‘El Camino’, un epílogo que non sabiamos que precisabamos

Breaking Bad naceu en 2008 froito da mente de Vince Gilligan e terminou xusto cando e onde el quixo: en 2013. Foi un dos maiores fenómenos televisivos desta década –con permiso de Game Of Thrones– e unha serie cun marcado carácter autoral de principio a fin. Aínda que non dirixía os episodios, a pegada de Gilligan estivo practicamente en todos e cada un deles: a significancia cromática do vestiario dos protagonistas, a colocación da cámara nos recunchos máis inesperados, as escenas longas e tensas… Semellaba que o director virxiniano tiña ganas de levar o cine á pequena pantalla. E, seis anos despois do seu final, fíxoo. El Camino resolve un dos grandes cabos soltos que deixou Felina: que diaños ocorreu con Jesse Pinkman?

Ao longo das dúas horas de metraxe, o filme acompaña o icónico personaxe interpretado por Aaron Paul. El é o absoluto protagonista desta vez. Nada ocorre en pantalla sen estar el presente. A trama recolle os acontecementos xusto onde a serie os deixou: Jesse Pinkman foxe do piso franco dos neonazis que o retiveron durante meses nun dos seus coches despois da matanza orquestrada por un Walter White que deu a vida pola súa liberdade. O rapaz, aínda traumatizado pola súa reclusión e consecuentes abusos, sabe que é o fuxitivo máis buscado do país unha vez Heisenberg –para os que non o querían crer tras ver o final da serie– está morto. Así, Jesse comeza o seu camiño fuxindo dunha vida que lle arrebatou todo o que más quería, fuxindo da sombra de Heisenberg, fuxindo da xustiza.

Xa dende o principio nótanse as intencións do autor: El Camino é unha celebración de Breaking Bad. Non da serie, senón do seu universo. Múltiples cameos de personaxes recoñecibles –aínda que algúns non tanto– como Skinny Pete e Badger e referencias agochadas enriquecen a trama e conseguen recordarlles aos fans máis fieis os bos momentos da obra de Gilligan.

No apartado técnico, a fotografía a cargo de Marshall Adams é impecable. Curiosamente, este só estivo presente nun episodio de Breaking Bad pero si que é un dos directores de fotografía de confianza de Gilligan en Better Call Saul. Isto, unido ao maniático perfeccionismo do director e guionista coa cámara fai que El Camino sexa unha delicia para a vista. Planos enfermizos como o momento no que Jesse intenta coarse no piso de Todd, con esa ‘pantalla partida’ natural que o marco da porta crea mentres o veciño se vai aproximando, ou o ‘duelo’ no desguace son quizais os mellores exemplos da labor de Vince Gilligan, que, co paso dos anos, madura como o bo viño.

Unha das características máis peculiares deste filme é a súa estrutura. Aínda que conta cun principio, un nó e un desenlace, o ritmo é completamente o dunha serie de televisión. De feito, as dúas horas de metraxe suman non máis de sete secuencias –que non escenas–. Algo un tanto desconcertante, pero que alude directamente á narrativa da obra orixinal. Traendo unha última vez a colación a labor do omnipresente Gilligan, el gosta moito, e con cada tempada de cada serie que dirixe nótase máis, de escenas largas e tensas. En El Camino reflíctese de maneira evidente e a conversación co vendedor de aspiradoras é un dos mellores exemplos da cinta.

Neste aspecto, sería inxusto xulgar a El Camino como a calquera outra película, pois, ademais, é moi probable que un espectador que non vira Breaking Bad e, polo tanto, non coñeza á única personaxe tridimensional e interesante do filme, se enfronte a 120 minutos de escenas lentas nas que non pasa aparentemente nada. Non se trata dunha película feita para traer o universo Breaking Bad á xente máis cinéfila, senón para darlle un punto e final e contentar aos fans máis acérrimos.

En conclusión, El Camino é unha secuela moi convincente, probablemente innecesaria pero que dá un punto e final sobresaínte a unha das mellores series da última década. Aínda que non destaca en especial a nivel técnico e narrativo comparado cos episodios da serie, resulta un epílogo moi interesante e que os fans de Breaking Bad agradecerán. Vince Gilligan non se pon mans á obra en van.

Dirección: Vince Gilligan
Guión: Vince Gilligan
Fotografía: Marshall Adams
Música: Dave Porter
Ano: 2019
País: Estados Unidos
3
Pódeche interesar...
María Vázquez, Emma Suárez e Rita Azevedo, premios Cineuropa 2019