‘Festival da Canción de Eurovisión: A Historia de Fire Saga’: Eurofan-service que non pasa de semifinais

Cando Netflix decidiu sacar adiante unha película sobre o Festival da Canción de Eurovisión, esperaba que o proxecto chegara nun contexto ben diferente. A popularidade do lendario concurso da Unión Europea de Radiodifusión estaba a crecer exponencialmente nos Estados Unidos, e o xigante do streaming viu a galiña dos ovos de ouro en espremer ese novo nicho de frikazos.

Comprados os dereitos para distribuír o concurso baixo demanda nos EEUU, Netflix planeou o lanzamento de Festival da Canción de Eurovisión: A Historia de Fire Saga como un complemento de ficción, programado para estrearse en maio de 2020. Mais chegou unha pandemia mundial, e non houbo Eurovisión 2020 en Rotterdam.

No seu lugar, temos unha fantasía esperpéntica deseñada por Will Ferrell -eurofan desde hai dúas décadas-. E en parte, consegue remendar a abstinencia eurovisiva reunindo toda esa candidez e luz que tingue ao festival; tratándoo en parte desde o cariño, en parte desde a burla. Mais as características do espectáculo non implican que o desenvolvemento da historia detrás do escenario vaia ser tan entretido coma enriba del. E a Ferrell non lle quedou moi ben.

En realidade, a única diferencia entre A Historia de Fire Saga e calquera outra comedia de Will Ferrell é que, por pura temática -e distribución en Netflix-, conseguiu máis atención; porque a ver quen é capaz de recordar algo protagonizado por el nos últimos anos. A fórmula é exactamente a mesma: bobalicón fai bobaliconadas, algunhas son graciosas e a maioría deixan caladas ata aos grilos. Tamén temos á irregular Rachel McAdams facendo da rapaza guapa que inexplicablemente namora do bobalicón.

O máis desfrutable da película atópase na primeira metade da metraxe, única e exclusivamente porque as paisaxes son bonitas. Ao máis puro estilo A vida segreda de Walter Mitty, preséntasenos a Ferrell e McAdams nunha preciosísima vila de Islandia. Como unha parella de perdedores, o seu soño desde a infancia é representar ao seu país en Eurovisión. E por unha serie de catastróficas desdichas, conségueno. Cómpre destacar a Demi Lovato interpretando á superestrela islandesa destinada a gañar Eurovisión e ao seu brazo voando polos aires tras a explosión do barco onde se atopaban todos os candidatos.

Cando o relato se traslada á sede imaxinaria de Eurovisión 2020, Escocia, é cando comeza o verdadeiro fan-service, que funciona durante aproximadamente 20 minutos. Vemos a Salvador Sobral -gañador de 2017- tocando Amar pelos dois nun piano nas rúas de Edimburgo, e un maxestuoso número musical onde Alexander Rybak -gañador de 2009-, Loreen -gañadora de 2012-, Conchita Wurst -2014- Netta -2018- ou Jamala -2016-, entre moitos outros, fan un super mash-up de temazos.

Logo diso, miras a barra de tempo, daste de conta de que aínda queda unha hora de película, e pregúntaste que máis queda por contar. A única explicación que se lle pode atopar a que A Historia de Fire Saga dure dúas horazas é a obstinación por torcer e retorcer unha historia de amor para que se prolongue durante as dúas semifinais e a final de Eurovisión. Con moitos, moitos, demasiados, puntos de xiro polo medio.

En definitiva, non hai moito que rascar de Festival da Canción de Eurovisión: A Historia de Fire Saga. E é unha pena que en lugar de poder ver a Daði og Gagnamagnið triunfar con Think About Things en Rotterdam, teñamos que suplilo pola decadencia humorística filmada de Will Ferrell. Para quen non teña nada máis que facer e xa rematase o catálogo de comedias de Netflix, non ten nada que perder. Para o eurofan que busque satisfacer a súa obsesión polo festival, págalle máis a pena ver o vídeo do mash-up eurovisivo en YouTube e esquecerse da existencia do resto da película.

Director: David Dobkin
Guión: Will Ferrell, Andrew Steele
Fotografía: Danny Cohen
Música: Atli Örvarsson
Ano: 2020
País: Estados Unidos
1.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.