‘Normal People’: O amor separaranos outra vez

Houbo moito tempo no confinamento para ver series e, por sorte, chegaron moitas propostas interesantes ás plataformas de streaming coas que encher os días. Suplimos a nosa aburrido e illado día a día polo acontecer das personaxes dentro da pequena pantalla. E xustamente, non por casualidade, case todas as series que tiveron un certo éxito nestas últimas semanas desprendían acción, ritmos trepidantes e as situacións máis impensables nas nosas anódinas vidas.

Por iso atoparse con Normal People despois de tanta ficción infatigable é un alivio. Baseada na premiada novela homónima de Sally Rooney, quen foi tamén unha das responsables de adaptala á pantalla, a serie chega como un repouso sopesado e reflexivo, pero nunca aburrido. A premisa é simple: a relación a través dos anos entre Marianne (Daisy Edgar-Jones) e Connell (Paul Mescal), dous mozos na Irlanda consumida pola crise de 2008 que namoran. E todo o argumento se constrúe a partir de aí, sen nunca despegar os pés do chan.

Como a maioría das relacións -e sobre todo no primeiro amor-, as cousas complícanse e xorden inseguridades. Pero o máis interesante de Normal People non é o realismo honesto e visceral do eixo relacional. O insólito neste tipo de historias románticas é que o que verdadeiramente se retrata con gran esmero é o cadro emocional dos protagonistas; as súas motivacións, a natureza dos seus medos, o que supón ter vinte e pico coa incerteza do que deparará a túa vida.

Co brillante texto literario do que nace a serie, o camiño xa estaba medio feito. Pero adaptar un libro ao audiovisual é unha tarefa extremadamente complicada. Cómpre axustar os tempos, o discurso e a acción a un formato completamente diferente. E Normal People faino de forma extraordinaria en todas as súas manifestacións.

En primeiro lugar, a decisión pouco frecuente na BBC de renunciar á seriación en seis capítulos e apostar por desdobralos en 12 capítulos de media hora non podería ser máis acertada. Toda a densidade emocional que envolve Normal People desfrútase moito máis en pequenas doses, sen arriscarse a confiar que o espectador poida soportar as idas e vidas amorosas de dous vinteaneiros durante demasiado tempo seguido.

E tampouco cae na odiosa -e insoportablemente habitual- fórmula do punto de xiro ao desenlace para forzarte a clicar inmediatamente no seguinte capítulo. Prefire pechar un ciclo en cada entrega, conseguindo apoiarse na engaiolante personalidade dos seus protagonistas para interesar ao observador no que lles deparará na seguinte. Sexa unha semana ou un ano despois, pois o lapso de tempo entre episodios é outra incógnita.

Tamén con certo chamativo voyeurista, pois un non pode evitar reconfortarse na intromisión da súa intimidade, mediante longas e explícitas escenas de sexo ou nos máis descarnados conflitos familiares. E a sofisticación e delicadeza da narración consegue non xerar incomodidade, senón a introdución natural do ollo do espectador na diéxese.

As brillantes interpretacións dos noveis Daisy Edgar-Jones e Paul Mescal plasman á perfección todas as emocións das súas personaxes, cristalizándose nun continuo tira e afrouxa que deixa a flor de pel moitas das inquedanzas e inseguridades máis implícitas do ser social: a despersonalización dun mesmo no ambiente social, como se reflicte a carencia de coidados no seo familiar nos comportamentos da adultez, as barreiras individualistas que dinamitan a creación do vínculo relacional.

E tacitamente xermina durante o transcurso da acción o conflito de clase. Marianne pertencía á familia máis rica da vila, mentres a nai de Connell traballaba limpando a súa casa. Como un muro silencioso, nunca falado entre eles, que impedía o establecemento dunha relación entre iguais. Semella que a confianza non se fai plena na relación ata que ambos se somerxen na incerteza económica que atravesou de pleno a unha xeración enteira. A mesma que fai que ambos rematen tomando camiños separados.

A primeira vista, Normal People pode parecer un drama máis sobre adolescentes nun idilio amoroso de constantes idas e vidas, pero é moito máis. Normal People é un honesto e detallado exercicio de empatía arredor de dous mozos que maduran xuntos e, pouco a pouco, rompen xuntos as cadeas os obstrúen.

Dirección: Lenny Abrahamson, Hettie Macdonald
Guión: Sally Rooney, Alice Birch, Mark O'Rowe
Fotografía: Suzie Lavelle, Kate McCullough
Ano: 2020
País: Reino Unido
4.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.