‘Homeless Home’: A Mariña sen Alcoa

Homeless Home é a última curtametraxe de Alberto Vázquez, o nome máis importante da animación galega dende hai xa anos. Nesta ocasión preséntanos un mundo escuro e ata morto cunha ambientación gótica e que claramente presenta un salto cara adiante na carreira do director.

Ata o de agora, o habitual nos filmes de Vázquez eran que os personaxes foran animais na meirande parte das ocasións e cun aire colorido. Nesta ocasión o mundo non ten cor. É triste posúe unha ambientación que lembra a unha mestura entre un conto de Edgar Allan Poe cos monstros do Señor dos Aneis.

Tamén parece alcanzar unha madurez importante na forma de contar a súa historia. Aquí todas as personaxes teñen unha historia, nárrase coa imaxe dun xeito marabilloso e cóntanse moitas cousas e dun xeito moi completo para ser unha curtametraxe de pouco máis dun cuarto de hora.

Pero quizais, o máis destacable  é o potente subtexto. O protagonista do filme volve a casa despois da guerra da que foi desertor e non recoñece o seu mundo. Todo cambiou, todo é máis triste, todos son máis tristes. Hai un claro paralelismo do mundo actual dende a propia volta a casa despois de non triunfar. De que a propia idea de éxito fora inalcanzable.

Vázquez retrata a través de personaxes fantásticos un mundo un crise. En crise económica, pero tamén social a consecuencia desta. Nese mundo a xente que traballa faino en condicións terribles. A xente drógase para evadirse. As relacións sociais son absolutamente negativas e sobre todo, non hai absolutamente nada en ese contexto que pareza que pode facelo despegar. É un mundo orfo.

Quérese reflectir un mundo sen oportunidades. Eu non podía deixar de pensar nunha Mariña sen Alcoa, nos porcentaxes absurdos de paro xuvenil. Nun mundo gris e triste onde todo o mundo acepta a súa tristeza. O realmente interesante do filme é iso, o seu subtexto. E o perigoso é que se poda recoñecer o mundo real nun universo tan escuro. Que a visión tan tenebrosa de Alberto Vázquez sexa tan tanxible.

No puramente artístico, tamén hai unha evolución importante. Debido ao cambio no ton e as decisións técnicas que saen diso, a animación tamén cambia e chega a puntos estéticos tremendamente interesantes. Todo xunto a unha dirección próxima cando importa e afastada e respectuosa cando é necesario.

En definitiva, Homeless Home posúe unha mensaxe moi potente nun entorno moi traballado e cunha evolución clara cara adiante na carreira do seu director. Unha experiencia curta pero intensa desas que dan ganas de que fora unha longametraxe aínda que soamente sexa polo interesante que é o seu universo.

Director: Alberto Vázquez
Guión: Alberto Vázquez
Música: Víctor García
Ano: 2020
País: Galicia
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.