'Matria', unha obra necesaria

A primeira vez que oín falar de Matria sorprendinme moi gratamente, unha curta galega na nosa lingua era galardoada no prestixioso Festival de Sundance. Mentres que dentro da nosas fronteiras nin sequera se coñecía, a obra de Álvaro Gago recibía recoñecemento internacional. Tras dous meses podo dicir que entendo a perfección o por que da súa presencia, tras a súa visualización estou en condición de afirmar que os seus éxitos son totalmente merecidos.

Matria é unha obra onde os produtores son o pai e o tío do director, Álvaro Gago. Onde Francisca Iglesias -unha actriz non profesional- interpreta a Ramona, unha traballadora dunha fábrica de mexillóns. É un proxecto modesto e feito con mimo. A historia ten numerosos elementos biográficos de Francisca e nótase na súa formidable interpretación. Moitas veces semella que entre actriz e personaxe soamente existe unha diferencia nominativa. A formulación da curta é simple: como pasa un día unha persoa dobremente explotada: por pertencer a clase obreira e por ser muller.

Non soamente é interesante a temática, se non a forma. Optouse por un estilo moi documental no que se nota a influencia do mellor Ken Loach. É axudado por unha dirección de fotografía que brila notablemente. A responsable neste apartado é Lucía C. Pan, un dos grandes talentos emerxentes do país, tamén responsable da fotografía doutras obras como a laureada con trece premios Mestre Mateo e cun grande éxito nos festivais internacionais Dhogs.

A curtametraxe é primeiramente unha denuncia do asolagamento das clases populares. E o é dun xeito moi intelixente, búscase que o espectador sinta como propias as situacións que vive Ramona, tanto polo cotián das escenas presentadas como polo verosímil das mesmas. Lógrase dun xeito perfecto esta identificación aínda que xamais se vivise algo parecido, é dicir, o espertar dunha solidariedade moi necesaria nos días que vivimos, onde o sistema capitalista transmite elementos individualistas dende que somos cativos.

Pero quizá a contribución máis importante que dá a curta é a desmitificación do matriarcado co que moitas veces se asocia ás familias galegas. Esa frase que todos escoitamos algunha vez de que “a dona manda na casa”. Ramona traballa nunha fábrica onde apenas lle deixan tempo nin para ir ao baño, no fogar ten un marido absolutamente noxento e é ela a que a pesar de estar enferma cárgase ao lombo con todo para todo o mundo. Non ten unha posición de poder en ningún momento senón que sufre o patriarcado dun xeito atroz. Non manda para nada, é practicamente unha escrava. Todas as figuras hexemónicas da obra son homes: o xefe da fábrica, o marido da protagonista ou os homes sen preocupacións que pasan todo o día no bar mentres as mulleres traballan. Incluso á única muller que ten unha certa posición de poder se lle atribúen valores que habitualmente son considerados masculinos.

Matria non soamente é unha boa obra, senón que é unha obra necesaria. O papel das obras contra hexemónicas é vital. Ademais, neste caso esta curta de vinte un minutos está perfectamente realizada e acada perfectamente os obxectivos que se propón. É unha xoia do cinema galego que non pode ser esquecida e que merece unha ollada. Unha visualización obrigada.

Director: Álvaro Gago Díaz
Guión: Álvaro Gago Díaz
Fotografía: Lucía C. Pan
Ano: 2017
País: Galicia
5
Pódeche interesar...
Cineuropa 33 | Madurar implica que sexa Tarde para Morrer Novo