‘Judy’: Nada sobre o arco da vella

Os rumores verbo dun biopic de Judy Garland levaban soando desde hai máis dunha década, cando en 2009 se anunciara que Anne Hathaway protagonizaría unha obra de teatro e unha película sobre a vida da actriz. Pero tras anos de parón, o proxecto acabou cancelándose: quen mercara os dereitos da biografía a adaptar fora o infame Harvey Weinstein.

Pero en 2018, outros retomaron a idea, esta vez adaptando o musical End of the Rainbow. Porque en época de auxe dos filmes baseados nas vidas de grandes personalidades, xa faltaba un sobre Judy Garland. Gran pequena estrela do cine musical clásico, cun desmesurado talento condenado á traxedia desde o mesmo momento que cruzou as portas dos estudos da MGM.

Todo o tráxico da vida de Judy Garland pódese ver e intuír en Judy -a drogadicción inducida desde a adolescencia, os abusos, o alcoholismo e os numerosos intentos de suicidio-. E este é un dos graves problemas do filme. Raras veces un biopic intenta facer honra do seu protagonista. En moitas ocasións, nace da premisa de agasallar aos fans -véxase Bohemian Rhapsody-. Este que nos ocupa non pretende ningún dos dous obxectivos anteriores, senón que se centra nas miserias dunha vida, explotándoas e facéndoas as verdadeiras protagonistas, chuchándoas ao máximo para espremer toda a emotividade que pode. O resultado deixa moito que desexar.

Porque, falando de fans, pouca dúbida cabe de que a meirande parte da fama que aínda conserva Judy Garland se debe ao seu coroamento como ídolo do colectivo LGBT, posiblemente a primeira icona gay da historia. E que fai a película con esta vantaxe? Convértea nunha historia secundaria, de apenas unha secuencia, sobre unha parella homosexual que coñece fortuitamente a Garland e a convida a cear tortilla á súa casa. As enormes carencias do guión fanse visibles unha vez máis introducindo un arco completamente disonante e gratuíto nunha película que, ao fin e ao cabo, xira en torno á farándula.

Tampouco se entende moi ben a decisión de situar a acción nos concertos que deu a actriz en Londres, pouco antes da súa morte. Podendo trazar un percorrido máis amplo dunha vida da que se pode contar moito máis (cousa que xa fixera o telefilme Life with Judy Garland: Me and My Shadows, con moitos mellores resultados narrativos), por que estirar ata os límites uns eventos case que anecdóticos soamente introducindo flaskbacks á adolescencia de Garland como estrela de MGM? A única razón, como xa se apuntou antes, aproveitar ao máximo un sentimentalismo que non tarda en facerse rancio e pesado, e que condenan á película a ser esquecida ás dúas semanas da entrega dos Oscar.

E é que, realmente, o único que se puxo en valor da película desde o mesmo momento no que se estreou foi a interpretación da súa actriz principal: Renée Zellweger facendo o maior esforzo da súa carreira para encarnar a unha Judy Garland destruída polos excesos e polas presións intrínsecas a ser unha estrela manufacturada pola fábrica do Hollywood clásico. Co Globo de Ouro e o BAFTA xa colocados na vitrina do salón da súa casa, todo parece indicar que o Oscar será tamén seu. Pero realmente o merece? Sen ánimo de menosprezar os méritos da súa preparación para o papel, ata que punto cumpriu Zellweger a obriga básica dun biopic? Ata que punto estaba retratando a Judy Garland? Ou acaso todo o que vemos é, unha vez máis, a unha Bridget Jones demacrada?

Como moitos outros biopics mediocres, Judy equiparará os galardóns internacionais destinados a aqueles aspectos dedicados a recrear persoas e eventos aos que non fai xustiza. Pero o certo é que, en definitiva, ninguén se acordará dela dentro duns meses. Sorte que a Judy Garland d’O Mago de Oz e de Naceu unha Estrela sempre será lembrada, por moito que a intenten reducir á categoría de xoguete rompido de Hollywood.

Dirección: Rupert Goold
Guión: Tom Edge
Fotografía: Ole Bratt Birkeland
Música: Gabriel Yared
Ano: 2019
País: Reino Unido
1.5
Pódeche interesar...
‘A esmorga’ poderá verse de balde durante a fin de semana