‘Crash’: Carne e metal

Grazas a A Contracorriente Films, dende o venres 29 de xaneiro pódese asistir á proxección, 25 anos despois da súa estrea, de Crash, unha das películas máis importantes de David Cronenberg. A pesar de obter o Premio Especial do Xurado no Festival de Cannes ou ser a película do seu ano para Cahiers du Cinéma, a realidade é que tamén foi recibida como unha película desagradable e pornográfica.

Crash é a adaptación cinematográfica do libro homónimo de J.G. Ballard, tamén autor de O imperio do sol (1984), que Steven Spielberg levou á gran pantalla. Conta a historia de James Ballard (interpretado por James Spader) un importante produtor de cine que sofre un accidente de coche que lle inutiliza a perna. No hospital encóntrase con Helen, a pasaxeira do outro coche estrelado, quen lle presenta a un grupo de obsesionados polos accidentes de coche. Dende ese momento, James introdúcese nun mundo de parafilias, perigo e morte.

O relato mostra obsesións recorrentes de Cronenberg que se poden ver en películas anteriores coma Viñeron de dentro de… (1975) ou Videodrome (1983), pero tamén (e sobre todo) en eXistenZ (1999), o seu seguinte traballo: a relación entre o corpo humano e a tecnoloxía, que é estudada a través da sexualidade. En Crash, tómase o corpo coma algo vulnerable que debe ser mellorado mediante implantes artificial. Procurar a hibridación.

O contacto da carne co coche, as situacións de perigo e as cicatrices son vistos como algo morboso, erótico. Para os protagonistas, os golpes e as imperfeccións son algo atractivo: “o accidente de coche é fecundador, non destrutivo. Unha liberación de enerxía sexual que canaliza a sexualidade dos que morren.

Esta busca de mostrar o dinamismo e a velocidade, de avogar pola modernidade e o sensual, fan que Crash puidese perfectamente formar parte do movemento futurista. Filippo Tommaso, fundador do movemento, o transmitiu así no manifesto, aínda que ben podería ter sido escrito por Cronenberg: “nós queremos cantar o amor ao perigo, o hábito da enerxía e da temeridade. Afirmamos que o esplendor do mundo enriqueceuse cunha beleza nova: a beleza da velocidade”.

O que fai que Crash sexa hipnótica e unha das imperdibles da filmografía de Cronenberg, é que o director consegue crear unha atmosfera completamente única. Logra formar un microcosmos, un universo orixinal completamente afastado da realidade que funciona baixo os seus propios códigos, que só funcionan dentro da película. Es consciente de que o que estás vendo é estraño, case groseiro, pero non podes deixar de mirar. Máis de dúas décadas despois da súa estrea, Crash segue sendo unha proposta bizarra e transgresora, no mellor dos sentidos.

Director: David Cronemberg Guión: David Cronenberg Fotografía: Peter Suschitzky Música: Howard Shore País: Canadá Ano: 1996
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.