‘Fleabag’: Unha xoia televisiva sen cuarta parede

Phoebe Waller-Bridge é, sen dúbida, unha das figuras máis interesantes da esfera televisiva actual. Produtora, guionista e actriz, fixo a súa estrea na televisión británica con Crashing, escrita e protagonizada por ela mesma e emitida a comezos de 2016 en Channel 4. Poucos meses despois, chegaría da man da BBC e Amazon Studios Fleabag, produción aclamada por público e crítica, que conseguiu poñela no punto de mira internacional.

O pasado abril estreouse a segunda tempada de Fleabag, pero moito cambiou para Waller-Bridge desde aquela: lonxe xa de ser unha creadora novel, neste lapso de tres anos consagrouse como unha das autoras máis relevantes da televisión grazas a Killing Eve. Tres anos que lle serviron para perfilar as súas aptitudes de guionista e empaquetar unha tempada, se cabe, aínda máis redonda que a anterior. Diálogos máis rápidos e intelixentes e unha linguaxe cinematográfica construída sobre un único punto de vista fan da segunda tempada de Fleabag un dos produtos televisivos máis acertados do ano.

Fleabag nace dunha one-woman play representada por Wallen-Bridge en 2013 no Festival de Edimburgo. Preséntanos a unha muller londinense na súa trintena, arruinada tanto económica como sentimentalmente, que busca a satisfacción persoal na constante pesquisa de sexo con descoñecidos. ‘Fleabag’ é o alcume que o propio título da serie dá á protagonista, cuxo nome real non se menciona en ningún momento. Segundo o dicionario de Cambridge, ”fleabag” tradúcese como “persoa sucia ou desagradable”. Este é o sub-contexto co que o espectador parte nunha serie que invita sen miramentos ao xuízo moral.

Dialogando cos espectadores

Fleabag rompe constantemente a cuarta parede da ficción, mirando a cámara e apelando directamente ao espectador. Poucas veces na televisión esta técnica, empregada desde The Office ata House of Cards, fora desenvolvida con tanta naturalidade e despreocupación, encadrándose perfectamente na acción e facéndose practicamente transparente. A protagonista interactúa constantemente co observador, coma nunha división paralela, pedindo unha valoración constante dos seus actos.

Pero é nesta segunda tempada cando a aparente invisibilidade da interacción de Fleabag con nós cambia. Un home chega á súa vida en forma de esperanza, e porá patas arriba as súas vellas dinámicas sociais e sexuais; como non: un cura católico. A personaxe interpretada por Andrew Scott, como metáfora da excepcional relación, será o único quen de percibir a abstracción na faciana de Fleabag cando se dirixe ao espectador.

O que podería parecer un símil forzado, resulta extraordinariamente ben levado a cabo, introducindo o concepto de celibato e a contradición entre amor espiritual e romántico. A conclusión da historia -e, posiblemente da serie-, lonxe de ser un desenlace estereotipado, supón un final redondo cunha lección vital intrínseca: o amor é duro pero sempre pasa. É aquí cando Fleabag sinte que os seus actos non precisan ser xulgados por outros, e segue o seu camiño sen ser seguida, por primeira vez, pola cámara.

Un punto de vista feminino inaudito

En tempos de auxe do feminismo liberal, no que o movemento #MeToo se atopa na primeira liña da farándula televisiva e cinematográfica, Fleabag érguese como unha rara avis da industria: as mulleres tamén queremos follar. Non só os homes teñen actitudes inapropiadas, e Fleabag é a gran personificación dunha muller confusa, que salda os seus problemas de autoestima mediante o sexo.

Nunha era na que semella que se o que se emite por televisión non é feminista, non vai pasar o filtro da opinión pública, Fleabag cuestiona a miúdo os límites do feminismo hexemónico: “Sigo a ser feminista se vexo porno?”. Lonxe da imaxe da típica protagonista feminina empoderada, temos aquí a unha muller na eterna busca da satisfacción persoal, con todos os erros e fracasos emocionais que iso conleva.

De vez en cando, esquivando todas as barreiras de xénero que existen na industria, elévanse mulleres que conseguen posicionarse no máis alto da televisión. Collendo o relevo de Tina Fey -relevo que, por moito que o intentara, nunca conseguira agarrar Lena Dunham- Phoebe Waller-Bridge é a nova promesa da comedia televisiva. Con Fleabag aparentemente concluída, Killing Eve en auxe e Run (proximamente en HBO) en proceso de produción conseguiu ademais romper coas dinámicas romper as vellas dinámicas de adaptación das series británicas á televisión estadounidense, hibridando a produción entre ambas industrias. Aínda nos queda moito por ver, esperemos, dunha das mellores show-runners da década.

Fleabag
Creadora: Phoebe Waller-Bridge
Guión: Phoebe Waller-Bridge
Fotografía: Tony Miller, Laurie Rose
Música: Isobel Waller-Bridge
Ano: 2016-2019
País: Reino Unido
5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.