‘Diamantes en bruto’: Cando tivemos ganas de ver a Adam Sandler

O actor coñecido polos seus malos papeis despunta neste filme dirixido polos irmáns Safdie

Como? Están a repoñer outra película de Adam Sandler na televisión? E esta vez, que toca? Un solteiro que aprenderá o que é madurar tras adoptar un neno, ou tal vez algo máis tolo como salvar o mundo dun exército de personaxes de videoxogo violentos?

Durante moitos, moitos anos, o actor estadounidense gañouse a pulso unha posición en Hollywood baseada en facer películas absurdas, desas que non serven para moito máis que para pasar un rato polas tardes sen nada que facer. Non había calidade por ningures, e moito menos algo que chamase a atención cinematográfica nos seus papeis. Conectabamos por empatía e por familiaridade coas situacións. Aquelo que Sandler asomaba nas súas películas facíanos desconectar das nosas realidades nunha abstracción tan pura como simple.  

Diamantes en bruto é a primeira película interpretada por Sandler que chama a atención por si mesma, sen casualidades. Tras recibir tantas nomeacións —pero sen chegar aos Oscars— a premios e tantas críticas onde se falaba da mellor actuación da súa carreira —como se fose difícil imaxinar a melloría—, como mínimo a curiosidade estaba aí, e o que nos atopamos é, buscando o símil co título do filme, unha auténtica xoia.

Esquezámonos de toda esa empatía e familiaridade co actor, pois non atoparemos nada diso en Howard Radner, a quen interpreta. Radner é un pai de familia xudeu, queparece respectar á súa familia e as tradicións e amar o que fai: vender xoias a famosos e ricos. Con todo, a medida que se avanza na trama, as súas decisións son máis debatibles e moralmente incorrectas do adecuado nunha película familiar. Ludópata, deberá cartos a moita xente e non dubidará en estafar para conseguir máis para apostar. Verase que o respecto cara a súa familia é todo fachada e que as súas obsesións son tales que será incapaz de tomar unha soa decisión correcta aínda que a vida lle dea tantos e tantos golpes.

A primeira decisión boa para Diamantes en Bruto que tomaron Ben e Joshua Safdie, directores do filme, foi introducir a Sandler como protagonista. A falta de costume de velo en papeis como este crea unha sensación de desasosego que, tal vez, a película non sería capaz de ter por si mesma. Repetindo o papel con outro actor, que actuase igual de ben ou incluso mellor, poría sobre a mesa que o recoñecemento que damos fose moi diferente.

E si, ademais de que o papel lle veña ao dedo e nos somerxa na trama, os rumores son certos: ese irrecoñecible Adam Sandler fai en Diamantes en Bruto a mellor actuación da súa carreira, dotando ao personaxe de credibilidade cun sorriso absurdo e unha voz aguda que nos darán gañas de pegarlle unha puñada na cara máis dunha vez.

Se ben o resto do casting non semella cobrar moito protagonismo, xa que xira todo ao redor da personaxe de Howard Radner, nunca chega a resultarnos algo imposto ou unha falta. A historia é de Radner, e o resto de actores xogan un papel importante en darlle brillo tanto a ese personaxe como á película na súa totalidade, dotando cada un deles de pequenas capas que complican tanto a historia como á personaxe de Sandler. En como este socializa con cada un deles atoparemos pequenos detalles da súa personalidade, e axudarannos a comprender mellor como actúa.

É nese reparto onde si se atopa a empatía. Sófrese con eles. Nas súas accións será onde o espectador vese reflexado ante o caos, e tentando entender como actuaría nunha situación similar. E hai de todo, pois non existe papel pequeno: todos aqueles que interactúan con Sandler aportan algo á trama, sexa dende a ira, o arrepentimento ou o conformismo.

A película é lineal, pero invitará ao caos en todo momento. Ata certo punto, é cunha película lenta, moi lenta, que pode incluso chegar a desesperar. O guión tómase a súa calma para establecer aos personaxes e ás súas motivacións, para unha vez todo estar sobre a mesa lanzarse unha e outra vez sobre o espectador con escenas nas que parece que todo vai estalar en mil anacos, buscando unha e outra vez gatos encerrados e segundas intencións que farán que todo vaia mal.

O xogo non estará en xiros de guión inesperados —aínda que hai algún—, senón en aclimatar o ambiente para que, unha vez todo ese desenvolvemento atope un final, o espectador atópese cunha soga ao pescozo e rezando porque todo saia ben. E non polo protagonista, como cabería esperar, senón porque se hai final feliz, aqueles que o rodean estarán mellor, e soamente con iso poderá descansar tranquilo.

Baixo a banda sonora está Daniel Lopatin, máis coñecido como Oneohtrix Point Never, cuxa tarefa será dotar ese crecente caos de banda sonora. Sintetizadores e percusións, sempre dende unha perspectiva suave e ecléctica, crearán unha sensación psicodélica. Introduce así ao espectador tanto na historia como, literalmente, no interior do sangue e das xoias. Imprescindible para a película, esta perdería tantas capas sen ela como se todos os personaxes.

Non é unha película sinxela, e incluso pode chegar a resultar longa ás veces, pero a desesperación e o malestar que crea Diamantes en bruto é unha auténtica aventura a vivir. E tal vez, dende agora, atopemos en Adam Sandler máis que un rato entretido a media tarde.

Dirección: Ben Safdie, Joshua Safdie
Guión: Ben Safdie, Joshua Safdie, Ronald Bronstein
Fotografía: Darius Khondji Jr.
Música: Daniel Lopatin
Ano: 2019
País: Estados Unidos
4
Pódeche interesar...
Levar o campo da festa a Instagram