‘Mank’: A carta de dimisión de David Fincher

Á hora de falar de películas como ‘Mank’ é moi sinxelo recurrir a tópicos e dicir que se trata dunha oda ao Hollywood clásico. Pero postos a recurrir aos tópicos considero que o máis axeitado para este filme sería dicir que é a película máis persoal de David Fincher. Escondida tras a fórmula dun biopic e a súa admiración pola figura de Herman J. Mankiewicz, o director estadounidense preséntanos a súa carta de dimisión ante Hollywood despois de tres décadas e unha decena de filmes rodados da man das grandes produtoras da industria do cine.

Fincher sempre foi un ‘outsider’ en Hollywood. Se ben o seu dinámico estilo visual chegado dende o mundo dos vídeos musicais resultaba novidoso nos anos 90, a súa forma de narrar nunca se caracterizou por ser rompedora. Porén, en todas as historias elixidas para as súas películas atopábanse temáticas pouco habituais no cine comercial norteamericano, con aires nihilistas e sen ‘happy endings’. A pesar do seu éxito e de ser recoñecido pola crítica como un dos mellores directores da súa xeración, a súa relación coa industria cinematográfica sempre foi complicada.

Dende a estrea de ‘Perdida’ en 2014, foron varios os proxectos cinematográficos do director que non chegaron a ningures. Neste tempo, Fincher atopou a súa maior estabilidade en Netflix, coa serie ‘Mindhunter’, a súa segunda colaboración coa plataforma de streaming despois de dirixir os primeiros episodios de ‘House of Cards’. ‘Mank’ é soamente a culminación do divorcio definitivo entre Fincher e Hollywood para dar o salto a Netflix, compañía que estreará esta película o 4 de decembro, onde o director semella sentirse máis cómodo e coa que ven de firmar un contrato de catro anos de exclusividade.

Curiosamente para este novo proxecto, Fincher decidiu filmar unha historia sobre Hollywood, escrita anos atrás polo seu pai, falecido en 2003. E non unha historia calquera, senón a de Herman J. Mankiewicz e o guión do clásico de Orson Welles ‘Cidadán Kane’, unha película que tivo que escribir dictando as súas liñas ao verse postrado nunha cama tras un accidente de coche que chegou nunha etapa da súa vida na que o seu alcoholismo xa causaba estragos. Á hora de filmar a película, Fincher apostou por recrear o estilo da época, amosando a súa admiración, non só polo traballo de Mankiewicz, senón por moitas películas do cine clásico.

A fotografía de Erik Messerschmidt aposta polo branco e negro sen renunciar ás cámaras dixitais e facendo un gran uso da profundidade de campo, unha das grandes innovacións cinematográficas introducidas por ‘Cidadán Kane’. Na música, Trent Reznor e Atticus Ross tamén saen da súa paleta sonora habitual para facer unha banda sonora que por momentos lembra ao estilo de Bernard Herrmann. Gary Oldman encárgase de poñer rostro e voz a Herman J. Mankiewicz no filme, unha complicada labor xa que a súa personaxe está presente en practicamente todos os planos da película gozando dun protagonismo absoluto.

Como xa resulta habitual nas películas de David Fincher, todo o relacionado co apartado técnico está coidado ata o máis mínimo detalle e secuencias como a da noite electoral contan con montaxes visualmente sorprendentes. Porén, non todo funciona tan ben neste filme. A estrutura da narración, construída en boa medida a través de longos flashbacks pode resultar algo dispersa por momentos e os diálogos dalgunhas escenas semellan excesivamente literarios, deixando pouco oco para a narrativa visual.

Se pensamos nesta película estrictamente como un biopic non nos atoparemos ante a produción máis destacada deste xénero. Pero o máis interesante de ‘Mank’ é o retrato que fai das produtoras cinematográficas de Hollywood, como grandes compañías controladas polas todavía máis grandes fortunas, que se aproveitan dos seus traballadores en tempos de crise, que fan uso da súa influencia sobre a xente para apostar por axendas políticas conservadoras e que tratan de frear aquelas películas que rachan coas súas ideas. Todo o contrario dunha oda ao Hollywood clásico.

No contexto no que se produce este filme da a sensación de que Fincher identifícase ata certo punto con Mankiewicz, como unha figura disidente traballando dentro dun sistema co que finalmente decide rachar. Desta maneira, por moito que esta película se atope ambientada nos anos ’30 e ’40, atopamos un discurso que nos está a falar sobre o panorama actual dunha industria cinematográfica que está achegándose a un punto de inflexión, unha situación que este ano se veu todavía máis acelerada, e na que David Fincher ten ben claro con que bando quere estar.

Dirección: David Fincher
Guión: Jack Fincher
Fotografía: Erik Messerschmidt
Música: Trent Reznor, Atticus Ross
Ano: 2020
País: EEUU
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.