Joker: Deixando todo nas mans do espectador

Por fin! Aconteceu o que todos estabamos esperando: Todd Phillips e Joaquin Phoenix firmaron en Joker algo sen precedentes: unha película de superheroes, pero de verdade. Cine en maiúsculas, en estado puro. Atrás quedan xa os infantilismos de Marvel e os desastres de DC. Non vimos nunca nada igual… Agás que este discurso xa existía cando Christopher Nolan fixo O Cabaleiro Escuro.

Non quero que se me malinterprete tampouco. A dicir verdade, á hora de enfrontarme a este Joker fun con moitas ganas. Non por nada, Joaquin Phoenix é un actor destacable e protagonista en obras de tal calibre como En realidade, nunca estiveches aquí ou The Master. E no Festival de Venecia, a película gañou o León de Ouro! Nada podía saír mal… Ata que non foi para tanto. 

A día de hoxe, con todo, pregúntome se non nos estaremos pasando. Non hai quen dubida, incluso, se nomear a Joker como unha das mellores películas da historia. Do mesmo xeito, os portais de agregados cinematográficos como IMdB ou FilmAffinity están a arder, poñendo á obra de Todd Phillips entre os mellores filmes xamais feitos. Ao mesmo tempo que pasa isto, non deixo de ter deja vus co fenómeno que Nolan creara coa súa triloxía de Batman, salvo que neste caso o reputado director non o é tanto, o protagonista é diferente e a maneira na que a obra fala é tamén distinta. 

No Joker de Todd Phillips, a meirande parte do peso do filme recae en Joaquin Phoenix, a quen xa se lle está a asociar continuamente coa estatuílla de mellor actor. Primeira lanza que rompemos, pois é unha situación normal: Phoenix é o encargado de que a trama avance en todo momento, e cada baile, risa e verba que sae pola súa boca é un acerto máis á hora de crear a personaxe e aumentar a lenda de Joker. Cómese a pantalla, dando unha verosimilitude bestial á película. 

Con todo, Phoenix non está de todo só. Na fotografía, Lawrence Sher consegue que a obra teña un dinamismo e unha épica tremendas, e máis sobre todo se temos en conta que non é unha película extremadamente violenta ou chea de acción. Ven en pequenas doses que se nos introducen nas nosas retinas, sexa en escenarios a contraluz, debuxando as sombras do protagonista ou no visual que se torna a sangue ao aparecer en escena. Tamén se nos amosa con acerto, e sen que e sexa costume, a cidade de Gotham durante o día semellando igual de apagada, triste e pálida que esas noites que recordamos.

Na banda sonora, Hildur Guðnadóttir e as súas composicións orixinais quedan en pouco máis que un acompañamento solemne á acción, e sendo non outra cousa que unha continuación do que Hans Zimmer—e volvemos mirar ao Batman de Nolan— empezou a poñer de moda coma se falásemos dunha estrela de rock: que non haxa unha soa película de superheroes de DC sen que, unha e outra vez, toques de industrial nos digan o mal que o temos que pasar. Destacan, con todo, os momentos nos que a música deixa de ser orixinal e nos deixan toques pop macabros, como ese “That’s Life” de Frank Sinatra ou ese Rock & Roll Part 2 de Gary Glitter na escena das escaleiras, onde tal vez por asociación si consiga que nos sintamos máis tensos do normal. 

E así, poucas máis cousas máis que comentar positivas se me ocorren. Quedámonos agora, pois, cun envoltorio precioso e efectivo onde todos os recursos cinematográficos parecen estar destinados a que este blockbuster —porque, ao fin e ao cabo, non é outra cousa— se diferencie no meramente estético do que xa vimos ata o de agora. E que a ninguén se lle ocorra pensar que Warner Bros ía facer neste produto algo diferente. 

Tal vez o maior problema co filme, destacados os seus acertos, chegue cunha necesidade absurda por intelectualizar algo dunha maneira tan arcaica e uniforme, onde priman as ideas que a nós nos gustaría ver nun filme sobre o que a historia ten que contar por si mesma, achegándonos a nós mesmos estas ideas por recordo doutras obras ou omisións no guión.

A película non amosa tantos labirintos nin lanza tantas cuestións como nos tería gustado. Trátase dun filme plano a máis non poder, e tórnase predicible na metade dun camiño que, se ben gusta e non remata por cansar, tampouco sorprende. A escenografía, con todo, dota varios momentos deste guión dunha vida non habitual dentro da propia película, como podería ser a escena case final de Robert De Niro e Joaquin Phoenix. 

Atopamos unha imperiosa procura dunha satisfacción nun xénero dunha maneira impostada, primando o estético sobre o contido, e deixando que a posibilidade de facernos preguntas e suposicións recaia totalmente sobre nós, espectadores, non polo amosado na película, senón polo que non se mostra. E aquí son as nosas cacholiñas, ávidas dun contido que se nos prometeu e non atopamos, as que fan o traballo intelectual. 

Joker non é unha das mellores películas da historia. Nin por asomo. É unha efectivísima acción contada en cámara lenta, e en cuxa xeración de preguntas e nos seus aires de grandeza ten moito máis protagonismo o espectador e a súa procura desa obra mestra que o propio Joaquin Phoenix.

Dirección: Todd Philips
Guión: Todd Philips, Scott Silver
Fotografía: Lawrence Sher
Música: Hildur Guonadóttir
Ano: 2019
País: Estados Unidos
3
Pódeche interesar...
O Cineclube Pontevedra dedicará os martes de novembro a Akira Kurosawa