Jonás Trueba firma (sen querer) o manifesto dunha xeración na ‘Virxe de Agosto’

A Virxe de Agosto preséntasenos como unha película sobre unha rapaza que decide quedarse en Madrid mentres todo o mundo fuxe da gran cidade. Entran os turistas e a acción sitúase torno a unha verbena de barrio e os descubrimentos de Eva (Itsaso Arana). Eu non sei moito sobre Madrid nin o seu imaxinario, pero os que temos a sorte ou a desgracia de conformar a mocidade galega temos constantemente a porta aberta de emigrar á capital española. Como o xornalista galego Manuel Jabois escribiu en Irse a Madrid, parece que é unha cidade que sempre está agardando.

Eva toma a decisión de manterse na súa cidade e intentar ser libre dentro dela, vivir novas experiencias e explorar todo iso nun mes de agosto onde as particularidades do verán fai que se podan dar circunstancias especiais. Non ten tanto que ver coas vacacións coma coas peculiaridades que ten ese período de tempo, esas cousas que noutros momentos do ano non están ou eses elementos que están aínda con unha forza diferente.

Jonás Trueba firma con esta película que supera incluso ao seu último traballo, A Reconquista. Contén os seus resgos característicos, pero explora dun xeito algo máis redondo os seus temas. Cámara fixa, grandes silencios, un gran poder do cotiá e a grande forza de conseguir co máis rutineiro e natural un sentimento moi poderoso. Porque aínda que a simple vista non o pareza, hai un grande significado na forma na que alguén corta unha sandía ou en como te dirixes a unha persoa. Neste punto hai que aplaudir as interpretacións, especialmente a Arana.

UNHA PELÍCULA MOI GALEGA EN MADRID

A Virxe de Agosto é unha película moi galega en Madrid sen ter nada que ver con Galicia. Lembra a As altas presións de Ángel Santos tanto na actriz principal como en parte da forma e sobre todo a A Estación Violenta de Anxos Fazáns no punto vital dos personaxes e nun gran tratamento a nivel corporal, obra precisamente baseada nunha novela de Jabois.

En ambas obras as personaxes son persoas que superan a trintena que ven a súa vida sen perspectiva. Reflicten uns feitos demasiado reais como para non impactar. Sen necesidade de grandes dramatismos nin escenas grandilocuentes, logran impregnas no espectador un discurso moi forte e complicado de asumir. Fai anos era impensable elaborar personaxes así porque soamente existían nas marxes.

O debate é se ter fillos ou non, como chegar a ser “unha persoa de verdade” ou non ser capaz de conseguir un traballo cun horario decente. Este tipo de cinema que ten en común a autoría por directores novos representa ás veces máis que unha obra cuxa intención sexa a denuncia.

ESTRUTURA E MÚSICA

As estrutura da película está separada en días que ocupan a primeira quincena de agosto. Non sempre constitúen unha unidade narrativa de por si, porque a separación sitúase sempre ás doce e a noite ten unha gran importancia na película, polo que moitas veces máis que separar, corta momentos ou constrúe pequenas elipses.

Outro elemento moi importante da película é o apartado sonoro, que axuda a conseguir a sensación de naturalismo. Practicamente toda a música da película é diéxetica -e non hai pouca- polo que cobra unha gran importancia á hora de construír ambientes . Estas atmosferas realmente cobran unha gran relevancia, con conversacións fóra de foco constantes e con numerosos momentos non que non se pode escoitar correctamente aos protagonistas. A ambientación está por enriba de todo porque ás veces é o relevante nas situacións que relata A Virxe de Agosto.

A película realmente buscaba ir -e vai, non hai erro neste apartado- sobre o descrubimento interior: Coñecerse a un mesmo aproveitando as circunstancias estivais dunha gran cidade. Pero sen querer, Jonás Trueba remata sendo o altofalante dunha xeración sen expectativas. Persoas que non saben cal é o seu fogar, que sendo pais aínda teñen que vivir en pisos compartidos, que lle venderon unha mentira chamada Universidade e que se sinte turista na súa propia cidade porque non sabe cal vai ser en cinco anos. Jonás Trueba demostra con A Virxe de Agosto ser un dos directores máis interesantes do cinema español a pesar de facer películas incompletas, ou precisamente por iso.

Dirección: Jonás Trueba
Guión: Itsaso Arana, Jonás Trueba
Fotografía: Santiago Racaj
Ano: 2019
País: España
4
Pódeche interesar...
Cineuropa 33 | Rita Azevedo recolle o seu galadón animando a consumir cinema en salas