‘Le Mans ’66’: Sendo menos, gusta máis

Cando se anunciou a lista definitiva das candidatas a gañar o Óscar a mellor película, debo dicir que houbo unha delas que me pillou totalmente por sorpresa. Este foi un ano marabilloso para o cine, repleto de títulos potentísimos tanto pola súa calidade como pola súa fama. Dende a traxicomedia do rapaz que ten a Hitler por amigo imaxinario ata a épica misión na I Guerra Mundial gravada nun só plano secuencia, pasando pola sátira surcoreana que golpea a pobres e ricos por igual. Non esquezamos tampouco ao pallaso triste que vive nunha sociedade que o rexeita e atormenta, nin á demoledora historia dun divorcio, nin á adaptación dunha das grandes obras da literatura universal. Súmalle a isto todo o regreso de dous dos maiores titáns da industria a día de hoxe, un coa súa historia definitiva de mafiosos e outro co seu gran homenaxe á súa maior paixón.

Ante este tremendo panorama tan pintoresco e orixinal, pois non, non me esperaba atopar xunto a elas a Le Mans  ́66, unha clásica película biográfica centrada no mundo das carreiras de coches, a menos orixinal de todo o conxunto. Logo decateime de que Hollywood adora este tipo de historias. E parece que o público, tamén. 

A última película de James Margold basease na rivalidade que existiu entre as compañías automobilísticas Ford e Ferrari ao longo da década dos 60, nada a partir do repentino éxito que estaba acadando a segunda fronte a primeira, que se atopaba estancada no pasado e véndose incapaz de conectar cos novos condutores. Cando o honor de Henry Ford II é insultado por Enzo Ferrari despois de que este rexeite venderlle a empresa, o magnate mándalle á súa división de carreiras que constrúa un coche capaz de vencer aos poderosos italianos na competición máis dura: a carreira de 24 horas de Le Mans. Aquí é onde entran os dous protagonistas: o visionario mecánico Caroll Shelby (Matt Damon) e o talentoso condutor Ken Miles (Christian Bale), cuxa amizade é o eixo sobre o que se constrúe esta trama. 

 A amizade entre Shelby e Miles é o mellor de Le Mans ́66.

Sendo directos, esta é unha peli “de pais”. Destas que calquera pode apreciar sen romperse moito a cabeza e que con seguridade será das que, dentro duns anos, se boten os venres noite pola televisión e todo o mundo a vexa porque mola. Sinxela, sen ningunha pretensión máis que entreter (e pode que conmover, pero tampouco moito, non vaia ser) e ofrecer unha historia de superación e competitividade cumprindo un por un todos os clichés que un se pode imaxinar. E non hai nada de malo con iso. Green Book tamén desprendía unha enerxía similar, e foi a que triunfou o ano pasado, aínda que si que é verdade que tocaba un tema tan relevante hoxe en día como é o racismo. Le Mans ’66 non se preocupa por aportar nada novo nin por comentar algún aspecto que poidamos extrapolar ao mundo actual; só quere contarnos esta historia de dous colegas para os cales os coches o eran todo malia ter a todo o mundo en contra

Unha queixa que se adoita comentar é que a única muller de todo o reparto (Caitriona Balfe) segue o rol da esposa que simplemente apoia incondicionalmente ao seu marido piloto. Por suposto que é unha queixa válida, pero o certo é que Le Mans ́ 66 vai sobre a masculinidade. Á mínima, os dous protas andan a pegarse no medio da rúa porque poderán ser moi amigos, pero ante todo son moi machos. Terán familia, pero a ningún dos dous parece importarlles outra cousa máis que as carreiras e ser os “números un”.

Damon interpreta ao mítico personaxe serio e moi profesional que non ten tempo para estupideces, mentres que Bale vai a tope co seu atrevido, desafiante e descarado piloto. Este é un típico contraste de personalidades, pero aquí funciona perfectamente debido a que a actuación de ambos é correcta (sen chegar a ser espectacular), logrando crear unha boa -e repleta de testosterona- dinámica entre eles na que o respecto e a admiración mutua lévaos a dar o mellor de si mesmos. 

A paixón polo deporte, a sensación de trascender ao acadar grandes velocidades e, en resumo, a devoción polo motor é o outro punto forte. Sen destripar moito, un dos mellores momentos é cando Shelby convence a Henry Ford II para dar unhas voltas no coche que construíron coa intención de demostrarlle o que realmente se sinte. A nivel técnico, as carreiras son trepidantes, cun apartado sonoro xustificadamente enxordecedor. Tampouco se emprega CGI, sendo verdadeiros especialistas todos os pilotos da pantalla. 

Transmitir a gran emoción das carreiras é unha das claves da cinta.

Un terceiro tema a ter en conta sería o conflito entre o individualismo e o corporativismo, entre facer o que é o mellor para un mesmo ou só o que se espera de ti. Miles é un piloto cun talento extraordinario, pero non tanto un empregado modelo, polo que os seus ideais e a súa aspiración por ser o máis rápido chocan cos obxectivos de uniformidade da marca, chegando esta batalla ideolóxica ao seu punto máis álxido na carreira final e regalando así a escena máis memorable. Ah, si… logo temos un intento cutre de crear drama en tan só 10 minutos, pero mellor non falar diso… 

En resumo, Le Mans’ 66 é unha película sólida, aínda que pode facerse algo pesada, pois recordemos que dura dúas horas e media e que tampouco conta tantas cousas para xustificar tanto tempo. Non ten ningún tipo de identidade propia nin destaca especialmente por nada (o cal chama bastante a atención tendo en conta que ven das mans dun director que hai dous anos creou Logan, unha das películas máis atrevidas e diferentes do seu xénero), pero non por iso deixa de ser unha historia bastante interesante que parece que conquistou a gran parte do público. Quen sabe, quizais non mollarse e contentar a todos poida ser a clave do seu éxito. 

Dirección: James Mangold
Guión: Jason Keller, James Mangold, Jez Butterworth, John-Henry Butterworth
Fotografía: Phedon Papamichael
Música: Marco Beltrami
Ano: 2019
País: Estados Unidos
2.5
Pódeche interesar...
‘Bojack Horseman’ (T6): A redención do home cabalo