‘Love, Death + Robots’: Animación sen ataduras

Acostúmase a criticar as series orixinais de Netflix de ser pouco atrevidas ou orixinais e formulaicas, e na maioría dos casos isto é algo que se cumpre. De feito chega a cumprirse tamén na maior parte de películas producidas pola compañía estadounidense de vídeo on demand. Pero tamén hai excepcións.

Recentemente a estrea de The Umbrella Academy sorprendeu pola frescura que achegaba ao xénero dos superheroes, recurrindo a moi poucos tópicos e incluíndo un humor moi diferente ao que estamos acostumados a ver por exemplo nas películas de Marvel. Sen embargo todo o rompedor que podía parecer The Umbrella Academy queda en nada ao comparala coa nova serie de Netflix Love, Death + Robots.

Esta antoloxía de curtametraxes de animación está creada por Tim Miller, director de Deadpool (2016), e foi producida por David Fincher. A serie está conformada por un total de 18 episodios que nunca sobrepasan a duración dos 20 minutos e que as veces mesmo quedan por debaixo dos 10. Trátase de curtas cunha estética moi diferente entre si e con temáticas que van dende a ciencia ficción ata a fantasía.

Realizados por distintos equipos, cada episodio ten unha identidade propia, como a espectacularidade e a acción de curtas como A ventaxa de Sonnie, Metamorfosis ou Afortunados 13, a incrible animación de A testigo ou a inclusión de imaxe real en A idade de xeo. Destacan en especial episodios como Tres robots no que se fai un xenial uso do humor, ou Boa caza, no que a tradición xaponesa vai da man dunha visión futurista con toques steampunk, que ilustran a un dos mellores guións da serie.

En xeral non parece que sexan as tramas a principal preocupación dos creadores destas curtas, todas as historias teñen un certo aire de historieta, xirando normalmente entorno a unha única idea. Pero este toque de sinxeleza, con aires pulp dota de unha grande identidade a esta serie. Se ben moitas destas curtas non son para nada excelentes ao ser analizadas en solitario, o seu conxunto compón unha proposta especialmente fresca, rompedora e libre de ataduras, en todos os sentidos posibles.

Dende que comezou a promoción da serie fíxose moito énfase en que por ser animación, os seus episodios non estarían pensados para un público infantil. En Love, Death + Robots non hai ningún tipo de pudor á hora de amosar violencia, espidos e esceas de sexo. Non semella que esto fose un requisito imposto polos produtores, xa que hai episodios no que non se cumpre nada disto, senón máis ben un produto da liberdade creativa que se concedeu aos realizadores de cada curta. E se ben hai ocasións na que o uso destes recursos pode semellar algo efectista nunca chegan a ser empregados dun xeito problemático.

En definitiva, Love, Death + Robots é unha serie que debería ser de visionado obrigado para todos os amantes da ciencia ficción e a fantasía, así como para todas as persoas que consideran que un produto de animación pode ser tan impactante ou máis que un de imaxe real. Esta serie que chegou da nada podería convertirse nun espazo de difusión de pequenas pezas realizadas con total liberdade creativa que se alonxan por completo dos formatos e estruturas tradicionais da televisión.

Creador: Tim Miller
Guión: Tim Miller, John Scalzi, Alastair Reynolds, Peter F. Hamilton, Marko Kloos, Joe R. Lansdale, Janis Robertson
Música: Rob Cairns
Ano: 2019
País: Estados Unidos
5
Pódeche interesar...
Undone, a nova serie do creador de Bojack Horseman: Un envoltorio precioso para un interior mellorable