‘John Wick: Parabellum’. Redefinindo o cinema de acción

Resulta incrible todo o que conseguiu a saga de John Wick en soamente uns anos. Todo comezou cunha película que nin sequera chegou a pasar polos cines galegos en 2014. Mais este filme no que Keanu Reeves voltaba ao xénero da acción con espectaculares coreografías e unha atractiva fotografía marcada pola oscuridade e as luces de neón non tardou en comezar a chamar a atención da xente.

A súa continuación chegou tres anos despois con John Wick: Pacto de sangue unha secuela de novo dirixida por Chad Stahelski (dobre de Keanu Reeves en Matrix), na que atopabamos todos os elementos que fixeran destacar o primeiro filme, xunto con novos personaxes e unha moi interesante ampliación do universo no que ten lugar esta historia, cada vez máis detallado e alonxado do mundo real.

O que atopamos nesta terceira entrega, titulada Parabellum son todos os froitos que se foron sementando nas películas anteriores. A historia de John Wick xa é algo máis que a típica película de acción de vinganza. A trama arranca nada máis rematar o filme anterior e desta volta podemos profundizar todavía máis neste mundo subterráneo cheo de asasinos que se moven pola súa propia rede de hoteis, teñen seus propios xastres, médicos e armerías privadas. A película tamén aporta por primeira vez información sobre o pasado de John Wick e sobre esa alta mesa da que trata de escapar.

No relativo as esceas de acción, desta volta son máis espectaculares e elaboradas ca nunca. Se ben o listón xa quedara moi alto co clímax do segundo filme, cunha fascinante fotografía nunha sala chea de espellos que rememoraba ao final de A dama de Shanghai de Orson Welles, en Parabellum as loitas síntense máis intensas e resultan máis inesperadas. A película abandoa definitivamente as aspiracións de realismo (sen que esto supoña unha mala noticia) para ofrecer persecucións a cabalo en Nova York, esceas con cans entrenados para o combate e un clímax final que semella unha loita sacada dun videoxogo de Mortal Combat. Pouco habería que engadir con dicir que nos primeiros quince minutos de película John Wick mata a un asasino empregando un libro.

En Parabellum todo segue a estar tan coidadamente filmado como sempre. Nun panorama cinematográfico no que se opta tantas veces por rexistrar as esceas de acción con cámaras ao hombro, nas que prime a sensación de caos por enriba da claridade da imaxe, Sahelski opta polo contrario. Con planos impecablemente compostos, a acción aquí non é caos, se non que por momentos semella unha danza impecablemente interpretada, a cal podemos ver en todo seu esplendor.

As actuacións seguen a ser sobresaíntes, cun Keanu Reeves de rostro impasible, que é capaz de transmitir todo que precisa este personaxe protagonista con moi poucos diálogos. Ian McShane e Laurence Fishbourne repiten nos seus papeis como figuras clave deste mundo oculto detrás da cidade de Nova York. Estréase na franquicia Halle Berry durante un tramo da película na que a trama se despraza ata Casablanca.

En definitiva, John Wick: Parabellum segue a expandir as fronteiras do cinema de acción cunha saga xa de culto, tan espectacular como cargada de personalidade, que continúa a crecer con cada nova entrega que chega aos nosos cines.

Dirección: Chad Stahelski
Guión: Derek Kolstad, Shay Hatten, Chris Collins, Marc Abrams
Fotografía: Dan Laustsen
Música: Tyler Bates, Joel J. Richard
Ano: 2019
País: Estados Unidos
4
Pódeche interesar...
Cineuropa 33 | “Monos”, unha ollada non condescendente da violencia e dos nenos soldado