‘Naceu unha estrela’: O impulso do estético

Un dos cambios máis significativos nos Óscar da última década é aquel xurdido no número de películas que son nomeadas ao premio de mellor película, cambiando as cinco nomeacións tradicionais a ter, dende 2010, un mínimo de dez filmes loitando pola estatuílla. A raíz disto, xa me comezo a esquecer de épocas nas que non houbese un filme (ou incluso dous) nomeados á estatuiña máis grande dos premios canto máis preto está a gala de premios.

Dende entón, tamén, é moito máis sinxelo ver —se é que a alguén lle queda algunha— que as nomeacións dos Óscar atenden a cuestións máis alá do estritamente cinematográfico. Así, vimos nomeadas nos últimos anos películas acompañadas de polémica por este feito como puideron ser A ponte dos espías (Steven Spielberg), American Sniper (Clint Eastwood) ou En terra hostil (Kathryn Bigelow), que incluso se levou o premio.

Son filmes que, por A ou por B, fannos dubidar de se mereceron esa nomeación a algo tan grande e importante como son a día de hoxe os Óscar, supostamente representativos do cine feito nos Estados Unidos, con ese xigante aparentemente inamovíbel que é Hollywood. Por unha banda, podemos destacar a diferenza cualitativa entre un filme e outros que compartiron nomeación con eles; e por outra banda tamén se destaca moito a temática tratada en ditas películas. Así, por exemplo, nos casos anteriores sempre se sinalou como son pequenas obras dedicadas a impulsar e destacar un imperialismo atroz que é pan de cada día ao falar do país a día de hoxe gobernado por Donald Trump.

Para o premio deste ano, destacaron as críticas que abertamente recibiron por parte de moitos críticos e públicos os filmes Black Panther, do cal xa falamos fai uns días nestes repasos dos Óscars, e tamén Naceu unha estrela, que supuxo o debut de Bradley Cooper á dirección (nomeado a mellor actor, pois tamén a protagoniza) e unha nova ocasión para ver a Lady Gaga fora dos escenarios, recibindo ela tamén a nomeación a mellor actriz polo seu papel. Poderiamos engadir películas como Bohemian Rhapsody tamén ás críticas, pois tamén parece que moitos están a preguntarse se unha película con tan pouco interese lonxe da temática é merecedora do galardón.

Tal vez os números axuden a entender un pouco a nomeación: Entre os blockbusters, englobando no termo as películas típicas (e incluso tópicas!) de superheróes e Star Wars —sendo Black Panther a película máis lucrativa do ano—, a primeira obra que aparece no top ventas son Os Increíbles 2 —que loitarán pola estatuiña a mellor película de animación—, unha nova adaptación do Grinch, e as dúas primeiras películas máis taquilleiras afastadas deses mundos son Bohemian Rhapsody e Naceu unha estrela, levándose tras de si 212 e 210 millóns de dólares cada unha —e respectivamente— ao redor de todo o mundo. Cun escaparate tan grande, parecía difícil que os premios da crítica estadounidense os deixaran fora.

Naceu unha estrela veu acompañada de boas críticas, que axudaron sobre todo a Bradley Cooper e Lady Gaga a saír airosos da situación. Ambos compren con nota —Cooper tanto en actuación como dirección—, e ante o fenómeno creado en todo o mundo ao redor da obra estas actuacións foron incluso mellor vistas. Tanto, que na Asociación de Críticos Norteamericanos concederon  premios de director e actriz a ambos.

Trátase dun remake do filme homónimo feito en ata tres ocasións anteriores: 1937, 1954 e 1976; conseguido adaptala en forma dunha maneira elegante, tratando de coller a historia e presentala de maneira que o público do século XXI poida sentirse atraída por ela. Colabora en conseguir que isto se leve a cabo de maneira fantástica o director de fotografía Matthew Libatique, colaborador habitual de directores como Darren Aronofsky, quen tamén traballou con Spike Lee, Jon Favreau ou Jodie Foster. Destacan sobre todo as escenas de concertos, que permiten ao espectador teletransportarse mentalmente aos momentos ensinados: cando Cooper ou Gaga están no escenario, nós estamos no público.

No estritamente relacionado coa historia, téntase tamén darlle os detalles para que empaticemos e identifiquemos cos personaxes, sobre todo co de Lady Gaga, Ally. Así, a película nacerá co primeiro encontro entre esta e a personaxe de Bradley Cooper, Jack. Dende entón, por moito que o título semelle outra cousa, non nos centraremos no nacemento de Ally como nova estrela da música internacional, senón con como a suposta marabillosa parella irá cambiando o seu comportamento o un co outro a medida que pasa o tempo e as situacións de ambos personaxes invértense.

Bradley Cooper interpretará a Jackson Maine, Jack, unha estrela do rock vida a menos por problemas tanto físicos como psicolóxicos sen tratar, e centrando a historia sobre todo no seu alcoholismo e as súas adicións a outras drogas. Mediante el, o filme tentará tratar cuestións máis serias e dar unha imaxe máis próxima a dita enfermidade.

E, de feito, a situación persoal deste —e os seus sentimentos— irán cobrando maior importancia en situacións cada vez máis negativas para ambos, mais dándolle un papel principal ao acontecido con Cooper, esquecendo polo camiño as posibles opinións e reaccións que as accións deste poidan ter en Lady Gaga de maneira clara, e deixando isto en moitas ocasións en comentarios doutros personaxes. Así mesmo, as maiores mostras de sentimentos de Ally en todo o filme serán en situacións reacción a accións de Jack.  A relación de ambos é unha clara relación tóxica, e de co-dependencia, onde ningún dos dous se sinte cómodo.

Tentando no seguinte parágrafo non contar detalles importantes da trama, debemos destacar que o filme terá un final abrupto, ben gravado, e dándonos sensacións en pequenas doses inter-conectadas, si, mais tamén que nos deixa entrever unha lectura da realidade moi básica, non tan actual como parecía, e incapaz de atopar unha maneira de chegar ao final —mesmo que nos outros remakes— na que non se recorra a tópicos tóxicos.  Tal vez fora querendo, e por psicoloxía inevitable dos personaxes, mais inclínome a pensar que o final podía ter alcanzado un mesmo nivel de tristeza —ou, incluso, superior!— non reproducindo unha situación tan recorrida no cine.  E o digo así, pois se ben o final é o mesmo que no resto de filmes feitos, a maneira de chegar a este é diferente.

Sería imposible, por suposto, facer unha crítica deste filme sen atender á música, que conta cun Bradley Cooper tamén re-convertido a cantante acompañando na voz a Lady Gaga, quen brilla de verdade nas escenas musicais, como non podía ser doutro modo.

A construción da banda sonora destaca por estar construída acorde aos acontecementos do filme, cambiando de produtores dunha canción a outra a medida que os cambios nos estilos musicais, sobre todo de Ally (Lady Gaga) teñen lugar. Así, as primeiras cancións do filme destacan por estar producidas e escritas por artistas actuais do country como Lukas Nelson ou Jason Isbell, e a medida que a carreira de Ally se desenvolve aparecen produtores como Nick Monson (quen colaborou con Gaga en Artpop), Julia Michaels ou Justin Tranter (escritoras para artistas como Gwen Stefani, Selena Gomez ou Justin Bieber).

En xeral, non se pode dicir que Naceu unha estrela sexa merecedora do premio a mellor película, mais obviamente será unha dura rival a bater nos premios musicais. Finalmente, a idea que xera en nós é a dunha película preparada para facer destacar a Gaga e as súas facetas musicais, así como a de que Bradley Cooper non é tan mal director como puideramos pensar. Lonxe diso, non chega a máis do que se nos ensinou en máis dunha ocasión, e ten grandes lastras argumentais.

Director: Bradley Cooper
Guión: Will Fetters, Bradley Cooper, Eric Roth
Fotografía: Matthew Libatique
Música: Lady Gaga, Bradley Cooper, Luke Nelson
Ano: 2018
País: Estados Unidos
3
Pódeche interesar...
As distintas caras de Blade Runner