“Eroski Paraíso”: Facer país e seguir cara adiante

A adaptación desta obra de teatro de Chévere é respectuosa pero triunfa porque utiliza a linguaxe cinematográfica como propia

Eroski Paraíso, codirixida por Jorge Coira e Xesús Ron a partir da obra homónima da compañía de teatro Chévere, recrea o proceso de rodaxe do filme que Alex (Cris Iglesias) quere facer sobre os seus pais e como se coñeceron na sala de festas Paraíso. Un centro de reunión en Muros para toda a comarca hoxe transformada nun Eroski no que súa nai traballa como peixeira.

O tema principal desta comedia é o desarraigo e a partir desa historia pequena, gran parte de todos os galegos nos sentiremos identificados coas arestas que que compoñen o relato. O filme trata o desarraigo coa familia esquecida, co propio pasado e a memoria, o desarraigo cun mesmo e o proxecto vital que toda persoa debe ter. Tamén co país, un tipo de perda que representa de dous xeitos diferenciados.

En primeiro lugar, fai unha mirada externa, xa que a protagonista viviu case toda a súa vida fóra. Primeiro en Lanzarote, onde o seu pai (Miguel De Lira) aínda reside. Máis tarde en Barcelona coa súa nai (Patricia de Lorenzo) tras a separación do matrimonio. Agora ela volve vivir en Muros de novo obrigada polas circunstancias e detestando vivir nese lugar.

REPRESENTACIÓN DOS USOS DA LINGUA

Dende o punto de vida interno, entronca dun xeito directo co uso da lingua e unha denuncia da súa situación. O pai fala o galego de Mazaricos utilizando expresión que os que non somos da zona tiñamos como mínimo esquecidas. A nai fala en castelán, pero nun castelán impostado que soa a calquera cousa menos a castelán. Iso si, falar galego en público é unha vergonza para ela. É a representación máis literal e forte da diglosia.

Por último, a protagonista é unha neofalante que apunta as expresións que lle son descoñecidas. Soamente con esta representación, Eroski Paraíso representa unha novidade no cinema galego e unha reivindicación moi poderosa, pero a adaptación que se fai da obra de teatro é respectuosa pero fala a linguaxe do cinema. Non se queda anquilosada no formato orixinal, un dos maiores perigos desta clase de proxectos.

As secuencias son bastante longas nun acercamento á fonte orixinal e a localización é semellante -simplemente un plató que tenta parecerse a un Eroski-. Pero onde rompe e fai unha declaracións de intencións dende o principio é a través da fotografía e das decisións estéticas, como o uso da pantalla partida ou a determinación de que o propio equipo técnico do filme sexa parte activa do mesmo, unha personaxe máis.

UNHA RODAXE SOBRE UNHA RODAXE

Porque ao final non é o mesmo facer unha obra de teatro sobre unha rodaxe que un rodaxe sobre un rodaxe e son eses toques de metacine onde Eroski Paraíso alcanza os matices máis interesantes. Todo isto unido á marabillosa actuación do reparto, fai que a nivel interpretativo e formal o filme gane enteiros. Mención especial merece Lucía C. Pan na dirección de fotografía, que volve facer un gran traballo (unha vez máis) despois de triunfar en longametraxes como Dhogs ou Trote.

Ademais, sen ser a temática central do tema, trata aspectos sociais moi vencellados a Galicia. Dende as problemáticas sociais de vivir no rural ata as consecuencias da droga durante os anos oitenta e noventa. Tamén fala da emigración, case tan de actualidade hoxe como noutrora. Todo está incluído dun xeito orgánico nos excelentes diálogos. Lamentablemente, isto non é tan así cando se fala do valor antropormórfico do Paraíso para a comarca, xa que se recorre a elementos máis artificiais que non rematan de funcionar ao cen por cento.

En definitiva, Eroski Paraíso é un filme sobre a memoria, sobre o que hoxe é diferente a fai un tempo. Ademais, é unha obra que é quen de conectar con moitos tipos de poboación diferente. Porque eu podería ser un fillo concibido no cemiterio de Muros e non merco o pan onde saía cos os meus amigos fai décadas, pero todos os vigueses da miña xeración botamos de menos o Barrica e o Marexada. O desarraigo non ten idade, soamente se acumula co tempo.

Dirección: Jorge Coira, Xesús Ron
Guión: Chévere
Fotografía: Lucía C. Pan
Música: Varios
Ano: 2019
País: Galicia
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.