O Estado de Excepción e o toque de queda traen similitudes da “nova orde” coa Nova Normalidade. Pero nada do que figura a película levará a unha meditación sobre un posible futuro próximo.

En Nova orde non se albisca unha reflexión sobre a opresión que o sistema político e económico exerce sobre a sociedade. Non se observa nada máis que a violencia pola violencia; esa semella a única pretensión do director e guionista Michel Franco. Nunha concatenación infatigable de todo tipo de manifestacións sanguinolentas e cruentas: secuestros, torturas, violacións e execucións sen parangón.

De existir un fondo máis aló que a representación gratuíta da violencia, só pode encamiñarse en dúas vías igual de superficiais. Por unha banda, que o ser humano está inexorablemente abocado á destrución por natureza propia, e non existe outro futuro que ese. Ou ben, por outra, que debemos reprimir calquera manifestación de rebeldía en contra do statu quo antes de que sexa demasiado tarde.

Neste último senso, poden entenderse as acusacións de clasismo. Porque o certo é que, aínda que non todos os torturados luzan pel branca -si a maioría-, a de todos os rebeldes si é escura, nunha translación da división de clases da sociedade mexicana. Resulta inevitable comparar á familia acaudalada de Parasitos con esta, mais a diferenza é que o clan mexicano é tratado sempre coa máxima benevolencia. En ningún momento se cuestiona o seu papel como opresores, son sempre vítimas.

Non se entende moi ben por que no primeiro terzo da película Michel Franco se esforza por representar con trazo frío e minucioso os pormenores da vida burguesa, para que logo se deixe de prestar atención absoluta ás personaxes. Núbrase o foco dramático para darlle peso unidimensional á crueldade, non como motivación humana, senón como finalidade única. Chegado un punto, o espectador deixará de incomodarse ou impresionarse, anestesiado pola violencia.

Esta pasada semana de Cineuropa, realicei de xeito impremeditado unha sorte de ciclo cinematográfico sobre a violencia. É posible que a miña valoración de Nova orde estea condicionada polo visionado anterior da contemplativa ollada á violencia patriarcal de Beginning, e mais polo posterior de There Is No Evil, un meticuloso retrato sobre a moralidade e a pena de morte en Irán. Mais se cadra estas dúas só fortalecen a miña perspectiva: Nova orde é simplemente un superficial e pesimista baño de sangue.

Dirección: Michel Franco
Guión: Michel Franco
Fotografía: Yves Cape
Ano: 2020
País: México
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.