'Lucky', un recoñecemento obrigatorio a Harry Dean Staton

Harry Dean Staton é un actor imprescindible no cinema do século vinte. O seu papel en Paris, Texas ou en Corazón Salvaxe son imaxes históricas da sétima arte. Dean Staton é o clásico secundario, o que sempre estivo aí. Nas súas máis de duascentas películas. Ese ollar á nada, canso. Ese sarcasmo inconfundible. Unha presencia que xamais volverá existir coa súa morte aos noventa e un anos o setembro pasado.
Lucky, o debut na dirección do actor John Carroll Lynch, non se pode entender totalmente descoñecendo a figura do actor. É unha obra feita para el, unha homenaxe en toda regra. Neste momento o eterno secundario pasa ao protagonismo máis absoluto nunha interpretación memorable. Interpreta a Lucky, un home de noventa anos afeccionado á música mexicana e que vive sen compañía na súa casa. Dun xeito contemplativo, o tempo pasa nese fogar dun pobo do oeste estadounidense.
Por outra banda, o outro gran personaxe do filme é o encarnado por David Lynch. O famoso director interpreta a un amigo do protagonista triste porque se escapou a súa mascota: unha tartaruga Galápago. Este toque surrealista que acompaña ao personaxe -como ía ser se non se vemos quen o interpreta- acompaña de certa maneira a toda a película deixando momentos xenuinamente graciosos dende a ironía.
Obsérvase como o secundario é protagonista e o gran director é secundario. Un paradoxo intercambio de roles para un filme sorprendente. A nivel formal a obra está bastante espida, todo co fin de facer brilar a Staton, obxectivo que logra á perfección. As escenas onde sae el só son moi destacables, é incrible como unha persoa de noventa anos pode ter tanta forma soamente coa súa presencia. O oficio lévase no sangue e demóstrao á perfección.

Na vida do protagonista, todo transcorre a partir dunha rutina moi ben definida: erguerse, facer exercicios de ioga, ir á cafetería de sempre, facer pasatempos, ver concursos na televisión, tomarse unha -sempre un distinguido Bloody Mary– e durmir. Así un día tras outro ata que un día Lucky cae. Vai ao médico e o único que lle saben dicir é que ten noventa anos e que está maior. Isto supón un gran revés na súa vida. Dase contra o muro da realidade. Nada é para sempre.
A temática da obra é costumista, problemas nun principio nimios que son tratados dun xeito profundo pero sen ser pedante. Cun ton existencialista pero sen pasarse. Se algo bo se pode dicir é que sempre atopa o punto medio perfecto para avanzar. Por exemplo a soidade. Como di o protagonista nun momento dado: “Non é o mesmo estar só que vivir en soidade”. Un dos maiores inconvientes é que non se saiba diferenciar entre estes dous factores.
Tamén trata, por suposto, a reacción do ser humano ante a morte. O rexeitamento inicial, o medo, a incerteza e a final asunción. Neste senso, lembra un pouco á última película de Paolo Virzi, A viaxe das súas vidas, mais esta película é superior en case todos os seus aspectos. Todo e cada un dos puntos que se tratan están narrados cun punto de vista moi acertado e sen perder o interese, cun guión sólido e cun subtexto ateísta.
Gústame imaxinar que Lucky non é soamente un personaxe de ficción. Que hai no personaxe moito do actor. Oxalá Harry acabase con esa determinación tras cantar unha rancheira. Quizais só pero nunca en soidade. Porque Harry Dean Staton meréceo. Todas as palabras que podamos ter de agradecemento non son suficientes. Todos os recoñecementos quedan escasos.

Director: John Carroll Lynch
Música: Elvis Kuehn
Guión: Logan Sparks, Drago Sumonja
Fotografía: Tim Suhrstedt
Ano: 2017
País: Estados Unidos
4
Pódeche interesar...
Cineuropa 33 | Rita Azevedo recolle o seu galadón animando a consumir cinema en salas