Nomadland: Unha furgoneta mirando cara as montañas

Chloé Zhao impresionou a todo o mundo con The Rider, a súa opera prima. É, sen esaxerar, un dos mellores filmes dos últimos anos. Nesa historia, a directora estadounidense exploraba a identidade das persoas atravesadas por un contexto moi forte e duro. Para iso valíase de actores non profesionais para uniformizar un relato que por momentos vehiculaba entre a ficción e o documental cun valor etnográfico enorme.

E a min non foi o único ao que me chamou a atención, parece que a Frances McDormand tamén. A actriz foi quen elixiu a directora para Nomadland ao adquirir previamente os dereitos do libro no que se basea. As formas da directora de The Rider sobre o papel parecían moi interesantes para contar esta historia pero foi así finalmente?

Nomadland narra a historia de Fern, interpretada por Frances McDormand, unha muller que queda viúva e sen casa onde vivir por diversas circunstancias. Por mor desa situación emprende unha vida nómade polos Estados Unidos. Indo de traballo precario en traballo precario sen intención de establecerse e tampouco facilidade ante a ausencia dunha ocupación minimamente estable.

Polo camiño, atopa unha comunidade nómade. A preciosidade do filme está en coñecelos pouco a pouco, nin máis nin menos. Zhao contaba en The Rider como era a unha vida atravesada por un xeito de vivir moi concreto vinculado ao fogar. Nesta ocasión intenta facer o mesmo pero co axioma de que o fogar non ten por que ser unha casa. Nin estar quieto. E realmente logra momentos moi fortes emocionalmente a través das imaxes.

Por outra banda, todos os premios para McDormand son poucos. Dise sempre que ela non ten película mala e parece empeñada facelo realidade. Nesa relación entre actores non profesionais e ela que establece o filme, non só non se nota senón que a interpretación é tan boa que se mimetiza co ambiente dun xeito perfecto.

Nos primeiros intres do filme, parecía que a temática ía ser eminentemente reivindicativa. As secuencias da protagonista traballando en Amazon, a imposibilidade de quedar nun sitio… pero non é así. Podería ter sido unhas Uvas da ira no século XXI, pero quedouse nun Into the Wild pero en boa. Con moita peor banda sonora iso si, probablemente o punto máis frouxo de Nomadland.

Porque esta viaxe de atoparse a un mesmo e coñecer perfiles maltratados funciona. Faino mediante unha montaxe efectuado pola propia directora que é o elemento máis destacable do filme. A película conta moito pero nunca perde o tempo. Foxe de voces en off e sobreexplicación de contextos para simplemente narrar mediante imaxes e ambientes. Toma ao espectador por un ser intelixente e non fai concesións.

Tamén é unha película tremendamente preciosa. Grazas a unha dirección de fotografía moi destacable e a unha selección das localizacións tremenda. Realmente neses momentos de planos que non parecen rematarse nunca, si que contaxia o espírito de aventura. De elixir un xeito de vivir diferente. E ao final parece que niso é o que vai ter que ver o cine de Zhao, na exploración da identidade en contextos fóra do común.

En todo caso, non supera a The Rider e case ningún aspecto. Porque que te salga unha película tan destacable é moi complicado. En todo caso, o que Nomadland seguramente vai ter e The Rider non tivo son premios. E é unha mágoa. Iso si, Nomadland ten potencial para conseguir todo o que queira por si mesma.

Directora: Chloé Zhao
Guión: Chloé Zhao
Fotografía: Joshua James Richards
Música: Ludovico Einaudi
Ano: 2020
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.