Matteo Bertolino

Cris Iglesias: “Galicia deume unha oportunidade, e loitarei por que as cousas se fagan dende aquí”

Aínda que xa dende pequena a súa vida ía dirixida cara o mundo das artes escénicas, a entrevistada segue a sentir ese subidón cando sube ao escenario, o lugar onde ela confesa que se sinte máis libre.

Con tan só 6 anos a vida brindoulle unha oportunidade de comezar no teatro e dende aquela emprendería a súa andanza, a que a levaría até o éxito do que desfruta hoxe. 20 anos despois e con moito traballo detrás da escena esta rapaza de A Coruña forma parte do que ela denomina “a pequena familia do audiovisual galego”, da que sinte un gran orgullo.

Quen te empuxou na túa carreira, quen máis te apoiou e quen segue aí?

Podería dicir que a miña casa como piar importante, en especial a miña nai. É como si a miña nai fora un pouco unha especie de cama, non podería só dicir almofada porque igual parece que só está para cando choras. Tamén destaco moito as amigas que teño dende fai moitos anos, que case se alegran máis dos meus éxitos ca min.

Es a mesma Cris hoxe que a que comezou fai 4 anos neste mundo?

Creo que non cambiamos moito. Ségueme a pasar que empezo un proxecto insegura, nerviosa, pensando se eu son a indicada, despois creo que atopo o meu sitio e despois intento dalo todo. Isto son microprocesos que me mostran que isto sempre vai ser así.

Que consello lle darías á Cris do pasado?

Diríalle á Cris de fai 4 anos que confiase nela e que a chave está en traballar e non desistir.

«Como artista é importante non centrarse só nunha rama»

Como foron os teus comezos profesionais?

Comecei na tele, en Urxencia Cero, facendo un pequeno papel; como era a mesma produtora entrei en Serramoura unha tempada, e cando rematou Serramoura, entrei en Chévere. Chévere foi un pouco coma a miña escola profesional, de aí saíron proxectos tan grandes coma Fariña, Eroski paraíso (dos que tiven a sorte de formar parte)…

O teatro é unha forma de arte que emociona moito ao espectador. Dende o outro lado ti tamén o vives así ou sénteste máis cómoda diante da cámara ?

É a eterna pregunta. Eu creo que son cousas moi diferentes e a vez cousas moi complementarias. Son sensacións diferentes, para min por exemplo que me formei nun inicio máis no teatro, a cámara sorprendeume moito, a cámara é coma un reto moi grande. A cámara ve todo. Eu sempre digo que no teatro es ti a que domina e na cámara dependes de un montón de factores.

Fotograma de ‘Eroski Paraíso’

Desfrutas tanto coma facendo o teu traballo vendo o traballo doutros actores e actrices?

Non acostumo moito a esta moda de agora de consumir moitísimo material audiovisual, gústame ir tomando pequenas píldoras de diferentes cousas que vexo e gústame consumir moito tipo de arte. Eu vexo series e cine pero tamén me gusta moito ir ao teatro, ver danza, concertos, pintura… Creo que como artista é importante non centrarse só nunha rama.

«Creo que a interpretación ten que ter unha función social e que temos unha influencia no espectador»

Traballaches e traballas en proxectos como a curta 16 de decembro ou o espectáculo Fariña, nos que se intenta visibilizar problemas que había e que sigue a haber na sociedade galega. Coma intérprete, necesitas sentirte identificada coas denuncias que agochan?

Si, non só sentirme identificada senón que haxa un motor que me mova. Creo que calquera tipo de arte ten que estar viva e se non ten unha finalidade, para que o facemos? Creo que a interpretación ten que ter unha función social e que temos unha influencia no espectador e creo que temos o poder, non de educar pero si de facer reflexionar.

O feito de ser muller aínda segue a marcarnos nas nosa profesións. Dentro do teu traballo é visible esta problemática?

Si, sería mentir dicir que nalgunha situación vital ou que nalgunha situación laboral esta eiva non existe, isto é unha realidade xa polo simple feito de que chegar a unha situación de poder ou a un posto de mando é moito mais complicado para unha muller, estamos mais “minguneadas” dende o primeiro momento. Pode que a xefa sexa unha muller, pero a man sempre lla teñen que dar a un home. Entón aquí creo que está a importancia do que dicía antes, nos proxectos nos que facemos é importante a perspectiva de xénero.

E algunha vez sentiches un trato diferenciado por parte deles?

Si si, nos primeiros traballos de feito. Comentarios fora de lugar, sobre todo isto, e isto é o que me fai pensar porque os comentarios fora de lugar poder ser moitos. Non temos que chegar a situacións visiblemente violentas nin fisicamente violentas porque moitas veces os pequenos comentarios inflúen aínda máis. Non teño que sentirme incómoda por certos comentarios, ou por que a min eses comentarios e a un home non?

Comentarios desafortunados, que incomodan e que fan que te sintas nun lugar inferior e que xeren inseguridade no teu posto de traballo, un montón.

O peor é que eu vexo agora e respondo, ao principio non, e iso é o que penso moitas veces. Como nos condiciona como actrices, porque sabes que si contestas igual xa non estás nese traballo Entón tes que ir buscando un lugar para que che respecten, isto digo “hostia é que a eles non lles pasa”. Si como que aínda encima por ser muller es peor se non reivindicas ou sexa que ademais de aguantar unha situación de desigualdade tamén teño que reivindicar  coas consecuencias que isto trae, porque isto agora tamén de ir botando brocan é esgotador.

«É unha sorte que esa xente da que eu antes era espectadora sexan os meus compañeiros, é case como un soño cumprido»

Por desgracia moito do potencial que hai en Galicia acaba sendo absorvido pola industria audiovisual española. Que significa para ti traballar en Galicia?

Con respecto ao de ter que marchar e todo isto, obviamente é tan lícito coma quedar porque esta é unha profesión fastidiada entón temos que intentar buscar o noso propio camiño, as veces é marchando. É certo que eu sempre digo que son unha afortunada de que Galicia me dera unha oportunidade, e se Galicia me da unha oportunidade, creo que mentres poida vou a intentar agradecelo e intentar que as cousas se fagan dende aquí. A min tamén me encanta viaxar, intento formarme o máximo posible pero si que me gusta moita a idea de formarme fora ou traer cousas de fora aquí, porque senón isto acabará desaparecendo.

Néstor Pardo

Semella que sodes todos unha pequena familia. Como describirías coas túas palabras á industria do audiovisual galego?

Pois si, somos coma unha pequena familia. É unha sorte chegar a un traballo e ter a xente que está aí para respaldarte. Sentes que non estás soa e iso é unha sorte moi grande; e isto para ben e para mal como todas as familias, aquí todos nos coñecemos. Cando vas traballando coa xente xa vas coñecendo cales son os seus defectos e as súas virtudes, pero creo que o maior porcentaxe é positivo.

Este achegamento que existe no audiovisual galego tamén permite que xente nova coma min aprenda de xente que leva moitos anos. É unha sorte que esa xente da que eu antes era espectadora sexan os meus compañeiros, é case como un soño cumprido.

Que che parece que agora a Galicia máis mística e misteriosa se estea a converter en protagonista en moitas series emitidas na televisión española e en plataformas streaming?

España descubriu en Galicia un lugar que tiña moito que ofrecer, mais alá de que haxa talento e haxa produtoras, é un lugar moi propicio para gravar xa que contamos con espazos diferentes, temos mar, montaña… Galicia nunca antes fora tan visible na televisión española nin a nivel internacional; que Galicia sexa visible supón unha oportunidade tamén para remover no pasado, para que aprendamos cousas e para que reflexionemos. Aínda así eu penso que queda moita Galicia por descubrir.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.