‘Desexando Amar’: Quizais, quizais, quizais

O popular himno da incerteza amorosa, neste caso entoado por Nat King Cole, acompaña o filme ‒e así pasan os días, e eu desesperado; e ti, ti contestando, quizais, quizais, quizais…‒; porque, efectivamente, a noción de incerteza, de dificultade e de imposibilidade é algo que aparece de maneira repetida nel, do mismo xeito que o fai a canción‒. Trátase dun filme, recentemente reestreado en cines, cuxo título tamén está construído a través doutra canción, considerado de entre os mellores da historia do cinema e cuxa trama, resumida do modo máis sinxelo, nárranos a historia de amor entre dous protagonistas, home e muller, que pouco a pouco se van coñecendo e namorando.

Ambos os dous, veciños do mesmo edificio, senten unha intensa soidade que lles acerca a manter conversas nos corredores e espazos pechados que, como advertirán os espectadores, serán tan importantes para o desenvolvemento da acción. Pero a súa relación é complexa porque os dous están casados; mais o achegamento tímido entre eles vaise exacerbando cando descobren que as súas respectivas parellas están enganándoos.

Dende os primeiros segundos da cinta, Wong Kar Wai sinala directamente aos protagonistas da historia, interpretados por Tony Leung y Maggies Cheung, servíndose da elipse para ocultar por completo o rostro e a presenza das súas parellas, uns personaxes que non aparecen fisicamente en ningún momento da película. Aínda que as decisións e accións destes dous esquecidos é de suma relevancia para que outra historia de amor poida xurdir, o silenciamento é empregado para focalizar a nosa atención sobre os verdadeiros protagonistas, sendo só o doce corte de pelo da muller de Chow e a rugosa voz da parella de Su, o que o director nos deixa coñecer.

Wong Kar-wai, así, recorre á elipse para eliminar da trama unha cuestión que moitos outros considerarían imprescindíbel, como é a personificación dos caracteres que enganaron aos nosos protagonistas. Estes abandonan o plano, do mesmo xeito que o fan outros personaxes sen demasiada importancia para o filme, deixando nel, de maneira reiterada, a Chow e a Su coa súa propia intimidade. E é que a intimidade é outra das palabras chave para falar da película, pois esta componse como un continuo achegamento cara aos sentimentos e emocións contraditas do home e da muller que acaban de coñecerse.

Entre eles, pouco a pouco, xorde un desexo amoroso que con probabilidade sen a soidade non existiría, e Won Kar-wai insiste moito nisto. Os personaxes están sós, practicamente foron abandonados polas súas parellas y senten esa necesidade de amar. Necesidade ou desexo ‒o título que recibiu a película en Galicia é bastante específico con este sentimento: Desexando amar‒, pero ambos os dous séntense frustrados pois non queren actuar coma as súas parellas.

O filme foi estreado hai pouco máis de vinte anos ‒de aí que, na actualidade, volva proxectarse nas salas de cine dalgunhas cidades do país‒ pero o sentimento que retrata o director é atemporal por completo e o espectador ou espectadora, sen dúbida, poderá verse reflectido. A cámara achégase aos personaxes e adéntranos na súa subxectividade máis profunda.

Empatizamos coa súa incerteza e o seu quizais reiterado. Para isto, o emprego de amplos planos xerais é case nulo, porque ao director non lle interesa outra cousa máis que a emoción, o desexo e a frustración; todas elas cualidades do amor. Ademais, a posición da cámara, os movementos sinuosos dista e a configuración de determinados planos, fai sentir ao espectador e espectadora como un voyeur nalgúns momentos, como se estivese mirando a través do ollo dun espía que se entromete na intimidade dos personaxes.

Aínda que a confusión tamén existe neste filme ‒non dubidamos que sexa de maneira intencionada‒, patente nese uso reiterativo das cancións e dos diálogos, da elipse espacial pero que tamén temporal ‒pois a trama vai pegando saltos as veces difíciles de comprender‒; a esencia do filme, esa necesidade e desexo polo amor, segue estando aí; manténdose presente en cada unha das secuencias nas que o director decide separar aos personaxes para logo xuntalos dentro do cuarto ou coa choiva caendo sobre eles.

Parece existir unha especie de noiro entre os dous personaxes e os seus sentimentos, un noiro que quizais se rompe nalgún momento. Quizais se amen sen sabelo, preguntámonos ao comezo; quizais sucumbirán á paixón, preguntámonos ao final. Un plano minucioso enlaza as súas mans, a cabeza dela repousa sobre o ombreiro del, pero o espectador non pode saber a ciencia certa o que ocorreu entre eles, porque o noiro que parecía terse derrubado en Hong Kong volve construírse, cando tempo despois, se atopan en Camboxa.

Durante eses anos, Chow e Su buscáronse para non atoparse e tan só o destino volve poñelos no mesmo lugar e no mesmo tempo unha vez máis. O tempo e o lugar desta parte final son as ruínas de Camboxa na que os personaxes volven verse por casualidade varios anos despois da súa última noite xuntos. A aberta paisaxe camboxana, retratada a través de grandes planos, contraponse coa maneira de situar e filmar o primeiro tramo do filme, que fora en estreitos corredores censurados polo fume e o bulicio de Hong Kong; aínda que en ambas as dúas partes o coidadísimo uso da imaxe de Wong Kar-wai, tamén descritiva, permaneza.

Tras o seu reencontro, o desespero de Chow ‒e eu, desesperado‒ lévalle a confesarse contra un oco das ruínas. Do seu secreto, tapado co barro polo ritual que, nalgún momento da trama, un amigo explícalle, xurde a natureza e brota, de novo, o sentimento e a emoción que sente a súa vez o espectador ou espectadora. Mentres, un segue preguntándose polos múltiples quizais que apareceron na historia e por como se resolveu a relación entre os namorados anos atrás. Así, o final é aberto nunha película de Wong Kar-wai que pode resumirse como un bonito quizais, quizais, quizais.

Director: Wong Kar-Wai
Música: Michael Galasso
Fotografía: Christopher Doyle, Mark Lee
Ano: 2000
País: Hong Kong
4.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.