‘It’s a Sin’ e a importancia de dar a mensaxe axeitada

Coñecemos a Russell T. Davies como un dos guionistas e produtores británicos máis relevantes. Foi o creador da versión orixinal de Queer as Folk, de Bob & Rose e do regreso da serie de ciencia ficción Doctor Who, entre moitas outras. Entre os seus traballos máis recentes atópase a brillante e distópica Years and Years, estreada en 2019.

Davies sempre estivo especialmente dedicado á busca dunha representación fiel do colectivo LGTB nas súas obras. Se xa Queer as Folk (1999) marcou un punto de inflexión sobre esta cuestión na ficción británica, uns 15 anos máis tarde volveu ofrecer un retrato do colectivo axustado ao século XXI, coa triloxía conformada por Cucumber, Banana e Tofu, sempre fuxindo dos estereotipos habituais e buscando un enfoque cómico pero realista.

No seu último traballo, It’s a Sin, vólcase de novo nesta cuestión relatando o ambiente social que se deu no Londres dos anos 80 ante a aparición do VIH e os primeiros casos da SIDA. Para isto, a miniserie de 5 episodios trata a historia dun grupo de cinco mozos que se mudan á capital británica en busca de máis liberdade e mellores oportunidades.

En primeiro lugar cabe destacar o reparto (Olly Alexander, Lydia West, Omari Douglas, Callum Scott Howells e Nathaniel Curtis), que nos brinda interpretacións brillantes e representa ao colectivo LGTB e ao seu entorno en toda a súa diversidade racial, cultural e persoal dunha forma moi axeitada.

A serie amosa as reaccións ante a aparición dos primeiros casos da SIDA, todo o descoñecemento inicial ante a enfermidade, como se pensaba que era unha sorte de “cancro” ou “gripe” que só afectaba ás persoas homosexuais, como moitos afirmaban que era un invento das farmacéuticas para estigmatizar ao colectivo…  E nese contexto, abórdase a contradición entre o medo por unha enfermidade que significaba unha sentenza de morte e as ganas dun grupo de mozos de desfrutar da súa sexualidade, que tantos anos ocultaran, nunha cidade que semellaba que comezaba a liberarse.

Se ben a crise da SIDA se amosou na cultura audiovisual con anterioridade dende moitas perspectivas (o activismo pola visibilización e desestigmatización, o drama, o rexeitamento social…), It’s a Sin propón un enfoque múltiple, amosando esa contradición da que falabamos pero tamén a parte máis psicolóxica e sociolóxica da crise sanitaria: a vergonza por contaxiarse, os malos tratos aos enfermos, a loita por desvincular o contaxio a un estilo de vida frenético e promiscuo.

Davies parece buscar sempre os guións máis dolorosos, as rupturas e acontecementos máis dramáticos, como vimos por exemplo en Years and Years. Neste caso volve presentar un guión contundente pero moi necesario, que nos fai reflexionar sobre un estigma que aínda hoxe segue vixente, e que pode chegar a pesar máis que a propia enfermidade para quen a sofre.

E chama especialmente a importancia o personaxe de Colin (Callum Scott Howells), que é o primeiro do grupo en falecer a causa da enfermidade, pero encarnando o papel de alguén que non tiña unha vida sexual activa. Podería térselle dado máis peso á súa historia, que non se desenvolve por completo ata a súa morte, e unha vez isto acontece o personaxe semella algo esquecido. Algo similar acontece con Ash (Nathaniel Curtis), cuxa trama non vai moito máis alá de ter un interese romántico en Ritchie (Olly Alexander).

Bótanse en falta tamén unha representación das mulleres do colectivo que sufriron a enfermidade, e algo máis de énfase no tratamento do goberno de Margaret Thatcher cara a estas persoas. Aínda así, as connotacións políticas da serie son moi palpables e non deixan que desexar, e quizais un capítulo máis que se centrase na xestión do goberno e no negocio das farmacéuticas se desviaría moito da historia persoal que It’s a Sin trata de contar, vital para a mensaxe que quere transmitir.

E esa mensaxe, que actúa como elemento distintivo da serie dentro da temática, é especialmente importante. Russell T. Davies busca retratar ás persoas que contraeron a enfermidade como o que foron: persoas que viviron na busca da súa liberdade, que foron felices non ocultando a súa identidade e sexualidade. Os personaxes non se arrepinten de vivir como o fixeron, non queren caer na culpa cristiá que se pretendía impoñer sobre eles. Non buscan ser loitadores contra unha crise que non se tería dado se as institucións a abordasen a tempo. Por iso It’s a Sin tamén ten o seu lado festivo e brillante e tamén busca que o amor e as relacións homosexuais durante a mocidade se traten con normalidade e sen culpabilización.

En definitiva, It’s a Sin acaba consistindo nun drama que pretende non selo, que buscar dar voz a unha crise da que nunca se fala o suficiente e cuxos efectos sociais sobre o colectivo podemos ver aínda hoxe en día. E todo isto faino a través dunha conxunción marabillosa de personaxes ben elaborados, un toque pertinente de humor británico e a profundidade e seriedade necesarias para dar a mensaxe que pretende e non outra. Aínda estreándose en xaneiro, Davies mantense na súa liña e ofrécenos a que pode ser unha das mellores series do 2021.

Creador: Russel T. Davies
Guión: Russel T. Davies
Música: Murray Gold
Fotografía: David Katznelson
Ano: 2021
País: Reino Unido
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.