‘Do inconveniente de ter nacido’: Reflexións arredor dunha sociedade electrónica

Elli é un androide, e á vez a protagonista do drama de ciencia ficción que nos ocupa. O leitmotiv articúlase arredor da busca por parte do espectador das respostas ás preguntas: “por que” e “para que” existe o androide? Trátase dun robot que actúa coma única compañía dos humanos cos que convive, e que á súa vez é programado para adoptar a personalidade dunha figura ausente, coa finalidade de que estes interactúen cos recordos dos seres queridos que faleceron prematuramente. É, polo tanto, unha ferramenta interactiva que existe coa función de conter os recordos que máis sufrimento provocan, e retro-alimentarse na culpabilidade que estes espertan.

Na primeira parte do filme, a trama invítanos a comezar a bosquexar unha reflexión en torno á intelixencia artificial e ao lugar que esta ocupa ou que pode chegar a ocupar na vida das persoas. A película fainos reflexionar sobre o grao de intelixencia sensorial que pode chegar a simular un dispositivo, á vez que se nos introduce a relación entre Elli e o pai.

Suxíresenos en varias escenas a posibilidade máis perturbadora da mirada que un home adulto pode ter sobre unha nena, que o pai chega a materializar posto que Elli é un androide. Desta forma, posto que os robots son obxectos non sentintes, o condenable do desexo reside na súa existencia, non na súa materialización. O que nos introduce a outro nivel reflexivo: son os dispositivos tecnolóxicos intelixentes un artefacto a través do cal materializar fantasías inaceptables?

Na segunda parte da película o androide cambia de humano, e dámonos de conta de que a intelixencia artificial existe na realidade do filme coma un dispositivo a través do que interactuar cos recordos, traumas e tormentos. Ditos recordos levan aos humanos a expoñerse á culpa e a interactuar con ela de maneira tortuosa, polo que o “uso” que o humano lle da ó androide volve ser perturbador. Agora o humano non utiliza o robot para volcar os pulsos reprimidos que non pode materializar, se non que o utiliza para retro-alimentar antigos recordos que son constitutivos de culpa.

A idea de base a partir da cal se constrúe a narrativa do filme é a invitación ofrecida ó espectador para reflexionar arredor das relacións que as persoas establecemos coa tecnoloxía e coa intelixencia artificial. Para isto, as sucesivas escenas lévannos a situacións incómodas, perturbadoras e moralmente condenables.

A directora Sandra Wollner pretende, apoiada na indución destas sensacións rexeitables, introducirnos nunha meditación sobre a nosa dependencia emocional da tecnoloxía e ao uso que desta facemos. En ocasións, vertendo nela os nosos impulsos máis rexeitables, que por conviccións sociais reprimimos -en repetidas escenas ó longo do filme suxírese que unha figura materna desaprobaría o que está a acontecer-.

Desta forma, a trama invítanos a reflexionar en torno ás seguintes preguntas: é a tecnoloxía un lugar que posibilita a existencia de espazos para a interactuación coas nosas pantasmas internas? E é isto consecuencia da disociación que produce a substitución das interacción humanas pola interacción con dispositivos dixitais?

A nivel técnico, atopámonos ante un filme de gran calidade, na que a música e a fotografía son frías e hostís, de xeito que acompañan o impersoal e incómodo da narración. No narrativo a película é ambiciosa, pero non logra levar ao público as reflexións ás que nos referíamos con anterioridade.

Deste modo, aínda que as meditacións que se esbozan son sumamente interesantes, o arriscado do guión e da narración visual, nun sentido formal, entorpecen a idea de partida. Isto débese a que non se consegue que o espectador faga súas as reflexións das que parte a directora, debido a que estas se presentan pero non se desenvolven de xeito nítido, nin se lle dan ó espectador os espazos para desenvolvelas.

En definitiva, en Do inconveniente de ter nacido búscase desenvolver unha idea de base cun enorme potencial, pero que na súa materialización se aposta por unha linguaxe narrativa excesivamente ambiciosa, tanto que resulta nunha trama complexa de descifrar, chea de simbolismos e silencios que dificultan a conexión do espectador co relato e as personaxes, polo que a empatía co ritmo non chega a suceder.

Dirección: Sandra Wollner Guión: Sandra Wollner, Roderick Warich
Fotografía: Tim Kröger
Música: David Schwighart, Peter Kutin
Ano: 2020
País: Austria
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.