Daybreak, cando os adolescentes dan máis medo ca os zombis

A nova serie de zombis de Netflix esconde mecánicas narrativas de intereses

Daybreak é unha serie estreada por Netflix cunha historia de aparencia claramente adolescente baixo un contexto postapocalíptico zombi. Unha serie para enganchar á xente unhas cantas horas e a outra cousa. Pois ben, é un pouco isto si, pero ten moito máis do que podía esperarse.

 A historia conta como tras unha explosión química, os adultos acaban convertidos en zombis, mentres que os adolescentes sobreviviron normais. En consecuencia, o mundo é seu. A narración céntranos meses despois do feito, baixo a perspectiva do protagonista, Joss Wheeler, que parece adaptarse bastante ben ao novo mundo. Os sobreviventes están a crear novas sociedades caóticas ao mesmo tempo que loitan contra os zombis ex-adultos.

Inevitablemente, a serie baséase na comedia e na acción (algo gore), sobre todo ao principio, traendo un conxunto realmente divertido e livián. Pero ao escarvar un chisco comézase a atopar características moi curiosas que engaden valor á serie.

Primeiro, as referencias constantes tanto ao mundo pop actual como a outros filmes. Evidente é a homenaxe case continua a Mad Max (George Miller) pero atopamos situacións que nos poden recordar a outras obras como O señor das moscas ou The Warriors (Walter Hill). Así como referencias continuas a filmes relacionados co kung-fu e cos samurais por parte dun personaxe secundario.

Outra das mecánicas máis atractivas de Daybreak é a súa forma de narrar a historia. A trama é de por si é divertida, pero non parece ter (sobre todo pola metade) un transfundo ou unha evolución especialmente suxerinte, mais non se fai aburrida ou plana grazas as diferentes formas de encarar os capítulos.

DAYBREAK

Estes funcionan na primeira metade da tempada para construír aos personaxes principais, a través de flashbacks das súas vidas anteriores e cambiando a narrativa, que pasa da ruptura da cuarta parede á voz over e a outras formas de maneira natural e clara, facendo evidentemente cómplice ao espectador en cada momento. Isto extrémase ata tal punto que nun episodio, o personaxe principal do mesmo di “que sempre soñou con que RZA (integrante da mítica banda de hip-hop Wu Tang Clan) narrara a súa vida”, e a continuación, a voz de RZA real faise coa narración de todo o capítulo.

A historia semella ser unha serie de aventuras adolescentes dentro deste contexto tan especial, onde os protagonistas gañan peso a través dos flashbacks, repercutindo nunha evolución nas accións do presente, unha forma narrativa xa bastante vista e previsible. Os personaxes son curiosos, pero non deixamos de ver certos arquetipos habituais. Hai personaxes que lembran a outros de obras como Sex Education ou Borderlands.

Pero curiosamente, chega un importante cambio nos últimos episodios, cun par de capítulos dignos de calquera grande serie. Neles preséntanse os dous flashbacks máis importantes relacionados co protagonista, referidos a súa moza e ao seu pai, entrando nun contexto emocional que rompe coa dinámica humorística e xira cara o drama, especialmente no brillante episodio 8, que incluso se podería visionar por si mesmo en forma de mediametraxe.

Este conta un romance adolescente dunha maneira crúa, realista e visceral, destacándose en nivel moi por enriba do resto da serie, que foxe do drama e volve á épica nun episodio final bastante decepcionante que deixa o terreo listo para a emisión dunha segunda tempada

Daybreak é unha serie que se esforza por parecer xuvenil, divertida e “guai”, pero que realmente tras esta codia algo manida contén uns mecanismos curiosos. Unhas mecánicas que realmente a fan un bo entretemento completado por ese impacto inesperado da recta final da serie, pero que tristemente non da material abondo como para deixar un calado máis importante.

Creadores: Brad Peyton, Aron Eli Coleite
Guión: Brad Peyton, Ira Madison III, Aron Eli Coleite
Fotografía: Duane Manwiller, Jaron Presant
Música: Andrew Lockington
Ano: 2019
País: Estados Unidos
3
Pódeche interesar...
Wes Anderson quenta motores co primeiro tráiler de ‘The French Dispatch’