‘Drácula’: chuchar o sangue en tempos de Tinder

Todo o que non convence desta adaptación ten que ver coa mitoloxía do personaxe

Se tivésemos que facer unha lista de tódalas adaptacións tanto ao cine como a televisión do famoso conde Drácula, de seguro que non nos chegarían nin as infinitas páxinas desta web. Resulta admirable a cantidade de versións que existen desta figura e a maneira na que o imaxinario a foi adaptando para actualizala aos seus tempos. Xa sexa traendo de novo ao protagonista da novela de Bram Stoker ou simplemente limitándose a xogar coa criatura do vampiro, o certo é que, de primeiras, semella innecesario voltar á este personaxe. Entón, que sentido ten esta nova adaptación de Drácula?

Sorprendentemte, nesta miniserie que nos achegou a comezos de ano a plataforma de Netflix, destacan varios aspectos interesantes no tratamento da figura do conde e na historia que a contextualiza, cos que podemos confirmar que non se trata dunha simple adaptación banal. O relato inicia de maneira moi fiel á novela: Jonathan Harker (John Heffernan), un abogado inglés, diríxese aos montes Cárpatos ata o castelo dun misterioso conde que quere formalizar a compra dunhas fincas en Londres. Unha vez alí, Jonathan descubre as peculiaridades do conde Drácula (cunha caracterización envellecida acorde á descripción da historia orixinal) e comeza a tomar parte nuns extraños episodios dentro do castelo.

Ata aquí poderíamos supoñer que se trata dunha adaptación coma tantas outras, máis sen moitas variacións. Pero o certo é que, a medida que se suceden estas escenas, imos intercalando a historia cun futuro Jonathan, demacrado e enfermo, que relata os acontecementos a un par de monxas. A figura dunha delas, Agatha (Dolly Wells), é das máis interesantes desta serie. Trátase da antagonista principal de Drácula, e o seu carácter agudo e intelixente consigue crear unha dinámica perfecta coa personalidade do vampiro.

Un dos puntos fortes é, de feito, o carismático sentido do humor que acompaña ao personaxe magníficamente interpretado por Claes Bang. En contraste coa sobria e escura caracterización que presenta a novela e coas numerosas adaptacións que máis respetaron a historia orixinal (hainas que tamén xogaron con conferirlle un carácter máis amable, sen contar coas que directamente se pasaron á parodia), este Drácula trae momentos hilarantes a través de comentarios e situacións que chocan coa imaxe clásica que habitualmente temos del; un Drácula irónico e mordaz que non perde a sua esencia de vampiro despiadado sin compasión nin afecto.

Por outro lado, a actualización deste relato chega ata a actualidade, cousa que non parece terlle gustado a moitos dos espectadores. O terceiro capítulo é, de feito, o que máis se afasta da novela. Drácula desenvólvese de maneira natural no Londres do siglo XXI, sabe como conectarse a internet e ata usa Tinder. Unha fantasía, vaia.

Personalmente, os aspectos que fan que esta adaptación non cheguen a convencer de todo son os que están ligados coa mitoloxía propia do vampiro/Drácula. Se ben estou totalmente a favor de traer ao conde aos nosos días e deixalo interactuar no noso mundo coma se dun experimento se tratase, non estou dacordo con darlle un xiro a todo aquello que caracteriza á criatura do vampiro: Drácula non pode cruzar correntes de auga, tampouco viaxa no tempo (aínda que sexa inmortal), e non é inmune aos símbolos relixiosos nin ao sol (saltarse as “normas” desa maneira debería ser pecado capital).

Pero, así e todo, este Drácula trae cousas interesantes, como a feminización de Van Helsing ou as tramas de misterio do segundo capítulo a bordo do mítico navío Deméter. Todo eso con un tono cómico que evidencia a man dos productores de Sherlock e o gusto por un humor particularmente inglés. Os acostumados a ver a Drácula en pantalla seguro que aprecian as virtudes desta nova adaptación. Os que se acheguen dende unha perspectiva menos viciada sobre o vampiro, atoparán nela un producto sorprendentemente inxenioso.

Creador: Mark Gattis e Steven Moffat
Guión: Mark Gatiss, Steven Moffat
Fotografía: Tony Slater Ling
Música: David Arnold, Michael Price
Ano: 2020
País: Reino Unido
3.5
Pódeche interesar...
‘Pullman’: Conversacións íntimas con ‘The Florida Project’