‘Mentres dure a guerra’, Unamuno e a imposibilidade da equidistancia

O último e controvertido filme de Alejandro Amenábar, Mentres Dure a Guerra, presenta a figura de Miguel de Unamuno como espírito da contradición nos primeiros estadios da Guerra Civil e nos últimos días do escritor. Máis aló do eido fílmico per se, a película retumbou na sociedade actual. Algúns sectores da ultradereita intentaron dalgunha maneira boicoteala debido a que presenta ao bando nacional, así como aos seus líderes (Franco e Millán-Astray esencialmente) como uns borregos exaltados. Varios xornais tamén saltaron en contra do filme, quen sabe por que.

É certo que hai lectura política no filme de Amenábar, non tanto con respecto a tomar partido (xa que ao final as cousas caen polo seu propio peso), senón xa desde a mesma decisión de levar á gran pantalla este suceso histórico. A través de Miguel de Unamuno, escritor vasco afincado en Salamanca, e a súa figura como ente cultural de máxima influencia da época, o director fala de aspectos político-sociais que aínda están en vigor.

A narrativa céntrase nas dúbidas do escritor sobre o que está a suceder na época. A nivel social parece ser que o intelectual pasou de ser un republicano convencido cara unha persoa favorable á sublevación do exército contra Azaña, incluso financiando o bando nacional. No filme explórase esa dicotomía entre o que el parece pensar, e o que a realidade está a amosar, tocando incluso fibras máis sensibles como algunhas das súas amizades, adheridas ao republicanismo. Karra Elejalde fai unha actuación brillante, tan contida na intimidade como explosiva no eido público do escritor.

Constrúese a historia esencialmente a través da relación do escritor co seu contexto familiar, social e político. Mantendo unha posición primeiro afastada e escéptica, equidistante poderiamos dicir, que acaba co famoso suceso do paraninfo da Universidade de Salamanca, onde basicamente lles di catro cousas a un público fascista que pensou que os ía a lexitimar cultural e intelectualmente.

A outra personaxe que cobra protagonismo na historia é José Millán-Astray, o militar fundador da Lexión, figura importante dos sublevados e a representación fascista no acto da Universidade de Salamanca que centra o filme. Créase un personaxe carismático que se alza coma antagonista principal ante o seu colega Franco, que na película é pouco máis que un pelele ignorante que se deixa levar. Millán-Astray pola súa parte convértese nun ladrón de escenas, onde o seu estraño aspecto físico e a súa dialéctica bárbara se contrapón ante a intelectualidade fervorosa e anciá de Unamuno.

A verdade é que esta pequena lección de historia en forma de filme non presenta moito atractivo para o espectador medio, máis aló do nome de Amenábar. Pero e que é o director quen consegue elevar o relato e darlle unha emoción non esperada. Hai rabia na cámara cando se cambia a bandeira republicana pola monárquica, hai burla en cada escena de Franco e hai sentimento no discurso de Unamuno, todo co poder da realización, da música e de grandes actuacións.

Algo remove ao espectador ao ver este filme. Vense reflexos dun pasado que os máis novos case non temos en conta e a pantalla devólvenos un panorama que chega a latexar ata a realidade. España doíalle a Unamuno e España dóelle a Amenábar. Ambos intenta(ro)n dar resposta a través do medio cultural, pero non é o eido que máis se escoita. A Unamuno custoulle moito posicionarse e fíxoo demasiado tarde, cando xa non pagaba a pena, tan só para morrer tranquilo coa súa propia conciencia, unha das cousas nas que todas as persoas intelixentes queren coincidir. A aqueles sen conciencia é ata difícil enterralos nun lugar apropiado, aínda tantos anos despois.

Dirección: Alejandro Amenábar
Guión: Alejandro Amenánar, Alejandro Hernández
Fotografía: Alex Catalán
Música: Alejandro Amenábar
Ano: 2019
País: España
4
Pódeche interesar...
Jonás Trueba firma (sen querer) o manifesto dunha xeración na ‘Virxe de Agosto’