‘Cruella’: A difícil tarefa de converter á mala en anti-heroína

Que alegría ver como o mundo comeza a xirar outra vez. Alónganse os días, e coa chegada da calor semella volver, pouco a pouco, a cultura ás rúas. E o cine ás salas. Porque desta vez, a nova bomba de Disney non se estrea unicamente na plataforma de streaming persoal da compañía ao módico prezo de 21,99 euros -os DVDs cust(ab)an menos-. Con este disparatado custo, semella que ao fin Hollywood está a facer algo polo sector da exhibición forzándonos -sen querer (?)- a volver ás salas.

Neste contexto chega Cruella, a enésima adaptación live-action da multinacional manufactora de soños recocidos. E sen dúbida, cun embalaxe de luxo. A faciana de Emma Stone ocupando cada polgada do cartel promocional. Nin fixo falta remarcar demasiado que Emma Thompson interpreta á antagonista da icónica villana dos 101 Dálmatas.

E é que agora Cruella de Vil pasa a ser a protagonista de historia. E polo ben do relato, precisa ser convertida en anti-heroína. Figura narrativa cuxo orixe se remonta á traxedia grega, caracterízase por carecer de calidades heroicas mais constituír un perfil co que o espectador se poida identificar. Polo tanto, a obsesión de Cruella xa non pode radicar en despelexar cadeliños. Tennos que caer ben.

Harley Quinn ou ‘O Demo Viste de Prada’?

Ténselle acusado ao director Craig Gillespie (Eu, Tonya) de ir a remolque do éxito do último -ou penúltimo, segundo se vexa- Joker (Todd Philips, 2019). Coma se non existisen films protagonizados por chalados coa cara pintada antes de Joaquin Phoenix (que llo digan os xenios do cine expresionista alemán). Se hai que culpar a alguén do constante refrito do anti-heroe desequilibrado actual, será ás tendencias posmodernas da industria.

Pero vaiamos dunha vez ao miolo. Cruella preséntanos non só unha versión alternativa da historia de 101 Dálmatas, senón que nos leva a un momento cronolóxico anterior do da cinta animada -e o seu correspondente remake en live-action de 1996-. O punto de partida é a infancia de Estella, cuxo álter-ego, como cabía esperar, é Cruella. Dásenos así un contexto para entender as tendencias psicopáticas da personaxe na súa adultez: unha cativa cun talento desmesurado, abocada á criminalidade a causa da orfandade e o abandono.

Elipse de dez anos, e atopámonos coa Estella adulta (Emma Thompson) acompañada dos seus afables secuaces Jasper (Joel Fry) e Horace (Paul Walter Hauser), ao estilo de Laurel e Hardy. Brillante deseñadora de roupa, Estella conseguirá facerse un oco na casa de moda da Baronesa von Hellman (Emma Thompson, inmesurable coma sempre). Na primeira metade do filme, todo recorda máis a O Demo Viste de Prada ambientada nun estético Londres setenteiro que a un produto do universo estendido de DC.

Un guión escrito a bandazos

Por suposto, nalgún punto tiña que chegar a rebelión de Estella contra a súa tiránica xefa, que culminaría coa metamorfose de Cruella en toda a súa materia. E é aquí, nestes puntos de xiro cruciais, onde o guión desvela a súa máxima lacra. Non existe evolución de personaxes; soamente saltos dramáticos mortais. A Baronesa pasa de arpía fatale con encanto a odiosa villana desapiadada dunha secuencia a outra sen ningunha transición de personalidade de por medio.

Pero a evolución da protagonista oscila con aínda máis bandazos. De rapaza guai de identificación perfecta para o target infantil e xuvenil, a psicópata arrogante e insoportable, a un suposto punto de “equilibrio” final tan enganoso coma inestable. Preténdese concluír coa anti-heroína ideal, coas súas fobias e imperfeccións, ao nivel da xente común.

Non se pode construír á personaxe na que se focaliza o relato con tan extremada inconsistencia de escritura sen que o filme enteiro se tambalee con ela. Ao final, o que se consegue é a unha sorte de Harley Quinn edulcorada incidental. Porque, ademais, Emma Stone semella tan limitada no mesmo papel de manic pixie dream girl de hai unha década, que segue sen confiar en si mesma na encomenda de finxir ser perversa.

Polo menos faise agradable á vista

Aínda que quen escribe estas liñas considere que sen bo guión non pode haber boa película, tamén cómpre recoñecerlle a Cruella as súas virtudes. Dos 200 millóns de dólares que custou o filme, nin un só centavo destinado ao deseño de produción puido ser desperdiciado. Os escenarios, a maquillaxe e, sobre todo, o vestiario constrúen unha asombrosa atmosfera converxente do camp, o retro e o gótico.

Unha estética tan expresiva, compacta e, sinxelamente, bonita de ver, que non podo imaxinarme máis que a Tim Burton tremendo no seu asento. Tanto é así, que case consegue desviar a atención e dos omnipresentes desprazamentos de cámara. Craig Gillespie amosárase xa reticente á cámara fixa en Eu, Tonya. Pero se naquela marabillosa película os momentos de vertixe óptica nos momentos de acción lograban un xogo simbólico coas secuencias estáticas máis dramáticas, agora estes resultan tan molestos coma innecesarios e carentes de sentido.

O cansino efecto nostalxia

Cruella desvélase coma un produto modelo das actuais tendencias de Disney. Coa nostalxia como maior baza, busca satisfacer non só aos cativos, senón tamén ás outras tantas xeracións que medraron cos seus clásicos. A estratexia vixente é facer refritos en carne e óso. O resultado adoita ser mediocre a nivel cinematográfico e rendible a nivel económico, e Cruella non é a excepción á norma -como si fora O Libro da Selva-.

De momento a compañía ten en marcha outros 13 proxectos de adaptación en live-action. Seguramente precise un cambio de táctica antes de que cheguen todos a produción. E revisando os 100 anos de historia de Disney, se algo se pode sacar en limpo, é que foron os momentos de máxima innovación -técnica, mais sobre todo narrativa- os máis prolíferos. Cruella chega nun momento no que pouco queda xa por espremer do efecto nostalxia. Esperemos que o cambio de estratexia chegue máis cedo que tarde.

Dirección: Craig Gillespie
Guión: Dana Fox, Tony McNamara
Fotografía: Nicolas Karakatsanis
Música: Nicholas Britell
Ano: 2021
País: Estados Unidos
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.