‘High Fidelity’: A serie que todos os amantes da música merecen

En 1995, Nick Hornby petouno cunha novela sobre un propietario dunha tenda de discos no Londres dos anos 80. O éxito do libro -e posteriormente da súa adaptación cinematográfica do 2000, protagonizada por John Cusack e situada en Chicago- radicou na súa valía para desvelar as feas verdades ocultas asimiladas pola ideoloxía da masculinidade. 25 anos despois, chega un remake en forma de serie de televisión guionizado polo propio Hornby, pero con grandes cambios; non só se traslada á Nova Iorque contemporánea e actualiza a banda sonora -sempre cun papel principal-, senón que agora a protagonista é unha muller.

Rob Brooks (Zoë Kravitz) intenta superar unha dura e longa ruptura amorosa mediante a música e, sobre todo, o vitimismo. Dona dunha tenda de vinilos na que ten como empregados aos seus amigos Simon (David H. Holmes) e Cherise (Da’Vine Joy Randolph), pasa o tempo torturándose polo seu talento para cagala sempre, fumando, con Bowie ou Ann Peebles de fondo e facendo listas mentais; a máis relevante de todas, o seu “top 5 de desamores máis memorables da historia”.

A tarefa máis complicada que conlevaba a serie non era adaptala á actualidade, bastaba con recrear un ambiente o suficientemente hipster -e que mellor lugar que Brooklyn?- para facer crible unha tenda rendible de discos a día de hoxe, metendo un pouco de Frank Ocean entre na mestura de tanto clásico da música. O difícil radicaba en converter a Rob nunha muller. Atreveríanse os guionistas a desenmascarar os peores defectos do xénero feminino, tal e como se facía cos homes na orixinal, nos tempos que corren? E en tal caso, sería capaz correctamente?

 A realidade é que nin sequera se intenta. A premisa da que parte Rob é a mesma: un desastre e, ás veces, cretina e fría. Pero en lugar de explorarse fondamente estas tendencias e as raíces das mesmas, xustifícanse coa escusa de “é unha muller complicada”, tinguido todo cun cariz posmodernista pouco convincente. O fondo non é o mellor pero, aínda así, o guión sabe executalo correctamente na forma. Ao fin e ao cabo, é unha serie protagonizada por modernos e para modernos. E Zoë Kravitz desprende frescura alá onde vaia. Dito doutra forma, o seu “rollazo” é natural.  

Por outra banda, a serie supón unha gran mellora ideolóxica en moitos outros aspectos respecto das súas antecesoras. Antes no universo de Alta Fidelidade, soamente xogaban os homes brancos heterosexuais na primeira liña; as mulleres, simples oíntes casuais sen ningún coñecemento transcendental sobre música. Agora a máis sapientísima é unha muller negra bisexual. E este derrube do cliché materialízase no que seguramente sexa o capítulo máis interesante desta primeira tempada: cando Rob desbanca a un lonxevo amante da música -e capullo misóxino integral- que chegou a codearse con Paul McCartney nun dato sobre os Wings.

A metamorfose dos papeis secundarios é tamén un dos grandes acertos da serie. En lugar dun insulso Todd Louiso e un ineludiblemente cansino Jack Black, atopámonos con dúas personaxes excelentemente trazadas e que, sendo difícil debido á súa natureza, conseguen fuxir dos tópicos. Por unha banda, a o episodio que xira sobre a primeira -e única- relación homosexual de Simon fai moito máis por explicar a toxicidade do amor auto-destrutivo que o un dos propósitos centrais: explicalo mediante Rob. Por outra, Da’Vine Joy Randolph cómese a pantalla interpretando a Cherise. Cando nun principio soamente parecía un exercicio de histrionismo calcado a Jack Black, rematou desvelándose unha figura cun excepcional arco dramático sobre a inseguridade e o medo creativo.

Mais en última instancia, High Fidelity supón un declaración de amor incondicional á música, producido para ser desfrutado, ante todo, polos que aman apaixonadamente a mesma. Non só pola impecable banda sonora que guía toda a serie, mesturando soul, hip hop, disco, R&B, pop, rock, e todo o que lle queiras poñer por diante. No final do capítulo referido anteriormente como o máis interesante da tempada, Rob manifestábao explicitamente cando rexeitou a posibilidade de quedarse coa colección de discos dese cretino: a música debe ser para todos, e por moi mal que nos portemos, sempre teremos o dereito a escoitala; a música é a nosa salvación.

Creadoras: Sarah Kucserka, Veronica Becker
Guión: Nick Hornby, Sarah Kucserka, Veronica Becker
Fotografía: Carmen Cabana
Música: Nathan Larson
Ano: 2020
País: Estados Unidos
3.5
Pódeche interesar...
A Banda de Lombás: “A xente das romarías agora é moito máis aberta”