Jordi Maquiavello: “Para Disney son Satán”

Estou acostumado a facer entrevistas en persoa, aínda que nesta ocasión por mor das circunstancias que todos sabemos tivo que ser telemática. Internet é o campo de xogo de Jordi Maquiavello, o divulgador cinematográfico con máis seguidores en Youtube do Estado español e que é, como moitos grandes comunicadores entre os que non me atopo, galego.

Honestamente considero que esta é unha entrevista moi interesante, poucas veces te atopas a alguén con tantos seguidores tan franco e que non esquive ningunha pregunta. Falamos durante case hora e media da súa relación da súa audiencia, dos seus proxectos fora de Internet (que non son poucos) e de como concibe o cine. Todo foi condensando neste longo pero estimulante texto.

Estudaches na Escola de Imaxe e Son de Vigo os ciclos de Produción e Realización. Por que decidiches facer os dous?

Estudei primeiro produción pensando nun principio que era algo parecido á realización, pero logo levei unha sorpresa e gustoume moito máis. De feito, agora traballo moito máis como produtor. Creo que é necesario combinar as dúas porque á hora de explorar as saídas que ten o mundo da realización, ter coñecementos de produción é incluso máis importante á hora de sacar adiante os teus propios proxectos.

Que opinas da formación audiovisual que hai no Estado español?

Realmente non estou moi informado de todas as escolas que hai. Pero polo que falei con compañeiros do medio e xente que estudou noutras escolas, a non ser que sexa unha das prestixiosas adoitan ser deficitarias. Sobre todo en canto a medios.

A meirande parte son privadas. Consideras que debería facerse máis fincapé en facer unha escola de cine pública? 

Si, eu creo que é esencial. Sobre todo porque, por exemplo, na ESO, a única materia que hai semellante é Cultura Audiovisual. E creo que é en cuarto da ESO, pero xa en bacharelato non hai ningunha optativa dese tipo. Na educación pública deberían tratarse máis estes temas porque ao fin e ao cabo é un sector moi importante no mundo laboral. O mundo da cultura audiovisual é moi rico e variado e é certo que no sector público non hai investimento nisto.

Es guionista do longametraxe ‘Eternia’. Por redes hai un ano dixeches que xa remataras de escribilo, pero non se volveu saber máis.

Agora mesmo é un proxecto que está moi parado. É un guión por encargo escrito para o director Fernando Losada, de Freud Land’s Films. Leva máis dun ano parado e estamos esperando un plan de produción máis detallado e agardando poder ter o equipo técnico esencial que antes tiñamos e agora non. O guión está rematado, a falta dunhas correccións.

É unha longametraxe que conta con moito presuposto, polo menos de forma estimativa, e agora mesmo é complicado pola situación do coronavirus que nas rodaxes causa moitos problemas, sobre todo cando hai moitos actores.

Xa que falas do coronavirus, como valoras o impacto que está a ter na industria?

Está sendo moi obvio sobre todo nas estreas, xa que hai moi poucas producións que se arriscaran a sacar a súa película durante estes tempos. É un risco que se corre, polo tema de restricións que hai noutros países. Houbo moi poucas apostas neste sentido nos últimos meses. A máis arriscada que vin é a de Santiago Segura, que a sacou a súa película en fase pouco avanzadas de alivio das restriccións.

Non se está apostando a sacalas polo medo a chegar a menos xente e vender menos entradas. E tamén sobre todo á hora de rodar está sendo unha catástrofe. Sobre todo en series que contan con moito casting.

Entendo que isto o estás vivindo en primeira persoa polo teu labor como produtor asociado en Invictus Designs.

Agora mesmo temos moitos proxectos en curso na fase de pre-produción. Eu estou moi metido nun que se chama Ocelot, unha serie de moito presuposto e na que levamos traballando xa dous anos e medio. Logo temos unha serie, Villa Fábula, de animación, que precisamente por selo está a dar menos problemas.

Tamén quería falar de Millenials. Minusvalía ao éxito. É o teu primeiro traballo tanxible, por dicilo dalgún xeito feito no marco da EISV. Como foi o desenvolvemento?

É un proxecto de escola, ao fin e ao cabo, pero sempre que me preguntan por ela caen algúns paus para ela. Non se nos deu confianza á hora de facer o proxecto porque se pensaba que sería controvertido.

Si, trata temas polémicos, pero ao final non é un proxecto de Ricky Gervais ou de David Suárez. É un proxecto sen máis, unha comedia normal. Por exemplo, dende a escola non se fixo o traballo de etanolaxe e déusenos un equipo moi reducido. Foi un problemón á hora de producilo e rodalo en comparación con outros proxectos da escola.

Foi como un traballo de fin de carreira, e aí está. Eu desfrutei facéndoo, porque ao final parodiabamos un pouco aos nosos compañeiros de clase. No momento gustou moito, sobre todo cando o estreamos no festival vinculado á escola. Como proxecto profesional ten moitas cousas de principiante, pero eu o pasei moi ben.

Dis que parodiabas aos compañeiros de escola. O ambiente das escolas de cine non é o mellor?

Hai moitas escolas, pero sempre parece que en todas hai unha rivalidade entre realización e produción que incluso fomentan os profesores. Hai algo que sempre me xera moita curiosidade e é que sempre nas escolas se lle da máis importancia á realización, e despois no mundo laboral é todo o contrario.

E despois, nos ambientes de escola sempre hai alguén estudando realización que se cree o próximo Kubrick, pero creo que isto é algo que pasa en todas as carreiras. Algún que estude primeiro de dereito seguro que se cree Saul Goodman. É problema da xuventude, sen máis.

Sempre se di que ao final no mundo laboral o importante son os contactos. Coincides?

Si, sempre o digo e a xente sempre se leva as mans á cabeza. Obviamente o talento e o esforzo son importantes, pero sen contactos non chegas a ningún sitio. É unha mágoa e unha desgracia pero en absolutamente todas as carreiras, especialmente do mundo audiovisual, o importante é a túa base de datos. Con contactos só non vas a ningún lado, cómpre esforzarse e ter talento. Pero si, os contactos son o máis importante e creo que cada vez vai quedando máis claro.

O teu nome artístico é Jordi Maquiavello. Como xorde?

Ten xa uns anos. Eu dende a miña adolescencia comecei ler ensaios políticos, e un dos que máis me marcou e máis cariño collín, sobre todo á hora de aplicalo á miña vida, foi O Príncipe de Maquiavello. Eu sempre admirei moito a súa figura como ensaísta porque moitas das cousas que relata poderían aplicarse a día de hoxe á política.

Combineino con Jordi porque creo que non hai un equivalente a Joaquín en catalán, que é o meu nome orixinal. E gústame moito Jordi, co seu significado lendario, e é un nome sonoro e bonito. Foi unha parvada, pero funcionou, e por iso me gusta. En realidade non é o meu nome artístico porque os meus traballos estounos firmando co meu nome de verdade. Ao final é o nome de Youtube, o da figura de crítico.

Falemos xa da túa figura como divulgador en internet. Un dos teus maiores problemas foi a cuestión do copyright. Cal é a túa visión dos dereitos de autor?

Eu estou de acordo con que a explotación de certos dereitos debe ser para o creador orixinal. É verdade que moitas veces as discográficas e as empresas métense moito de por medio para poder sacar tallada, pero eu creo que hai que reservar os dereitos para o creador.

De aí a sacar prácticas case de extorsión en certos aspectos co uso lexítimo hai un cacho. Fálase moito de que en Europa temos o Term of Use, que é algo parecido ao Fair Use americano, pero en Estados Unidos hai moita máis liberdade á hora de coller os dereitos dunha obra orixinal xa feita e modificala en certo aspecto, facéndoa túa. Eu creo que debe existir unha lexislación por unha parte e pola outra. Non se pode ser abusivo, pero tampouco se pode ser tan restritivo co copyright, sobre todo á hora de facer críticas, recensións ou parodias.

Neste aspecto si, tiven moitos problemas co copyright, non só en Youtube, senón tamén fora del. Como guionista, tiven moitos problemas de rexistro de guión, de roubo de ideas que veñen por alí ou por alá. O mundo do copyright é moi amplo e diverso e creo que debe chegarse a un termo medio porque é moi abusivo por ambas partes.

Débese a unha falta de lexislación ou a unha mala lexislación?

Hai unha falta de lexislación, pero xa non só no copyright, senón tamén en motivos económicos. Hai moita xente que se dedica ao contido por internet que aínda non sabe que epígrafe debe declarar en Facenda. Hai moita vista gorda cara creadores de contido dende Facenda. E non está ben lexislado o que se fai en internet en todo sentido.

Fai pouco pasou o do Artigo 13 da Unión Europea, co que moita xente se levou as mans á cabeza, metéronse Google e Youtube por medio. Estábanse a dicir burradas e desinformando cando o artigo o que quería só era regular internet.

Como non está regulado, méntese sobre cousas. Neste caso descaradamente porque Google e Youtube non querían quedarse sen beneficios. E esa é unha das probas de que Internet debería ser regulado dunha vez, non pode ser que as empresas privadas estean manipulando como queren a todo Cristo como se lles antolla.

Sempre dis que es más de estudar a teoría cinematográfica que de ver películas.

É algo que me din moito. Como se pode ter cultura audiovisual sen ver demasiadas películas? Eu creo que é un problema co termo. A cultura audiovisual é coñecer películas e directores, pero creo que a teoría cinematográfica vai máis alá diso. É algo relacionado coas matemáticas, coa ciencia. É certo que non se pode relacionar da mesma maneira, porque sempre hai certos elementos que están suxeitos á subxectividade, pero creo que a teoría cinematográfica é moi diferente á propia cultura audiovisual.

E nese sentido eu leo moitos máis ensaios e libros de teoría cinematográfica e historia do cine que vexo películas. Obviamente que vin filmes, pero non tantos como alguén que se fai chamar cinéfilo e ve trece películas por semana. Pero o que si fago é estudar ao máximo que podo e intento aplicalo ao que vexo. Ao final acaba saíndome só, e analizo de forma inconsciente.

Nos teus compañeiros de plataforma, consideras polo xeral que teñen unha formación adecuada para o que fan?

Hai xente que ten unha canle en Youtube e que é divulgador e ten a súa formación, sen ir máis lonxe en Cultube, que é o evento que se fai en Madrid con divulgadores, demostrouse que hai xente en internet divulgando que está moi formada, preparada e que é profesional. Pero si que é verdade que hai xente que desempeña certos labores sen a preparación necesaria.

En canto á parte do cine, pois a ver. É complicado tratar este tema porque calquera pode abrirse mañá unha canle de Youtube e falar de cine sen ter unha carreira relacionada con elo. Calquera pode dar a súa opinión sobre unha película ou unha serie. O problema é cando se considera esta opinión como un dogma ou como unha critica académica.

Non teño ningún problema con consumir contido de xente que non estudou cine e só ve películas. Vexo por exemplo a TeLoResumo, unha canle con seis millóns de subscritores cuxa finalidade non é divulgar nin ensinar, senón entreter. Aí está a barreira. Eu creo que hai xente moi preparada pero hai que aprender a diferenciar. Levamos xa uns quince ou dezaseis anos con Youtube. Na miña canle eu teño vídeos de entretemento e de divulgación. Eu vexo a diferencia perfectamente, pero hai quen non.

O último vídeo que subiches a Youtube foi por marzo, case como a pandemia, pero nunca deixaches Twitch. É máis, cada vez ten unha importancia maior no teu proxecto.

Espero volver agora en decembro. Deixeino máis ben en xuño, porque realmente estiven sen subir vídeos tres meses, pero chegou un momento polo que por temas persoais e de saúde mental rematei deixándoo. Tamén pola xente que me seguía. O meu público, e xente fora del, estábame a crear moita ansiedade. Cada día que non subía vídeo chegábanme cinco ou seis mensaxes por Instagram ou por correo preguntándome por que non o facía. Ou chegábanme promocións de seiscentos euros por meter un anuncio, pero eu non sabía como metelo e tamén me provocada ansiedade. Ao final acabou sendo un cúmulo de cousas.

E Twitch eu creo que é a día de hoxe a mellor plataforma para facer divulgación, incluso máis que Youtube. E sobre todo como plataforma de entretemento creo que o adiantou. Fundamentalmente en canto a fidelización de audiencia, porque en Youtube tamén podes facer directos, pero creo que a interacción de Twitch é moi diferente e superior en todos os aspectos. E tamén porque non mo teño que tomar tan en serio, dáme moita máis liberdade á hora de crear contido.

Respecto á audiencia, eu creo que poucas veces vin en internet cousas tan tóxicas como cando subiches o vídeo sobre Joker.

Eu creo que o problema ven por parte do fandom dos cómics. Toda a audiencia que ven por temas de súper heroes adoitan a ver canles que falan das películas coma se fosen equipos de fútbol. DC é o Madrid e Marvel é o Barça. Comezan pelexar coma se fosen ultras e como se as compañías fosen inimigas, cousa que é mentira. De feito, encántalles a pelexa que hai entre fandoms porque a eles lles beneficia economicamente.

E o que pasou co Joker é que cando estás en contra da opinión xeral dunha película á xente non lle gusta. Realmente o único que dicía no vídeo era que non me parecía unha obra mestra, que xa me dirás que clase de opinión controvertida é esa. Á gran maioría non lle molestiou, pero si á minoría que fai máis ruído. E a xente que non estaba de acordo coa miña opinión sentiu que debía expresalo de forma maleducada e negativa nos comentarios.

Eu creo que é unha gran mostra da toxicidade que hai en Internet con calquera cousa. Que iso desate esa cantidade de bile é unha mostra do preparada que está a xente para poñerte a parir.

O público quere contido argumentado ou escoitar o que quere oír?

A meirande parte do público quere sentir as súas opinións validadas. Co cine pasa o mesmo: buscan argumentos de autoridade. “Este sabe moito”, ou “Este estudou isto e dáme a razón na miña opinión”. Logo hai outra xente que busca, e é raro atopar isto, enriquecerse de opinións alleas e entreterse cunha disección dunha película. Pero isto é minoría. E a min paréceme unha desgraza culturalmente falando porque non estás a enriquecer o teu criterio, senón sendo moi curto de miras.

Anunciaches que vas volver e que vas facer un vídeo sobre Star Wars e xa vin reaccións negativas a iso.

A ver, non vou negar que igual me creei unha imaxe de hater en internet. É certo que o fixen. Quizais esforceime demasiado en facelo. A xente espérase que destrúa a saga e diga barbaridades sobre Yoda. Eu vouno levar pola liña que fixen os vídeos de Harry Potter, porque son vídeos nos que hai divulgación pero tamén hai entretemento, e eu creo que iso gusta. Ten comedia e temas interesantes cinematográficos.

A xente ten un problema á hora de ver unha crítica de algo que lles gusta e é que o toman como algo persoal polo que esta lles fixo sentir. Ao final a xente que fixo esta película non os coñece, non participaron na produción e non lles pertence. Que eu critique esta película non vai cambiar nin o filme nin a súa vida, pero a xente o toma coma se fose unha crítica a eles, coma se fose un ataque cara o afeccionado de Star Wars.

E non é así. É simplemente unha revisión das películas e dicir o que está mal e como se pode mellorar. Quizás cun ton que pode resultar destrutivo, pero sempre tentando aportar solucións. Pero claro, a xente o toma coma se tiveran producido eles as películas e non George Lucas. Coma se o produtor fora Pepito, da Rúa da Piruleta. Eu creo que é unha disociación no maior sentido da palabra. De non entender o que senten por unha película nin o que é.

Hai moitos accionistas de LucasFilms, parece.

[Risas] Si, si, si!

Eu non creo que sexas hater, pero si que che gusta provocar.

A ver, si. A quen non? É certo que nalgúns momentos busquei a provocación. Sempre que me coñece alguén trátame como con medo, coma se fora a cagarme en toda a súa familia. E acaban dicíndome que son moi diferente aos vídeos.

Realmente, nos vídeos teño que salvagardarme un pouco das críticas porque xa coñezo moi ben ao público de Internet, e sei que se te quedas con medias tintas a xente vai buscarche no peor. En Twitch xa fago un pouco o que me da a gana. Se quero poñer a parir a alguén, fágoo porque me da igual e me sinto libre de facer o que queira e porque me gusta facer espectáculo.

Pero son cousas diferentes. En Youtube o que fago é mostrarme ante unha audiencia, intentar que se entreteñan e en ocasións ensinar. E é verdade que o meu ton nalgúns momentos pode sentirse moi provocativo ou moi crítico e entendo que á xente lle soe moi ofensivo ou destrutivo. Non vou intentar cambiar a percepción que a xente ten de min porque sinceramente dáme igual. Pero si que ás veces dáme mágoa que a xente se perda o meu contido porque pensen que son un ogro. Pero é algo que perden eles.

Interésame saber como alguén con moitos seguidores xestiona as súas redes sociais. Polo que puiden ver, ti falas máis da túa vida que outros creadores. Mesmo o teu chío fixado é sobre a túa relación sentimental. Isto algunha vez che xogou malas pasadas?

Home, si. Falar da depresión que pasei en xuño, porque eu nos directos abrinme moito, foi un erro porque non sabes quen vai estar ao outro lado da pantalla. Moita xente o utilizou como burla en redes sociais porque hai quen que me ten moita manía e se cren que falar de maneira cómica da depresión de alguén é gracioso ou un modo de vinganza.

Eu sei que se o día de mañá o deixo coa miña parella (ou me deixa ela), moitos sacarán o clip do meu chío fixado ríndose de min. Pasoume coa miña exparella. É algo ao que te arriscas cando expós a túa vida, e é algo que intento facer menos pero é complicado cando estás tan confiado e fas tantas horas de directo. Ao final, tamén ti rematas disociando un pouco o que é a audiencia e o que é un amigo teu. Falar tanto da miña vida amorosa ou laboral sei que mañá me pode traer algún problema.

Tamén mostro moito en redes a miña ideoloxía e as miñas visións políticas, pero iso non é algo do que me arrepinta porque sei que no futuro tamén o faría. Se alguén comeza a facer vídeos nun futuro recomendaríalle que non se mostre tanto en xeral, porque a xente aproveita o anonimato para poder meterse contigo sen consecuencias. Pero é algo que xa fixen e que non podo cambiar.

Cando me puxen a deseñar a entrevista, quería era evitar falar de vídeos concretos porque non quería caer na clásica entrevista a un youtuber pero hai algo que non podo deixar pasar por alto: a serie de vídeos de ‘La Gran Adaptación’ sobre o O señor dos aneis.

Eu creo que o mellor vídeo da miña canle é o do Resplandor, non só porque Kubrick é o meu director favorito, senón porque eu creo que ese vídeo é só pura teoría cinematográfica, que e é do que máis me gusta falar aínda que a xente pense o contrario.

Os de ‘La Gran Adaptación’, que eu xuntaríaos todos nun, son vídeos aos que lles teño moito cariño, sobre todo porque lles puxen moito mimo e nos que estiven traballando moitísimas horas. De feito, recordo que os tres últimos vídeos dese especial fíxenos a semana que os estaba estreando, entón estaba 30 horas seguidas facendo un vídeo, subíao, durmía 8, e volvía erguerme para estar outras 30 horas escribindo, editando e montando.

Ao final rematei un pouco queimado, pero si que lles teño moito cariño porque O Señor dos Aneis, como xa o digo nos vídeos, paréceme a obra máis grande que se fixo na historia do cine. Non porque sexa a mellor película, senón porque é unha loucura e moitas persoas séguense a preguntar como se puido facer todo iso nos poucos ano. Ademais con tanto metraxe e tan ben feito. É estraño. Parece un pouco como as pirámides de Exipto, que hai quen di que o fixeron os extraterrestres. Para min é o mesmo. O Señor dos Aneis semella feito por extraterrestres.

Nesa época e tamén subías as análises de Xogo de Tronos, foi cando fuches por primeira vez moi coñecido en internet. Tiveches medo de encasillarte?

Moito. Con Xogo de Tronos foi forte. Non só na primeira ola, senón na segunda. A primeira foi cos análises da banda sonora, que aí foi cando me fixen relativamente coñecido, co tema este de Jon e Daenerys. Iso foi unha loucura porque eu estaba comezando en Youtube e a análise dese vídeo saíu en moitísimos periódicos internacionais de todo o mundo, incluso en periódicos brasileiros, chilenos ou estadounidenses. Chegou ata o propio compositor da banda sonora de Xogo de Tronos!

O problema de encasillarme foi cando saíu a oitava tempada da serie e se fixeron moi virais os vídeos de min cargando contra a tempada. Cheguei a 100.000 subscritores estando en tendencias todas as semanas. E aí si tiven medo. Porque no momento no que estaba facendo aqueles vídeos, creo que con 40.000 subscritores, estaba pensando en deixar Youtube porque me sentía moi bloqueado porque non era quen de chegar a máis xente. E claro, aí me din a coñecer moito.

Cando rematou a tempada de Xogo de Tronos, a pesar da relevancia que tiña na plataforma, pensei que se subía un vídeo doutra cousa igual non mo vía ninguén. Tiven a sorte, ou máis ben foi un acerto pola miña parte, de que o seguinte vídeo que subín foi dunha película que lle gusta a todo o mundo e da igual o ano no que o subas: O Cabaleiro Escuro. E aí xa quedou a canle un pouco establecida, a canle dun tipo que analizaba cine, non Xogo de Tronos. Moitas canles que falaban só da serie quedáronse aí e agora vas alí e teñen 1.000 ou 2.000 visitas cando antes tiñan millóns.

Es galego. Algunha vez pensaches en facer algún contido sobre o cine galego?

Estaría moi ben, sobre todo porque teño moitos compañeiros que están traballando na industria galega. O problema que teño coa miña canle é que non acostumo a facer vídeos máis indies, máis afastados do blockbuster. Que me parece unha pena, porque non é o que acostumo a consumir. Gústame moito o cine lento. O cine italiano, o ruso, ou o polaco.

Pero ao final penso as cousas da canle case de maneira inconsciente. Penso no que pode ter moito impacto social e gustar á xente. Entón se o día de mañá subo unha análise de A Esmorga quizais mo vexan 2.000 persoas. Eu ao final diríxome a un público no que España representa un 30%. O resto son chilenos, mexicanos, colombianos, arxentinos… Aí hai un problema de que case sempre teño que falar de fenómenos culturais e sociais que de algo que me guste a min. Iso é un dos problemas polo que o deixei: Sentía que non podía falar do que me dera a gana, senón de algo que estivera na onda.

Pero estou seguro de que algún día me dará igual o que suba, se me vai ben en Twitch ou nos meus outros proxectos, deixará de importarme Youtube. E nese momento comezarei a subir vídeos analizando a Pawlikowski e quen sabe se algún día de cine galego.

Xa que a curto prazo non contemplas facer un video ao respecto, cal é a túa opinión? Como ves o cinema en Galicia?

O cine en Galicia véxoo, como o todo o cine español, moi suxeito ás subvencións, o cal é unha mágoa. Porque aquí a industria privada é moi sectaria, faise o que diga José Luís Moreno e xa está. A meirande parte de producións que se fan en España están suxeitas a dous tíos. E o resto teñen que vivir das sobras de Almodóvar, que son as subvencións que hai en España. Que é verdade que hai moitos organismos. Está AGADIC, a Xunta o ICAA… pero igual non son suficientes os cartos que hai destinados.

Ademais de que moitas subvencións esixen ter polo menos máis dun 50% ou 60% de diñeiro xa recadado para o proxecto, polo que necesitas investir pola túa parte. Ter que hipotecar a túa casa para sacar unha curta paréceme lamentable.

O que se adoita facer sobre todo é curto, que hai moi bos Galicia. un deles foi Matria de Álvaro Gago que chegou a moitos festivais internacionais e peréceme unha marabilla. Nos Mestre Mateo poden verse grandes cousas de grandes artistas. Por exemplo, o meu colega Óscar Cruz fixo Peter Brandon e O método sueco, que son dúas webseries moi boas. En Galicia hai moito talento, o problema é a súa visibilidade é insuficiente.

Escoitei pola túa parte que o teu cineasta total é Sergei Einsenstein

Correcto, é un referente. Moita xente fala de Chaplin, de Buster Keaton, de Hawkes e de Hitchcock, pero eu creo que Einsenstein xunto con Tarkovski son os cineastas máis destacados. Como a prensa occidental está acostumada a poñer a Estados Unidos e a Francia como a orixe do cine, esquécense moito de Rusia. Non por razóns estrañas nin coincidencias, senón porque era a Unión Soviética por aquel entón.

Einsenstein é o deus da montaxe. As súas obras ‘O sentido do cine’ e ‘A forma do cine’ son dous ensaios imprescindibles, aínda que eu recomendo todo o que escribiu. Na súa obra examina a montaxe como non a examinara ninguén ata a data. Octubre, A folga, O Acorazado Potemkin, Alexander Nevsky, Iván o Terrible… son obras que están no cumio e das que non se fala. É verdade que Acorazado Potemkin e Octubre menciónanse a nivel académico na parte de montaxe, pero fora de aí nada.

De Tarkovski fálase de Solaris e Stalker, pero nada máis alá diso. O cine de Europa do Este parece que non existe. E eu creo que aparte da Nouvelle Vague, do cine británico e do Neorrealismo Italiano hai moito máis. O cine soviético é das correntes máis destacadas de toda a historia.

Einsenstein era soviético e ti es comunista e non o ocultas para nada. Eu teño a sensación que os creadores de contido moitas veces se autocensuran a nivel político, sobre todo se son de esquerdas

En cambio, ves moitos creadores de contido de dereitas moi abertos que non lles faltan ás promocións non?

Si.

Pois aí tes precisamente o sistema no que vivimos. Só hai que ver a última entrevista de Willy Toledo con Risto Mejide para darse conta de cal é o problema de ser unha persoa influínte de esquerdas. Ao final, remátanche dando porta porque a xente que controla os medios de comunicación e a industria non é a afín a esa ideoloxía porque o sistema actual lles enriquece.

Realmente o que fago en Twitch co comunismo moitas veces é un pouco de espectáculo, porque á xente á imaxe esa lle pode causar risa e ao fin e ao cabo nesa plataforma doulle menos importancia. En cambio, no meu Twitter si que son máis activo con iso.

Eu non teño problema en dicilo porque para min a miña ideoloxía a día de hoxe é o máis importante. Ser apolítico non vai cambiar nada e quen se identifica con iso sempre se acaba descubrindo que é de dereitas. Esconder a túa ideoloxía non é unha solución ao problema e creo que a política é algo que nos afecta a todos. Facer que non existe é egoísta. Eu prefiro ter relación con alguén de dereitas e o admite que con alguén que é de esquerdas e o oculta porque unha persoa que oculta a súa ideoloxía e non porque non quere meterse en problemas é, en realidade, gran parte do problema.

E como cres que se supera a contradición entre que a poboación debe ter acceso á cultura, pero o traballador cultural debe cobrar?

Refíreste á piratería non?

Non en concreto, pero podes enfocalo por aí se queres.

Unha das cousas que propuña a nova directiva da Unión Europea -eu sigo falando de nova directiva pero isto é de hai dous anos xa- era facer unha serie de hemerotecas públicas onde meter contido con dereitos de autor. Eu creo que é unha boa solución. Moita xente que se queixa do acceso cultural non se pasou por unha hemeroteca na súa vida e non coñece a cantidade arquivos que hai.En Youtube sen ir máis lonxe hai unha categoría para películas que xa foron liberadas dos seus dereitos de autor.

O problema aquí é que realmente a xente non está realmente informada e ao final á piratería é unha das consecuencias. Debería de haber un organismo que informe destas cousas. Algo encargado de catalogar todas estas obras que igual non se pode acceder dun xeito tan sinxelo como prender a televisión.

Creo que a xente que está a favor da piratería non coñece os problemas que pode xurdirlle a unha produción independente pola súa culpa. Unha produción que se queira atopar se atopa. Hai mil plataformas, non só existen Netflix, HBO e Prime.  

Xa que falas delas, cal é a túa visión sobre estas plataformas de video on demand?

Están moi ben, parécenme unha marabilla menos o que fixo Netflix nos seus comezos que foi piratear moitas películas e poñelas no seu catálogo dun xeito ilegal co logo de Netflix Original. Por iso aínda hai xuízos en curso no 2020, pero máis aló diso creo é a seguinte evolución á televisión algo beneficioso sobre todo para as series.

Pero para o cine non creo que sexa beneficioso porque unha película está feita a nivel técnico para verse nunha pantalla de cine, nunha sala con Dolby Surround. Está creada para experimentala desa forma. Tampouco son o típico pureta que te vai dicir que unha película de Martin Scorsese non se pode partir en seis partes. O Irlandés a podes ver como queiras. Pódela ver sentado, deitado ou facendo o pino. A forma do que unha persoa consuma unha película lle debería dar igual a todo o mundo.

O problema está en que se normalice o tema de sacar as películas en plataformas matando ás salas de cine. Que por como está a situación co coronavirus parece que ese é o camiño que se vai tomar. Sinceramente como persoa que se está dedicando a estas cousas e que nun futuro quere estrear as súas películas en salas, preocúpame bastante como está a situación agora mesmo.

Pero as plataformas non deberían verse como inimigas do cine, senón como unha grande aportación ás series de televisión e ao consumidor porque o son, pero si que é verdade que polo menos as producións cinematográficas deberías regularizarse dalgún xeito respecto as plataformas de contidos online.

De novo, mediante unha maior lexislación?

Si, eu metería aí algo. Lexislación non está habendo pero extorsión por parte dalgún festival como Cannes si. O festival de Cannes non te deixa meter a túa película en concurso se non pasou por cine, nos Oscar unha película que non pase por cines non pode entrar en concurso. O Irlandés foi unha das poucas películas que es exhibiu en salas de cine e nas plataforma. E foi só para poder ir aos Oscar.

Quería falar tamén nun dos proxectos que levaches a cabo hai un tempo en Twitch que foron as clases de termos cinematográficos. Por que pararon á metade?

Foi algo que me pareceu unha boa idea nun inicio porque interpretei que era como dar clases particulares pero con 200 persoas en directo. Cada alumno me pagaría 4’5 euros ao mes que é o que custa a subscrición en Twitch.

O problema foi que me levaba moito tempo facer os apuntes das clases. Para que te fagas unha idea, eu chegaba ao directo cos apuntes recén rematados. Non tiña tempo para traballar, facer os apuntes, preparalo todo e ter vida social (que é algo moi importante). Ademais eu sentía que tampouco me estaba a render economicamente. Hai profesores particulares que por apuntes moito menos traballados cobra 10 euros á hora. Deixeino no tema 3 e é unha mágoa porque era algo que me gustaba moito. Sigo facendo directos respondendo preguntas sobre cine, pero o outro é imposible.

A min parecíame importante porque eu vía a moita xente en Internet, sobre todo en Youtube, criticándome cuestións de guión. Por exemplo no video de Joker é algo que me quedou moi claro. A xente pensa que sabe de guión. Pénsase que sabe porque estudando en Lingua e Literatura na ESO lles ensinaron o que era unha estrutura en tres actos, pero non vai máis aló.

É un problema que hai relacionado co cine, que a xente se pensa que sabe máis do que sabe. E me parece que con outras partes non pasa. Eu non vexo unha persoa que non teña nin idea de pintura opinando dun cadro. Se un crítico ven e di que ese cadro que me parece unha merda é fantástico, haberá que crerlle ao crítico.

Polo tanto o audiovisual é considerada baixa cultura?

Si, completamente. O cine é a arte máis nova de todas. Ao final non hai ese respecto polo cine que hai por outras cousas. Unha persoa cando le un libro e non lle gusta di que non é para ela, pero cando ve unha película que non lle gusta di que é unha merda. Non hai a mesma crítica para ambos sectores. A literatura leva moitos séculos connosco e o cine dende finais do século XIX. Ademais de ser unha arte de masas.

Para min o cine é a arte definitiva. Combina a literatura con música, con fotografía… e con pintura, porque a composición dos planos é practicamente o que te suxire un cadro. O que pasa é que estamos acostumados a ver supreproduccións que están súper mastigadas que con ter un mínimo de cabeza podes concluír o mal feitas que están.

Eu coas clases o que pretendía demostrarlle a xente é que -aínda soe moi mal- non tiña nin puta idea. E dun xeito totalmente sincero e franco. Cando comecei a falar de microguión ninguén estaba entendendo nada. E mira que o estaba explicando con exemplos. Esa mesma xente que me criticara dicindo que non tiña nin idea de guión.

As clases viñéronme moi ben porque nunca divulgara con tanto peso na miña vida. A xente estaba moi atenta ademais. Ao final quería demostrar que o cine é unha arte complexa, que non é tan sinxelo todo. Eu estiven en rodaxes nos que moves un libro even o director de arte a cagarse nos teus mortos.

A min molestábame moito cando me dicían que me rallaba moito coas cousas, que as cousas as puxeron así porque quedaba ben e xa está. E que se temos ese pensamento, podemos dicir que cando Da Vinci pintou á Gioconda, púxoa así pois porque si, porque lle parecía que quedaba chulo. Se nada ten intencionalidade, nada é arte.

Tes 200.000 subscritores en Youtube. Es o divulgador cinematográfico no Estado español con máis seguidores. E aí algo que me chamou a atención ao documentarme para esta entrevista que son as poucas aparicións nos medios de comunicación que tes.

Iso tamén é un problema meu. Por exemplo para esta entrevista me din conta da túa mensaxe tres días despois e foi de milagre. Teño o correo saturado. Eu agradezo moito as mensaxes de apoio da xente e as persoas que me manda unha mensaxe dicíndome que está pasando por unha mala época. Paréceme moi ben que abras a túa vida, pero e que eu non son un psicólogo, eu son un divulgador. Entendo que a xente se poda encariñar de min porque viu moitos directos meus, pero non son amigo dunha persoa que non coñezo.

Tamén en moitos medios non estou presente porque hai unha falta de interese pola divulgación de cine. Na divulgación de ciencia vas atopas a calquera canle de 10.000 subscritores falando de calquera cousa. Que isto non é unha pulla para eles, pero si é certo que da divulgación cinematográfica non se fala tanto en medios.

Tamén estou eu como persoa. Moitas veces paso dalgunhas entrevistas por estar nunha mala época. Sen ir máis lonxe, hai uns meses me ofreceron saír nunha canle de televisión de Chile e non estaba ben para facelo. Así que lles din as grazas, pero lles dixen que non quería facelo.

E poden influír as miñas opinións controvertidas. Eu sei que teño moi mala imaxe para certas empresas, porque mo din amigos que están metidos neses mundos. Por exemplo, eu sei que para Disney teño unha imaxe horrible, para Disney son Satán, tenme posto en perfil complicado. Para algunhas empresas son un problema moitas veces.

Pero tamén coñezo moita xente moi relevante na plataforma que non tivo estas oportunidades. Parece que as canles de cine non son divulgación, son só canles de cine. De feito, sorprendeume cando me invitaron a Cultube con todos os divulgadores. Eu era o único que non era científico alí. Era como ‘mira o do cine jajá que tonto’ (risas). Parece que se considera que cine é dos Vengadores, os Transformers e pouco máis.

Xa estamos rematando, pero antes debo preguntas o máis importante. Vas fichar por Giants ou non?

(Risas) Agora mesmo estou inmerso nisto e non sei nin por que. Metinme no barro eu só. Moitos amigos compañeiros de plataforma fichounos Giants. Rosdri, Chuso e tamén parece que van fichar a outro amigo meu, non vou dicir o seu nome porque é algo privado. Para Twitch viríame ben que me fichara un clube de E-Sports porque pouco a pouco quero crear tamén unha comunidade relacionada con League of Legends. Quero tocar máis paus que o cine.

Comezou como unha broma. Un día Chuso cando o fichou Giants fixo unha coña con que me ficharan e a conta oficial respondeu. Hai unha semana ou así puxen un chío de broma dicindo que me ficharan e non sei como irá a cousa. Eu mantéñome moi confiado e a ver como vai todo (risas). Eu xa llo dixen, encantado de servirlles. De Giants forever, Giants é o meu Barça!

E xa para rematar de verdade, hai algún proxecto que queiras contar para o futuro?

Agora estou coa curtametraxe para Fernando Losada para Freud Land’s Films, chámase ‘Ansiedad’. A idea orixinal é súa e só lle desenvolvín o guión. É moi bo curto e por agora a ver se temos a financiación, pero parece que vai saír adiante. Probablemente en 2021 estea público e o levaremos por festivais. E probablemente me estree con iso en cine. Mais aló de Millenials, claro.

Logo en Invictus Designs temos un montón de proxectos. Villa Fábula que parece que en 2021 pode saír. Tamén está Lady Hollow, unha película independente de terror que ten moi boa pinta e os apoios que estamos a ter son incribles. E Ocelot, esa gran serie, que irá para 2023 ou 2024 e aínda así quizais estoume a marcar un triplo. É algo con moito orzamento que necesita moito mimo, moita atención. Aínda non nos cremos os apoios que temos para esa serie e a loucura que está a ser levala polo mundo adiante. En canto teña información que poda ser pública, direina.

Estou tamén escribindo un libro, que será o meu primeiro ensaio. É asentando as bases sobre o cine como arte, que é un tema co que levo moito tempo. Eu estou moi ilusionado polos proxectos futuros e a ver se en 2021 ou 2022 xa podo sacar algo da miña propia marca.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.